Domingo 28 Abril 2024

Afecta a contaminación luminosa á produtividade das rías? Esta batea sensorizada ten a clave

O CIM e o CITIC colaboran neste proxecto para estudar o impacto da luz artificial no litoral de Vigo e Pontevedra

Unha planta de exterior, se ten preto un farol que a alumee polas noites, inclinarase cara el. Esta é a explicación que dá o director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), Daniel Rey, para intentar explicar a influencia da contaminación luminosa no ciclo dos seres vivos. Os ritmos circadianos controlan os reloxos biolóxicos e a primeira pregunta que se fai este investigador é se isto tamén ten repercusións nos seres vivos que se atopan baixo a auga. Para levar a cabo o proxecto que dea resposta a esta cuestión, o CIM e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) estableceron unha colaboración estratéxica para estudar o impacto da luz artificial nas rías de Vigo e Pontevedra.

A principal hipótese da que parte o equipo é sobre a produción primaria en xeral nos ciclos biolóxicos. “Temos montada a batea e estamos poñendo moitos sensores. De momento, aínda nos temos ningún valor referencia, pero sería interesante recompilar datos ao longo dun ano para que pasen todas as estacións”, apunta Rey. Para conseguir toda esta información, monitorizaranse as rías galegas con dúas unidades FreeDSM, fotómetros de baixo custo: un estará colocado na ría de Aldán e outra no peirao da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do CIM, ambos lugares representativos da actividade pesqueira da zona. “En Aldán, entendemos que hai pouca contaminación luminosa, pero teremos que observar se hai algunha alteración dos ciclos biolóxicos”, alega o director do CIM.

Publicidade

Os sensores que se empregarán no estudo. Foto: CITIC

O proxecto Gaia4Sustainability, coordinado polo CITIC e a Universitat de Barcelona (UB), creou un modelo de brillo nocturno baseado nos datos do satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA) e poderase utilizar nesta nova investigación, ademais do FreeDSM. Segundo explica o CITIC, o uso do modelo de brillo nocturno baseado nos datos de Gaia, combinado coas medicións do FreeDSM, permitirá obter unha avaliación máis completa e precisa do impacto da luz artificial nos ecosistemas. O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, comenta que os sensores recollen datos cada día. “Estudarase a variable luminosa en determinados momentos do ano. Nalgunhas datas hai máis contaminación que outras pola atmosfera ou pola influencia turística”, postula o director do CITIC.

O estudo demostrará se a contaminación luminosa inflúe no proceso de crecemento dos mexillóns

Por exemplo, explica González, este estudo permitirá avaliar se a contaminación luminosa ten repercusións no tamaño dos mexillóns. O CITIC alega que este proxecto obterá información valiosa para tomar medidas axeitadas que reduzan a contaminación por luz artificial e promovan sistemas de iluminación máis afectivos, respectuosos co medio ambiente e seguros para a saúde humana. O CIM e o CITIC, ambas institucións pertencentes á Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS), únense para formar unha sinerxía dentro da rede fomentada pola Xunta orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia no ámbito nacional e internacional. “Antes deseñábase uns equipos para un determinado proxecto, pero poden ter outras derivadas e pódense aplicar a outros entornos”, explica, en relación á reutilización do modelo creado no marco proxecto Gaia4Sustainability.

Daniel Rey, pola súa banda, alega que esta é unha colaboración que marcará un “percorrido” e agarda que sexa moi produtivo e dure moito tempo. No proxecto participan os expertos Ana Ulla e Daniel Rey por parte da Universidade de Vigo (UVigo) e do CIM, e Carlos Dafonte e Minia Manteiga do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), que ofrecerán a súa visión dende diferentes áreas de estudo para establecer conclusións a partir do material obtido. “Para a conservación dos ecosistemas mariños e, como non, o benestar da comunidade local, é imprescindible monitorizar a afección que supón unha cuestión tan de actualidade como a contaminación luminosa. Unha vez a comprendamos, poderemos mitigala”, sostén Rey.

Mapa de contaminación lumínica de España. Foto: Light Pollution Map

Un artigo de investigación publicado en Sciencie xa apuntou en 2016 que máis do 80% do mundo e máis do 99% da poboación estadounidense e europea vive baixo ceos contaminados por luz. “A Vía Láctea está oculta para máis dun terzo da humanidade, incluído o 60% dos europeos e case o 80% dos norteamericanos”, apuntan os científicos do artigo “Atlas mundial de brillo artificial do ceo nocturno”. Outro artigo publicado en Nature un ano máis tarde, “A luz artificial pola noite como unha nova ameaza para a polinización”, demostrou que a contaminación luminosa ten consecuencias negativas para o éxito reprodutivo das plantas. “As visitas nocturnas ás plantas reduxéronse nun 62% en comparación coas áreas escuras. En particular, isto resultou unha redución xeral do 13% na produción de froitos dunha planta focal”, reflectía o estudo.

Dende punto parten os investigadores do CIM e do CITIC. A contaminación lumínica impacta nos seres vivos, pero, como o fará nos que viven baixo o mar? Aínda queda como mínimo un ano para poder explicalo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:18

Estes seres microscópicos son os causantes das mareas vermellas e proliferan na Ría de Pontevedra

Un equipo do IEO tomou mostras en Campelo tras coñecer o peche dalgunhas zonas bateeiras pola presenza de toxinas paralizantes

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA