Antigo cuartel da garda de asalto, testemuña dos bosques autóctonos de Galicia

A vexetación exuberante que rodea ás ruínas é un dos rasgos máis característicos das illas que conforman o arquipélago de Cortegada

A Illa de Cortegada, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, non é só natureza, senón que agocha tamén contrucións históricas. Na cara oeste da illa, mirando cara ao océano, atopamos as ruínas do cuartel da garda de asalto. A vexetación exuberante que o rodea é un dos rasgos máis característicos das illas que conforman o arquipélago de Cortegada. Na parte occidental da illa, localízanse as ruínas dunha construción en pedra cunha gran porta rematada en arco. Trátase do cuartel da garda de asalto, construído trala II República, cando a illa pasou a formar parte do Estado.

Este cuartel contaba con cadras anexionadas, e posiblemente, pola presencia de dúas pedras de moliente, cun muíño. Aínda que hoxe en día as ruínas están cubertas de vexetación, o lugar no que foi construído o cuartel, mirando cara a parte externa da ría de Arousa, dá idea do uso que as autoridades lle daban, pola súa posición estratéxica para o control marítimo da ría. Para os afeccionados á ornitoloxía, este lugar constitúe tamén un fermoso miradoiro, dende o que se poden observar, segundo a época do ano, multitude de aves acuáticas durante as súas labores de marisqueo ou pesca.

Publicidade

Vista a illa Malveira.

A garza cincenta (Ardea cinerea), a garceta común (Egretta garzetta), o bilurico claro (Tringa nebularia), o mazarico chiador (Numenius phaeopus) ou o corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis) son só algunhas das aves que podemos atopar. Dende esta parte da illa tamén se poden observar o resto de illotes que conforman o arquipélago de Cortegada: Malveira grande, Malveira chica, O Con e Briñas, todos eles catalogados como zonas de reserva.

A illa Malveira Grande garda unha pequena representación do carballo pirenaico (Quercus pyrenaica), unha especie arbórea autóctona que dominaba as antigas carballeiras, principalmente pola súa resistencia á seca. A protección desta illa favoreceu a súa conservación, xa que é especialmente sensible a presión humana. A diferenza dos arquipélagos anteriores, na illa de Cortegada encontramos grandes bosques de carballos (Quercus robur), loureiros (Laurus nobilis) e salgueiros (Salix atrocinerea), ademais de plantas que cobren o solo, e masas de piñeiros e eucaliptos. Aínda que menos abundantes, tamén podemos atopar algúns carballos pirenaicos (Quercus pyrenaica) e castiñeiros (Castanea sativa), entre outros.

Publicidade

O bosque de loureiro máis grande da Península Ibérica

A situación de Cortegada, na ría de Arousa, proporcionou a esta illa o clima e condicións idóneas para o crecemento do maior bosque de loureiro (Laurus nobilis) de toda a Península Ibérica. Este bosque ocupa máis da metade da superficie total da illa, acadando algúns dos seus exemplares, alturas de ata 13 metros. Sendo nun inicio empregado como límite dos campos de cultivo, o feito de que estes foran abandonados a principios do S. XX fixo que o loureiro colonizara espontáneamente todo o territorio insular, ata formar o impresionante bosque que hoxe nos agasalla os sentidos.

Bosque de laurel na illa de Cortegada.

Cortegada e a micoloxía

Cortegada, con máis de 600 taxóns atopados, é o arquipélago de maior interese micolóxico do Parque Nacional. Destaca a Favolaschia calocera, de Madagascar, atopada por primeira vez en Galicia, aquí.

Favolaschia calocera.

Descarga aquí a vixésimo oitava entrega desta guía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Cíes perden biodiversidade: así destrúe o cambio climático as reservas mariñas

O autor do estudo do CSIC sobre as Illas Atlánticas advirte sobre o quentamento das augas e a acidificación como os principais factores de alteración ecolóxica

Un novo fungo amplía o catálogo natural da Illa de Cortegada

O achado engádese a máis de 1.000 fungos rexistrados no ecosistema insular de 44 hectáreas que concentra arredor do 50% do total documentado en Galicia

Os embrións das aves escoitan as conversacións dos seus pais dende o ovo

Un estudo da Universidade de Vigo estudou 44 familias de gaivota patiamarela da illa de Sálvara para atopar diferenzas durante a incubación

Tiburón a vista de dron: un achado inesperado nas illas Cíes

Investigadores da Universidade de Valencia captaron en agosto as imaxes dunha quenlla que nadaba nas augas costeiras do parque nacional