Mentres nalgunhas zonas de España se están a observar as primeiras procesións de enterramento de procesionaria, en Galicia, polo momento, non se deu alerta de ningunha —o que non quere dicir que non se produciran—. Así informan desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, que o ano pasado advertira dunha procesión o primeiro día de febreiro. Este insecto, considerado o defoliador máis importante dos piñeirais españois, pode causar sen contacto físico reaccións urticarias en persoas —non unicamente en nenos— e animais domésticos, especialmente cans, onde os danos tenden a ser máis graves.
A procesionaria é un lepidóptero (unha bolboreta), recentemente incluído na familia Thaumetopoeidae. Como a maioría dos insectos de ciclo biolóxico completo, ten unha fase de ovo, unha fase larvaria (eirugas ao ser un lepidóptero), fase de pupa ou crisálida e fase de adulto. Na fase larvaria presenta cinco estados distintos; a partir do terceiro solta pelos urticantes cando se senten ameazadas e son os causantes das reaccións alérxicas.
A eiruga atópase en piñeiros, especialmente illados ou nos bordes das masas, posto que buscan zonas cálidas; tamén en cedros de parques e xardíns. De feito, forman unhas masas de algodón coñecidas como bolsóns que lles serven de protección contra o frío e os depredadores. “Entón, cando aumenta a duración dos días e empeza a facer unha temperatura suave, a procesionaria inicia a súa procesión de enterramento para crisalidar. Nese momento, cando a eiruga baixa ao chan, e cando está o risco para as persoas e para os animais domésticos”, explica Rosa Pérez, xefa da sección de Artrópodos e Control Integrado.
“En Areeiro temos dous postos de detección e nesas árbores non baixou. Iso non quere dicir que noutras zonas non estea o fixera xa. Teño contacto con varios técnicos e tampouco me avisou ningún“, apunta a Enxeñeira de Montes, que leva publicando os avisos fitosanitarios desde o 2000. Os rexistros dos niños e procesións corresponden á Xunta de Galicia, que detectou niños de procesionaria nas parcelas da rede de avisos fitosanitarios marcadas no mapa —extraído dun informe do 3 de marzo do 2023—. O organismo ten unha rede de parcelas que cubre toda Galicia montada para monitorizar a sanidade forestal. En particular, das 160 parcelas, 83 están instaladas en masas de piñeiros.

Riscos e prevención
“Se hai costumes de pasear polos piñeiros, é preciso fixarse se hai bolsóns e, se os hai, non pasar por alí”, advirte Pérez, que sinala que en época de procesións é preferible non ir as zonas de piñeiros e levar aos cans atados e vixiados. Nas persoas é menos probable que se produza pola toma de consciencia do risco: “Os cans non son conscientes do risco. O que somos conscientes non somos nós. Non hai por que tocar a procesionaria para que se produza a reacción alérxica“. Ela sufriuna en forma de inchazón mentres sacaba unha foto da procesión: “Cando me acheguei a facela, liberaron un montón de pelos urticantes. Eu estaba protexida pola roupa, pero a man que tiña máis cerca non, e foi a que sufriu o problema”, conta en primeira persoa.
As reaccións dermatolóxicas son varias. Poden manifestarse como edemas, inchazóns, reaccións cutáneas de todo tipo (dermatite, urticaria, etc.) ou mesmo ronchas. O risco aumenta en persoas sensibles, ás que lle pode provocar shock anafiláctico. Nos cans adoitan ser moito máis graves, xa que poden tocar coa trufa ou coa lingua, ás que lle pode causar unha necrose. “Sei de cans aos que lles tiveron que cortar unha parte da lingua. É máis perigoso porque non son conscientes e son moi cheiróns”, insiste a Enxeñeira de Montes.
Os cambios climatolóxicos alteran os ciclos da procesionaria

As procesións adoitaban ser en marzo, pero nos últimos tempos producíronse alteracións. “Chegamos a ter unha procesión en novembro. Iso é unha locura total porque significaría que a temperatura estaba alta como para que as procesionarias pensaran: ‘Tócanos enterrarnos porque vén a primavera'”, explica a traballadora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. De media, estanse producindo entre xaneiro e febreiro, comp sucedeu o ano anterior, por exemplo: “Por iso, estráñame que aínda non as detectaramos“. Puideron suceder dúas cousas: ou ben que xa se enterraran durante este outono cálido e non a localizaran —o que dubida— ou ben que o calor se adiantara tanto que a procesionaria detectara que era unha alteración: “Non nos enganas, aínda non é”.
A experta ten constancia de que nunha zona de Portugal, durante un ano raro climatoloxicamente —coma o que estamos a vivir—, detectáranse incluso procesións en setembro. Outra das anomalías percíbese na presenza de procesionaria en países ao norte de Europa, onde antes non había: “Non había bolsón que aguantase as temperaturas que podía haber alí. Agora, estanse atopando en latitudes máis altas polo quecemento global“. Estes cambios climatolóxicos non afectan só ao insecto, senón ao sistema no que vive: “A procesionaria ten moitos inimigos naturais: os morcegos, as bubelas, etc., ás que tamén lles afecta. É unha conxunción de factores”.
Contar una anécdota: A mediados del siglo pasado en un pueblo en la época de primavera verano una mujer al abrir la xanela sintió una asfixia en la garganta y se murió a los pocos minutos. Descubrieron que la mujer cuando abrió la ventana inhalo los pelos urticantes.