As verteduras de San Finx, a mina que ameaza un dos maiores bancos marisqueiros do país

A ONU celebra o 22 de marzo unha vista en Xenebra para analizar a delicada situación da explotación de Lousame

Unha das galerías da mina de San Finx. Crédito: Adrián Estévez / Wikimedia Commons
Unha das galerías da mina de San Finx. Crédito: Adrián Estévez / Wikimedia Commons

No corazón do Concello de Lousame, a tan só 10 quilómetros dun dos mellores bancos marisqueiros do país, está a mina de San Finx. A explotación, primeiro de estaño e despois de volframio, foi o motor económico do municipio durante case un século. E aínda que leva pechada dende os anos 80, a polémica segue latente. Hai un mes, a Xunta autorizou unha vertedura de augas residuais depuradas da mina ao río Pesqueiras —que desemboca directamente na ría de Muros e Noia, un dos maiores bancos marisqueiros do país— á empresa responsable da explotación. Malia que o goberno autonómico asegura que se cumprirán as normas de calidade ambiental, varias entidades ecoloxistas negan a súa versión e convocan este sábado unha manifestación en Noia alertando do perigo que poden supor estas verteduras para a ría.

Esta non é a única controversia aberta arredor da mina de San Finx. Coincidindo coa convocatoria da protesta, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Confraría de Pescadores de Noia informan de que o vindeiro 22 de marzo se celebrará unha vista en Xenebra para avaliar os incumprimentos da Xunta na mina de San Finx e na de Varilongo, situada en Santa Comba e tamén propiedade de Pivotal Metals. O proceso, que leva aberto dende 2017, denuncia que a mina non se someteu á avaliación de impacto ambiental. Esta audiencia celebraráa o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, un órgano que depende das Nacións Unidas (ONU), e que vela pola participación pública e acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente.

Cristais de volframio en cuarzo. Crédito: Cámara Oficial Mineira de Galicia

“Están chamados a participar os comunicantes de España, que neste caso sería a Xunta, e os observadores, que serían a PDRA, a Confraría de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)…”, explica Joám Evans dende Vergaia, unha das asociacións involucradas na protesta. Segundo continúa explicando, celebrarase unha “especie de xuízo” onde se avaliarán os feitos e se emitirá un ditame. Se dita resolución fose desfavorable, a Xunta veríase orbigada a paralizar todos os procesos abertos na mina de San Finx ata que non se fixese unha avaliación de impacto ambiental. Así o traslada Evans, que engade: “Na sesión non só falaremos da mina de San Finx, tamén da de Varilongo. E ningunha das dúas ten a avaliación de impacto ambiental”.

As características do sistema de depuración e tratamento

Para a celebración da vista, a PDRA e a Confraría de Pescadores de Noia achegaron un informe elaborado polo hidrólogo e consultor internacional Steven Emerman. “O documento demostra que a autorización de verteduras que vén de outorgarlle a Xunta á mina carecer de rigor e pon en risco a ría”, alegan os dous colectivos. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ao ser preguntada por este asunto, remite a unha nota de prensa na que insisten na “atención estrita” das normas de calidade ambiental. No mesmo escrito faise referencia a “18 condicionantes” que debe cumprir a empresa responsable da explotación á hora de construír e poñer en marcha o sistema de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións. Estes requisitos garantirían, segundo a Xunta, que os 889.885 metros cúbicos de material que se van baleirar no río respondan a criterios de sustentabilidade. Dende o goberno autonómico tamén insisten en que esta autorización “en ningún caso permite o desenvolvemento da actividade mineira”. E engade que, para iso, si sería precisa a declaración de impacto ambiental.

A ría de Muros e Noia “está a tan só sete quilómetros da vertedura” do río Pesqueiras

A principal crítica dos colectivos ecoloxistas é que non existe un aval científico que demostre que a planta de tratamento de residuos, que deberá construír Pivotal Metals, vaia funcionar. “A vertedura que eles propoñen vai duplicar o caudal natural do río. Agora mesmo xa hai un relativamente pequeno, duns 50.000 litros por hora, que se produce por gravidade”, explica Evans. Isto débese á apertura dunha galería de desaugadoiro a nivel da cuarta planta. Con esta autorización vaise facer o mesmo, pero no resto de pisos da mina, que ten oito. “Segundo os informe da confraría, a planta de tratamento non vai funcionar. A idea é que se usen unha serie de reactivos que neutralizarían parte dos metais pesados e, en teoría, antes de que se vertesen as augas xa se cumprirían os parámetros”, explica Evans. Porén, el denuncia que un dos focos de maior preocupación son as zonas de escombros, por onde tamén pasa a auga e que non van recibir tratamento.

