De negocio familiar aos primeiros conflitos sociais: a historia oculta da mina de San Finx

O profesor Joám Evans vén de publicar o seu libro 'As minas dos ingleses: San Finx', que foi galardoando co premio de investigación de Buxa

Afondar no corazón de Lousame para descubrir a “historia máis descoñecida” das minas de San Finx dende unha “perspectiva local, pero tamén global”. Así se pode resumir o estudo que vén de publicar Joám Evans, As minas dos ingleses: San Finx (2024, Ézaro Edicións). Nesta obra, o investigador aborda a historia da explotación dende 1872 ata 1914 dividida en tres períodos a través dos datos que foi recadando dende hai máis de 10 anos.

“Co gallo da convocatoria para os premios de investigación bianuais de Buxa-Asociación Galega do Patrimonio Industrial xuntei todas as notas que fun recollendo sobre a historia das minas de San Finx”, explica o profesor adxunto de investigación sobre paz e conflitos na Universidade Abo Akademi (Finlandia). Evans resultou o galardoado desta iniciativa e o estudo acaba de ser publicado por Ézaro Edicións.

Publicidade

Tres etapas históricas

O libro abrangue principalmente dous períodos históricos: entre 1883 e 1897 e entre 1897 e 1914. Ademais, o autor explica unha pequena etapa entre os anos 1872 e 1880 que considera “esencial para entender a chegada da mineralización a San Finx e á comarca de Noia”.

Os primeiro dos dous períodos nos que se centra Evans abrangue de 1883 a 1897. Neste momento é onde se rexistran as primeiras concesións mineiras e empeza a explotación como un negocio puramente familiar. A familia responsable das minas San Finx foi a británica Burbury.

Publicidade

Joám Evans autor de ‘As minas dos ingleses: San Finx’

A segunda parte fala da “pequena revolución que se dá cando un socio capitalista con moitos fondos quere montar unha industria en Froxán”, explica. Será a partir de 1897 cando a historia das dúas minas vai paralela ao ser da mesma estrutura empresarial “e é por iso este período vai dende ese ano ata 1914”.

“Todo isto tentouse facer a través dun baleirado documental de todas as fontes posibles para reconstruír este período histórico que xa case non existía na memoria oral local”, explica o autor, que é veciño da parroquia de Froxán (Lousame).

O fito tecnolóxico

A obra de Evans tamén ten en conta os aspectos máis tecnolóxicos da historia da explotación. “O gran fito que fai que as minas de San Finx se convertan en algo extraordinario a nivel mundial nesa primeira década do século XX é a innovación da separación electromagnética”.

Ata o ano 1900 o gran problema que existía na produción de estaño e volframio era que ambos materiais viñan contaminados un do outro, porque era “practicamente imposible ca técnica da época apartar estes minerais incluso doutras impurezas”. O 1898 créase o sistema que separaría estes compostos e un negocio alemán conseguiu colocalo en Galicia.

Unha empresa decide instalar unha planta de separación electromagnética en Carril, “o que fai que o material producido nas minas de San Finx e Froxán teña unha alta pureza antes de exportalo. Isto levaría a que durante os primeiros anos do século XX San Finx teña practicamente un monopolio mundial de estaño e volframio de alta pureza”, narra.

Conflitos sociais e próximas obras

Ademais das bonanzas, na historia de Lousame tamén existen os conflitos. “En 1914 rexistrase a primeira demanda civil contra as minas pola contaminación que causa a mina no río Deza e nas aldeas próximas”, asegura Evans. Así, o libro tamén trata o punto de vista social e ambiental da historia da explotación.

A obra abrangue ata 1914 por cuestións técnicas, segundo explica o autor. Escrita co gallo da convocatoria do premio de Buxa, o libro só ten 100 páxinas debido á esixencia das bases. “Tamén tiña sentido para min parar aquí, xa que no ano 1915 a mina cambia de man. A partir de aquí é unha historia moi distinta no que afectan outros factores, que son moi interesantes e espero que quede para unha obra futura”, indica.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla