Do cambio climático ao cancro: como loita o castiñeiro galego pola súa supervivencia

Seis especies de fungos e insectos poñen en risco as poboacións de 'Castanea sativa' e o motor económico da castaña, clave na provincia de Ourense

O ulido a castaña asada. O ourizo caendo lentamente da árbore. Os soutos espidos sobre un manto de follas. Hai imaxe máis outonal? O castiñeiro (Castanea sativa) é unha árbore profundamente simbólica na cultura galega. Está espallada por toda a xeografía e impulsa un importante sector económico, o da castaña, sobre todo na provincia de Ourense. Mais esta árbore e o seu saboroso froito están cada vez máis ameazados. As múltiples pragas que os afectan, como o gurgullo, a tinta, o cancro, a avespa do castiñeiro e o taladro amarelo poñen en xaque a súa supervivencia. O cambio climático tan só complica unha situación xa de por si delicada.

Fenómenos cada vez máis extremos

“A última campaña foi mala porque o ano foi seco. Ademais, os incendios de agosto arrasaron unha das principais zonas produtoras en Galicia. Provocaron unha redución esaxerada da produción e aínda non sabemos o impacto que isto terá nos próximos anos”, asevera a investigadora Rosa Pérez Otero, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Dende o punto de vista das patoloxías do castiñeiro, un dos principais eidos de estudo da experta, non foi unha campaña especialmente mala. O máis salientable deste ano foron os lumes e o seu impacto sobre o sector da castaña, clave na economía da zona máis afectada. Con miles de hectáreas arrasadas, a comunidade científica apunta a incendios cada vez máis virulentos a causa do cambio climático.

Publicidade

É precisamente este un dos puntos que máis preocupación suscitan en Pérez Otero, consciente de que o aumento das temperaturas é un dos grandes inimigos do castiñeiro. “Haberá fenómenos cada vez máis extremos, tanto en cantidade de precipitacións como en calor, e isto pode aumentar os problemas de patoloxías. Se en verán hai temperaturas moi altas e seca, incrementaranse os insectos perforadores“, advirte a experta. Así mesmo, os cambios que se están a producir no clima tamén poden afectar os castiñeiros a nivel fisiolóxico. A árbore é autóctona de Galicia e precisa climas máis fríos: “A perda de humidade no verán prexudícaa”.

Precisamente este punto é o que advertiu o investigador Dominic Royé da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) nunha reportaxe publicada recentemente en GCiencia. Un mapa interactivo proxectaba a perda de máis do 75% do hábitat idóneo do castiñeiro en Galicia nos próximos 80 anos. Un escenario relativamente realista, explicaba Royé, dado o contexto xeral de cambio climático. A situación non é doada para a árbore, pero tratan de tomarse medidas que axuden na súa supervivencia. Máis alá das investigacións realizadas en Areeiro para facerlle fronte a múltiples pragas, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán tamén se traballa en selección xenética para crear exemplares máis resistentes aos futuros retos climáticos.

Publicidade

Tinta

Pero a loita pola supervivencia do castiñeiro lévase librando en Galicia dende hai décadas. Fóra das circunstancias provocadas polo cambio climático, a chegada sucesiva de pragas que afectan o castiñeiro obrigou a comunidade científica e a administración a desenvolver distintas estratexias. A enfermidade máis antiga de todas é a tinta do castiñeiro, provocada polo microorganismo Phytophthora cinnamomi. A súa chegada a Galicia documentouse no século XIX e non só afecta esta árbore, senón a outras leñosas e arbustivas. Este pseudofungo podrece as ramas e as raíces e deixa un característico exsudado de cor negra. “Non adoita afectar os castiñeiros en zonas frías, senón por debaixo dos 500 metros de altitude. É unha praga que preocupa, pero xa se desenvolveron enxertos e patróns resistentes á tinta”, sinala Pérez Otero.

Cancro

Un fungo que tamén ataca o castiñeiro e pon en xaque a produción é o cancro (Cryphonectria parasitica), que se detectou por primeira vez en Galicia en 1974. “Mata as ramas e despois a árbore completa. Débese fundamentalmente ás podas mal feitas. Non deixan de ser feridas abertas ás que hai que botarlles funxicida para que a árbore non enferme”, sinala a investigadora de Areeiro. Este microorganismo merma o castiñeiro porque interrompe a subministración de zume ao tronco ou á rama afectada, polo que murchan as follas, decae a árbore e comeza o proceso de necrose.

Para afrontar esta praga emprégase a loita biolóxica. Segundo explica Pérez Otero, existen dúas cepas moi diferenciadas deste fungo: “Unha é moi virulenta e agresiva, avanza moi rápido. E a outra é todo o contrario, moi lenta”. O método de loita contra o cancro pasa, por tanto, por inocular a cepa menos virulenta nas árbores xa infectadas, para que free o avance do patóxeno máis virulento. “Faise en Europa dende hai moitos anos. Baseámonos na natureza”, engade a investigadora.

