Xoves 28 Marzo 2024

O fungo que ataca o ourizo e podrece a castaña

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro analiza mostras de 'Gnomoniopsis smithogilvyi', que se puido volver máis virulento a causa das condicións climáticas

Hai poucos olores máis característicos. Os asadores de castañas (Castanea sativa) instálanse nas rúas e inauguran o outono. Mais este ano, seguindo a liña dos anteriores, a produción deste froito estase vendo ameazada. Son moitas as frontes que ten abertas: unha climatoloxía pouco favorable, as avespas do castiñeiro ou o chancro. Unha lista á que agora se suma o Gnomoniopsis smithogilvyi, un fungo que causa a podremia da castaña. “Detectámolo o ano pasado nunhas mostras en rama, pero nunca como agora, que xa apareceu en ourizo”, sinala a xefa da sección de Bioloxía Molecular da Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra, Olga Aguín.

Ata o de agora, en Galicia non había constancia de que este fungo atacase directamente ao froito. “Aquí non hai nada estudado. Baseámonos no que se está a facer noutros países”, apuntan dende Areeiro. Ao parecer, en Australia e outras rexións de Europa xa se detectara, determinando que podía causar a podremia na castaña. Segundo Aguín, aquí en España fíxose unha primeira publicación nun centro de investigación de Asturias. Pero o que se recolle en dito estudo é que o Gnomoniopsis smithogilvyi afectaba á rama e non ou ao ourizo, como xa se empeza a ver en Galicia.

Publicidade

“Efectos devastadores”

“Ten uns efectos devastadores e provoca a caída do ourizo, reducindo a produción. A castaña queda deshidratada, seca, engurrada. Non se desenvolve”, describe a xefa da sección de Bioloxía Molecular. Que ata o de agora se descoñecese este fungo non significa que non existise antes, xa que si era coñecido noutros países. “Estaba aquí. A cuestión está nas condicións ambientais, que puideron favorecer que se desenvolvera con esta virulencia“, afirma Aguín. É dicir, que o novidoso do Gnomoniopsis smithogilvyi é o seu efecto sobre as castañas, non a súa presenza na zona.

Gnomoniopsis en cultivo. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Gnomoniopsis en cultivo. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Todo comezou porque na Estación Fitopatolóxica de Areeiro saltaron as alarmas. Parte do seu persoal detectou uns ourizos de cor marrón que acababan caendo. Levaron unhas mostras ao laboratorio e alí descubriron o fungo. Ao mesmo tempo coincidiu que na zona de Riós, en Ourense, alertaban dun fenómeno semellante: estaban quedando sen produción porque os ourizos caían e non tiñan castañas. “Agora mesmo estamos analizando mostras e vendo que é o que está pasando. En case todas elas aparece o Gnomoniopsis smithogilvyi, declara Aguín.

Mostras da zona de Ourense

Agora están inmersos en todo o traballo de investigación. Tratan de illar e detectar o fungo, que está presente, case de maneira uniforme, en todas as mostras que reciben. Ata o momento, a meirande parte das probas proceden da provincia de Ourense: Riós, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilardevós, Castrelo do Val, A Mezquita e Ponte Caldelas. “Coas primeiras mostras que analizamos fomos vendo cal era a sintomatoloxía e buscando bibliografía, e todo parecía apuntar a ese fungo. Todo nos foi levando á súa identificación”, explica a xefa de Bioloxía Molecular de Areeiro.

O que se pode facer, de momento, é pouco. No que respecta ao control deste fungo, aínda hai poucos estudos ao respecto. O modelo a seguir pode estar noutros países, que xa levan un tempo convivindo con este problema. “A primeira medida sería eliminar todos os ourizos afectados. Poderíase probar tamén o control biolóxico, con organismos antagonistas. Ou mesmo a pulverización”, sinalan dende Areeiro. Polo de pronto, o reto é seguir investigando.

Unha campaña irregular

Así é que o Gnomoniopsis smithogilvyi se suma á nómina de ameazas das castañas. Aínda que hai outras, como o chancro, que xa se van controlando mellor. “É outro problema importante. Levamos tempo traballando, en colaboración coa Xunta, no seu control, cun inóculo que se está aplicando en plantacións e os resultados están sendo positivos“, describe Aguín. Aínda que hai outras pragas, como é o caso das avespas do castiñeiro, ás que tamén hai que ir facendo fronte. Sen présa pero sen pausa.

O fungo xa comeza a afectar os ourizos, que acaban caendo. Foto: Pedro Mansilla
O fungo xa comeza a afectar os ourizos, que acaban caendo. Foto: Pedro Mansilla

Dende a IXP Castaña de Galicia recoñecen que esta campaña está a ser “irregular”. Varía moito en función da zona e as ameazas non afectan a todas as plantacións de igual maneira. Por exemplo, hai territorios que, este ano, se recuperaron da avespa do castiñeiro, cunha afectación “moi inferior á do ano pasado”. É dicir “vanse notando os resultados” de todas as medidas que se están a levar a cabo para o seu control. Por outra banda, a climatoloxía non está xogando ao favor da castaña. “Están vindo uns días de verán e unhas noites de outono, e iso non é o mellor para o castiñeiro. Xa non só é o clima, é o feito de que non se vexan unhas estacións marcadas”, apuntan dende Castañas de Galicia.

Polo de pronto, seguir investigando ese fungo e seguir traballando no control de todas aquelas pragas que xa levan supondo un gran desafío na produción das castañas. O Gnomoniopsis smithogilvyi é aínda un descoñecido en Galicia, pero a súa virulencia non ten precedentes. A podremia da castaña comeza dende ben pronto, atacando directamente o ourizo e deixando que caia ao chan. Antes sequera de poder desfrutar —porque así o pide o corpo en outono— dun bo cornete de castañas asadas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

‘Picona’, ‘Famosa’ e ‘Luguesa’: as 16 variedades galegas de castaña que descoñecías

Unha guía sobre os tipos de bullotes que se dan en Galicia amosa as diferentes cores e formas destes alimentos

O potencial infinito da camelia: dende o té ata a produción de novos cosméticos

O catedrático da UVigo Jesús Simal-Gándara defende a ampla marxe de explotación industrial da raíña do inverno floral galego

Inchazón, ronchas e edemas: as reaccións que provoca a procesionaria sen ter que tocala

Durante estes meses, a eiruga descende dos piñeiros para enterrarse e pode producir danos dermatolóxicos en humanos e cans