Venres 19 Abril 2024

Remata a tempada de caza, comeza a do abandono de cans

O informe 2022 da Fundación Affnity cifra en case 22.000 o número de animais usados para fins cinexéticos abandonados en España

Remata a tempada de caza e, un ano máis, salta á actualidade o problema dos malos tratos e abandono dos cans utilizados na actividade cinexética. Unha denuncia recorrente de asociacións animalistas e protectoras, rexeitada de plano polo colectivo de cazadores. Unha controversia á que se suma, nesta ocasión, o polémico novo Código de protección e Benestar Animal, aprobado polo Congreso o pasado 13 de febreiro, que exclúe os cans de caza, de traballo (de pastoreo e coidado do gando), cans policía e de rescate, e os de terapia ou acompañamento a persoas con discapacidade, acreditando que non todos os animais son iguais diante da lei.

Cantos cans abandónanse ao ano? Cuantos deles son cans de caza? A resposta a esta pregunta non é doada. Non hai estatísticas sistemáticas e oficiais. A Dirección Xeral dos Dereitos dos Animais do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 leva máis de tres anos elaborando un censo que non concluíu. A Xunta de Galicia lembra que a lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía (autonómica) delega nos concellos a obrigación de recoller e acoller os cans abandonados e os concellos afrontan con desigual fortuna e medios esta responsabilidade, de maneira directa ou coxestionada con outras administracións, asociacións ou entidades privadas.

Publicidade

Todas as administracións recoñecen a ausencia de estatísticas globais e fiables e todas remiten aos informes da Fundación Affinitty, elaborados cos datos solicitados en 1.591 protectoras repartidas por todo o territorio español que debuxan un mapa aproximado da realidade. Segundo o informe 2022 (último publicado e con datos do ano anterior,) en España foron abandonados 285.554 animais, dos que arredor de 168.000 eran cans.  Neste cómputo inclúense todo tipo de cans abandonados, perdidos e rescatados que chegaron ás protectoras.

Segunda causa de abandono

Conforme a información de Affinity as principais causas de abandono de cans no 2021 foron as camadas non desexadas, no 21% dos casos; seguido polo fin da tempada de caza e o mal comportamento dos animais, cun 13%. Esta porcentaxe equivale a 21.849 cans, unha situación “especialmente alarmante”, subliñan desde Affinity, se temos en conta que os cans que participan en actividades cinexéticas son unha minoría dos máis de 7 millóns que viven no Estado.

En Galicia, o mesmo que ocorre noutras partes de España, atopamos datos parciais, non sistematizados, achegados por sociedades protectoras ou centros de acollida municipais ou provinciais, cuxo persoal e voluntariado concordan en apuntar o mal estado dos cans usados para fins cinexéticos que chegan ás súas instalacións: en moitos casos están feridos, desnutridos e moi asustados.

Así o persoal do Centro de acollida e protección de animais CAAN, da Deputación de Pontevedra, que dá servizo a 52 concellos da provincia, recolleu, durante o ano 2022 un total de 1.187 cans abandonados, perdidos ou rescatados nos 52 concellos adheridos ao servizo, 23 menos que o ano anterior.

Pico de descartes de caza

Máis da metade destes animais, un total de 548, foron recuperados polos seus propietarios, informan desde CAAN. En 240 casos os donos do animal presentáronse no lugar do aviso e nos outros 308 acudiron a buscalos ás instalacións que teñen en Armenteira (Meis).

Estes datos non detallan cantos animais atendidos no centro provincial son de caza, con todo o persoal do centro sinala que “agora temos un pico de descartes de caza” (mestizos, galgos ou grifóns). Unha experiencia que comparten na asociación protectora Os Biosbardos de Ponteareas, onde auguran ademais un empeoramento da situación nos dous ou tres próximos meses pois neste tempo os cans abandonados e sen control empezarán a parir camadas novas.

Protectoras galegas sinalan que a situación empeora dous o tres meses despois do fin da tempada polas novas camadas de cans abandonados e sen control

Os cans de caza son unha minoría dos que reciben acubillo na Sociedade Protectora de Animais de Lugo, sinala o presidente da entidade, Alberto Losada. Foron arredor dun 5% dos atendidos o pasado ano, unha vintena dun total de 460. Un dato cuantitativo que non resta gravidade á situación de abandono e desamparo no que chegan, engade. “Entran moi mal, son vellos, ou moi medorentos e non lles valen para cazar, son descartes… Hainos mestizos, sabuxos, grifóns, e por exemplo, estes días entraron 4 setters” sinala Losada.

Esta pequena porcentaxe de cans de caza no centro lugués contrasta coa porcentaxe de animais adicados a fins cinexéticos atendidos pola protectora de animais Os Palleiros de Pontevedra, onde arredor do 30% dos 95 cans que atenden a día de hoxe na canceira municipal de Campañó son deste tipo. Ao remate da tempada hai un pico, apuntan, e case sempre chegan feridos e sen o microchip identificativo.

As protectoras e a Fundación Affinitty concordan en subliñar que estamos diante dun debuxo da situación “parcial” xa que quedan fóra do cómputo os cans abandonados e sen control que “son os máis”.

A tempada cinexética remata mais o debate segue aberto. Que hai que protexer: á caza ou aos animais?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O can de palleiro: a raza galega que busca ser excepción na Lei de Benestar Animal

A normativa prohíbe a cría a particulares, o que exclúe ás asociacións que traballan sin ánimo de lucro para dar continuidade ás especies autóctonas

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo

A Xunta permitirá cazar o xabaril “sen límite” en 248 concellos

A medida, que afecta a 37 comarcas e abrangue o 80,7% da superficie galega, entrará en vigor este sábado e manterase ata o 25 de febreiro de 2024