O nivel de cadmio nas verteduras de San Finx supera 104 veces o máximo permitido

As últimas analíticas realizadas por Augas de Galicia demostran que as cantidades de metal acumulado aumentaron dende agosto

As análiticas realizadas por Augas de Galicia na mina de San Finx en outubro, as últimas dispoñibles, demostran que os niveis de cadmio vertidos na explotación superan 104 veces os límites máximos permitidos que establece a lexislación. Así o traslada Ecoloxistas en Acción, quen lembra que o cadmio “é unha substancia tóxica e canceríxena”. Augas de Galicia está a realizar unha inspección da mina para comprobar que as obras de execución da depuradora, impulsadas pola empresa concesionaria da explotación Tungsten San Finx, S.L., cumpren co estipulado. Porén, os niveis de cadmio aumentaron considerablemente en relación aos resultados de agosto, que se situaban en 78 veces máis do que permite a lexislación.

Segundo informan dende Ecoloxistas en Acción, á vista das analíticas e ante as reiteradas denuncias de colectivos ecoloxistas e do mar, Augas de Galicia vén de ditar proposta de sanción contra a empresa concesionaria da mina impoñendo multa de 180.000 euros, considerando o dolo existentes e danos causados. En simultáneo, iniciouse o procedemento para retirar a autorización de verteduras outorgada o pasado mes de febreiro, logo de sete anos de tramitación irregular. A propia Xunta, nunha nota de prensa publicada o 27 de setembro, anunciaba que, de incumprise novamente as condicións de verteduras establecidas na mina de San Finx, iniciaríase un procedemento para revogar a autorización da depuradora.

Publicidade

Porén, os colectivos denunciantes, como Ecoloxistas en Acción e a plataforma contra a mina de San Finx, lembran que levan sete anos esperando por este procedemento sancionador e veñen de alegar esixindo á Xunta que obrigue igualmente á empresa a pagar o canon de control de verteduras, que neste caso se eleva a máis de 30 millóns de euros anuais. “Non imos tolerar que a empresa marche deixando este problema detrás”, afirma Rogelio Santos, mariñeiro e covoceiro da Plataforma comarcal contra as verteduras da mina.

Tamén esixen que se adopten medidas cautelares para evitar que as verteduras continúen. Por iso, desde os colectivos integrantes da plataforma veñen de enviar á Xunta información técnica sobre os métodos de selado das galerías de drenaxe que deben executarse para permitir a reinundación da mina e a minimización da contaminación con metais pesados. “Non entendemos por que o que se fai en minas de todo o mundo para evitar a contaminación, aquí non se esixe a unha explotación que está a apenas sete quilómetros da ría de Muros e Noia”, indica Joám Evans, representante de Ecoloxistas en Acción.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa interactivo sinala máis de 1.800 puntos negros no arborizado urbano de Galicia

O Ecomapa identifica ocos baleiros, tocóns e árbores secas ou asfixiadas, e permite visualizar as carencias urbanas a través da ciencia cidadá

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

A rotura de balsa do Monte Neme reabre a ferida ambiental da antiga mina

A Xunta de Galicia solicita dous informes, un sobre a empresa responsable da restauración e outro sobre a dirección da obra

As seis bandeiras negras que marcan as praias contaminadas e mal xestionadas de Galicia

Os residuos nas augas, a ocupación de terreos de dominio público e o proxecto de Altri protagonizan o informe de Ecoloxistas en Acción