As Cíes perden biodiversidade: así destrúe o cambio climático as reservas mariñas

O autor do estudo do CSIC sobre as Illas Atlánticas advirte sobre o quentamento das augas e a acidificación como os principais factores de alteración ecolóxica

“Non serve de moito facer reservas naturais se non sabes o que pasa nelas”. Estas son as palabras de Xavier Turon, investigador do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) e autor principal do estudo que detectou un descenso de arredor do 40% da biodiversidade nos parques nacionais das Illas Atlánticas e no Arquipélago de Cabrera. A través de mostraxes repetidas nos mesmos hábitats do fondo mariño entre 2014 e 2022, o equipo foi capaz de monitorizar o ecosistema. No caso galego, centráronse especificamente nas Illas Cíes.

Os datos obtivéronse mediante técnicas xenéticas avanzadas que permiten identificar toda a diversidade de organismos mariños que conviven neste espazo, dende grandes ata microscópicos. “A maioría de especies que atopamos son moi pequenas, pero son as primeiras que cambian”, sinala o investigador. A pesar de que os invertebrados grandes son os que máis sofren esta perda, a desaparición dos máis pequenos tamén trae consecuencias: por exemplo, unha esponxa de mar é unha especie mediana, pero na súa superficie conta con pequenos habitantes que desaparecen do seu redor. “O que ocorre cos organismos pequenos é un indicador importante dos cambios, máis difíciles de ver a nivel macroscópico”, engade Turon.

Publicidade

Así, son os seres microscópicos os que indican que as comunidades das Illas Atlánticas están cambiando, véndose alteradas e simplificadas. Segundo o estudo, neste ecosistema galego atópanse 2.700 especies de organismos eucariotas, dende un coral ata un microbio, sen ter en conta nin bacterias nin outras especies procariotas. Pero cal é o motivo da diminución da biodiversidade?

Sen impacto humano, pero si climático

O equipo de Xavier Turon, coa participación da Universidade de Barcelona, non esperaba esta ampla perda de biodiversidade, aínda que sabían que as cousas estaban a cambiar. Aínda que as reservas, e máis aínda os parques nacionais como o das Illas Atlánticas, líbranse dos impactos humanos —sobrepesca, infraestruturas—, as proteccións non fan que desaparezan os cambios globais asociados ao cambio climático, á acidificación das augas, ao quentamento ou aos cambios nas correntes.

Publicidade

O mesmo ocorre no caso dos arrecifes de coral en mares tropicais: aínda que se pensa que a solución é facer máis parques para protexer ás comunidades, estas están criticamente ameazadas polo quentamento das augas. Con todo, o investigador do CEAB-CSIC é claro: “As reservas son necesarias para protexer a especies explotadas e restablecer relacións ecolóxicas, pero o problema vai máis aló”.

Diferenzas segundo a profundidade

A investigación centrouse en diferentes comunidades mariñas das Cíes: a primeira, a 5-6 metros de profundidade, está dominada por algas; a segunda, de pequenas pedras e algas calcarias, está a 10 metros; finalmente, as algas e invertebrados a maior profundidade atópanse entre os 18 e 20 metros, onde hai esponxas e corais. Neste último grupo aparecen as especies detríticas, é dicir, organismos que se alimentan de materia orgánica morta como restos de plantas ou animais; trátase da comunidade máis rica das Cíes.

“De todas estas comunidades, a máis superficial é a que se ve máis afectada polo quentamento“, sinala Xavier Turon. O investigador atribúe os efectos do cambio global sobre as especies máis pequenas. Con todo, o problema non recae só na simplificación, senón que este fenómeno pode provocar a entrada de novas especies invasoras e a perda de funcións destas comunidades para ofrecer acubillo e alimento a outras especies. “Pasaremos a ter comunidades cada vez máis empobrecidas”, engade.

Mostraxe innovadora: o poder da xenética

No ano 2014, a parte máis innovadora da investigación que lanzaron ao Organismo Autónomo de Parques Nacionais foi a metodoloxía. Traballaron nas Illas Cíes grazas ás autoridades, que facilitaron a loxística do grupo catalán. Nese momento, o máis habitual para o estudo da biodiversidade mariña era facer fotografías e identificar o que se vía nas imaxes, ou recoller mostras do substrato rochoso rascando, meténdoas en bolsas e levándoas ao laboratorio para saber que contiñan. “Con este tipo de mostraxes pérdense os organismos máis pequenos”, sinala o investigador, o cal significa perder indicadores importantes sobre o estado do ecosistema.

Investigadores do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) tomando mostras no parque nacional das Illas Atlánticas. Foto: Xavier Turon
Investigadores do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) tomando mostras no parque nacional das Illas Atlánticas. Foto: Xavier Turon

Deste xeito, decidiron empregar técnicas xenéticas para extraer o ADN das mostras. A partir dese ADN, secuenciaron os xenes marcadores, aqueles dos que coñecendo a secuencia sabes a que organismo pertence grazas ás bases de datos a disposición dos investigadores. “Temos ata un millón de secuencias de cada mostra, ata o máis pequeno pódese identificar”, explica. Así, a principal diferenza co método tradicional é a continuidade: cando pasen dez años, serán novos investigadores os que contemplen as fotos e as mostras e poderá haber nesgos, mentres que as secuencias son puramente obxectivas. Con todo, Turon aclara que o mellor é combinar todas as técnicas posibles para ser máis exactos.

A secuenciación xenética tamén ten as súas dificultades. Unha determinada especie non ten só unha secuencia, senón que existe unha variabilidade xenética. Segundo o investigador do CEAB, isto permite medir a conectividade entre as comunidades: canta máis diversidade xenética teña unha especie, menos susceptible é de desaparecer. Por outra banda, canta máis conectividade entre poboacións, se unha especie desaparece dun sitio, máis probable é que poida regresar.

A importancia do monitoreo

O investigador Xavier Turon outorga unha grande importancia á monitorización das reservas para favorecer a súa conservación. Cos datos obtidos ao longo dos anos, pode coñecerse o nivel de degradación do ecosistema. “Os espazos protexidos líbranse dunhas perturbacións pero non doutras; monitorizar é fundamental”, explica.

Así, considera necesario continuar coas series temporais e os estudos nas Illas Atlánticas e en Cabrera, aínda que tamén cre que hai pouco que se poda facer na xestión dos espazos naturais. Aclara que a súa visión de futuro é negativa, coa adaptación como a principal acción que se pode levar a cabo.

“A axenda verde europea estase a atrasar e crear excepcións; hai moitos anos que tiñamos que ter comezado”, advirte. Durante o estudo, as ondas de calor de 2022 foron mortais para o Arquipélago de Cabrera: produciuse unha elevada mortaldade de especies mariñas. Segundo Turon, nas Cíes ocorreu o mesmo. “Os anos de 2023, 2024 e 2025, fóra do estudo, foron máis calorosos, polo que os efectos serán peores”, sinala.

Así, detrás das cifras de perda de biodiversidade dalgúns dos parques naturais coa maior fauna mariña do país, hai unha solución que sobrepasa a xestión das reservas nacionais.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. E Rueda de Vil pensando en repartir licenzas de caza gratis , bonos pa bolsitos e zapatitos, e aí acaban as súas neuronas de neno de papá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

O proxecto Xenoma Galicia detecta 42 persoas con variantes xenéticas de risco

O programa pioneiro de cribado xenético analiza 2.504 mostras e acada unha taxa de positividade do 1,7% para enfermidades hereditarias graves