Vista xeral da zona de escombros e do lavadeiro. Crédito: IGME

Altas concentracións de metais pesados

Outro dos puntos sobre os que alertan os colectivos ecoloxistas son as altas concentracións de metais pesados, como o cadmio, o cobre e o cinc. Aseguran que o primeiro é o máis preocupante, posto que é “canceríxeno e un dos compoñentes máis tóxicos que existen”. De feito, Evans afirma que o río xa supera, agora mesmo, as concentracións máximas permitidas de cadmio. Precisamente, isto é o que máis preocupa á Confraría de Pescadores de Noia e as repercusións que a acumulación de metais pesados poida ter sobre un dos bancos marisqueiros máis importantes do país. A bióloga Liliana Solís, encargada da asistencia técnica da confraría, explica que a ría “está a tan só sete quilómetros da vertedura” e o río Pesqueiras —tamén denominado rego de Rabaceiros— desemboca directamente na ría de Muros e Noia. “É preocupante. Non só de van baleirar as galerías, senón que se autorizou unha vertedura derivada da explotación da mina sen que se fixese unha avaliación de impacto ambiental”, apunta.

Os riscos para o sector marisqueiro

Segundo explica a bióloga, os moluscos bivalvos —como os berberechos e as ameixas— son filtradores e teñen unha alta capacidade de acumular todo tipo de contaminantes e substancias. Entre elas, os metais pesados. Debido a isto, estas especies teñen que someterse a controis continuos e moi estritos de salubridade, onde se analizan as biotoxinas e toda a carga contaminante que poidan presentar os moluscos. Disto encárgase o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), que depende da Xunta. Pero os controis non rematan aquí, senón que logo continuarán nas depuradoras e nas conserveiras.

O que pode ocorrer coa mina de San Finx é que esas verteduras de augas residuais teñen altas concentracións de metais pesados que, se están en niveis superiores aos permitidos, impedirán a comercialización dos moluscos. “Como estes animais bioacumulan e concentran os metais pesados que hai no medio, estase comprometendo a actividade marisqueira dos bivalvos. E aquí, nesta zona, hai preto de 1.600 persoas que viven disto”, explica Solís, dando conta das consecuencias económicas que podería ter un parón dos bancos marisqueiros. Pero non só iso, senón que nas alegacións presentadas tamén se incluíu que a autorización desa vertedura pon en risco a saúde pública. “Aínda que ti vendas os moluscos seguindo un control legal, hai moitísima xente que colle mexillóns na rocha”, engade.

“Os bivalvos concentran os metais pesados e isto compromete a actividade marisqueira”

LILIANA SOLÍS, bióloga e encargada da asistencia técnica á Confraría de Pescadores de Noia

A situación pode empeorar aínda máis porque hai precedentes, segundo explica Solís. Pon o exemplo da ameixa reloxo: “Ten un protocolo moi estrito de extracción en Galicia e na ría de Noia deixou de collerse porque non era rendible. Certas tallas teñen unha bioacumulación de chumbo que impiden a súa comercialización”. Algo que non debería repetirse noutras especies, pero que non parece tan afastado da realidade. Solís engade que o cadmio, así como outros metais, son altamente reactivos cos compoñentes celulares. Noutras palabras: debilita o sistema inmune dos bivalvos. Polo tanto, non causarán directamente a súa morte pero si os farán máis susceptibles a outras patoloxías, co que isto pode implicar e significar para os bancos marisqueiros de Noia. Sobre todo, no que respecta ao berberecho, xa que nas Rías Baixas reduciuse moitísimo a súa produción.

“Os plans de xestión que se aproban anualmente son moi esixentes e hai que asegurar unha xestión sostible”, expón Solís. Porque esta posible vertedura na ría non é, nin de lonxe, a única ameaza que se cerne sobre o sector. Ela menciona a apertura da présa do Tambre, que reduce por tempadas a salinidade, ou as “tremendas deficiencias” na rede de saneamento. Agora, a mina súmase a importante lista de riscos para o sector marisqueiro de Noia. “Lousame é un dos sitios nos que máis chove de Galicia. O sistema de depuración que propoñen non é válido porque cando chove nas balsas de residuos, nas zonas de escombros, fórmase unha escorrentía. E cando as pedras entran en contacto co osíxeno e coa auga, soltan metais pesados”, argumenta Solís. Para rematar, fai unha reflexión interesante, que invita a pensar que é o que está acontecendo e por que: “Cando aparezan esas mostras con altas concentracións de metais pesados van pechar os bancos marisqueiros, non a mina”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.