Gnomoniopsis smithogilvyi

O fungo causa a podremia da castaña. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
O fungo causa a podremia da castaña. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

entro dos fungos, outra grande ameaza para o castiñeiro e, sobre todo, para o seu froito, é a Gnomoniopsis smithogilvyi. Este patóxeno ataca o ourizo e podrece a castaña, o que pode ocasionar graves perdas económicas no sector. Non é unha especie foránea nin invasora, senón propia. Segundo apuntaron dende Areeiro en 2021, cando GCiencia publicou a primeira detección deste fungo, son as condicións climáticas as que poden facer que o patóxeno se volva máis virulento. Este ano, como non foi húmido e caloroso, senón seco e caloroso, recibiron menos mostras no centro de investigación. Non obstante, Pérez Otero insta a que se tomen precaucións de cara a vindeiras campañas. A máis importante: retirar os froitos caídos do chan para así evitar a propagación do fungo.

Gurgullo e taladro amarelo

Larvas de gurgullo do castiñeiro e castañas afectadas, co seu característico buraco. Foto: Ministerio de Agricultura, Pesca a Alimentación

Outras tres pragas que preocupan á comunidade científica e ao sector son insectos. O primeiro, o gurgullo do castiñeiro (Curculio elephas). É un carpófago cuxas larvas se desenvolven dentro da castaña, dado que as femias introducen os ovos no interior para que as crías se alimenten. O froito afectado pode semellar san, pero presenta un burato característico por onde saen as larvas e, ademais, pesa menos. Poden atoparse excrementos dentro. Cando cae ao chan, a larva busca terra, onde completa o seu ciclo vital. Polo tanto, e igual que acontece no caso anterior, é fundamental limpar os froitos do solo para evitar a súa propagación. “É o de máis difícil control”, sinala a investigadora de Areeiro.

Nesta liña, Pérez Otero menciona o taladro amarelo, un lepidóptero que crea galerías na madeira do castiñeiro e, tamén, doutras especies. Penetra nas ramas, onde escava galerías verticais, e acaba por destruír a árbore. A mellor forma de combatelo é a través do uso de feromonas.

Avespa do castiñeiro

As bugallas (na imaxe, en vermello), son unha das evidencias da presenza da avespa nos castiñeiros. Fonte: Xunta de Galicia.
As bugallas (na imaxe, en vermello), son unha das evidencias da presenza da avespa nos castiñeiros. Fonte: Xunta de Galicia.

A última praga sinalada dende Areeiro é a avespa do castiñeiro, que causou graves danos dende que se detectou por primeira vez en Galicia en 2014. A Dryocasmos kuriphilis procede de China e deposita os seus ovos dentro das xemas dos castiñeiros. Segundo un informe publicado por investigadores de Lourizán en 2018, as árbores afectadas debilítanse e poden acadar perdas da súa produción que varíen entre o 50% e o 100%. Ademais de abonar os terreos, limpar a vexetación de competencia e regar entre xullo e agosto, unha das medidas máis efectivas é a loita biolóxica con Torymus sinensis, un parasito da avespa. A Xunta sóltao progresivamente dende 2015 e, de feito, Pérez Otero aprecia unha gran melloría da situación.

“Non está erradicada porque vén para quedar”, advirte. De feito, menciona o caso do Xapón, onde estaba tan controlada a praga que apenas supoñía un problema. Porén, poucos anos despois rexurdiu. Apareceu unha poboación resistente e houbo que comezar de novo. A través deste exemplo, a investigadora de Areeiro insta a non baixar a garda e a continuar empregando as medidas efectivas, incluídas as que parecen ter menos peso —aínda que teñan moito— como a limpeza do chan durante e tras a campaña.

As grandes pragas que afectan hoxe en día o castiñeiro galego son seis, pero non son as únicas que obrigan a poñer o foco no reforzo da selección xenética e no desenvolvemento de novos métodos fitopatolóxicos para loitar contra o predicible. A situación global non deixa de ser un hándicap, cun cambio climático imparable que muda as condicións idóneas dos castiñeiros: humidade e frío. E resulta evidente que os fenómenos extremos que propicia o quecemento global non só traerán unha subida das temperaturas e favoreceran catástrofes como os incendios, senón que poden servir como porta de entrada para novas pragas.





Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación

Castro de Rei é o único lugar da península onde nidifica o mazarico real, en perigo crítico

O enclave lucense concentra a totalidade da reprodución confirmada desta ave migratoria na Península Ibérica