LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

A intelixencia artificial (IA) é hoxe, sen dúbida, a disciplina da que máis se está a falar no mundo da ciencia e da tecnoloxía, pero hai xa preto de 30 anos en Galicia algúns xa comezaban a traballar con investigacións neste terreo e acadaron os primeiros logros importantes. Entre eles atópanse os impulsores do Grupo LIA (2) da Universidade da Coruña (UDC), proxecto galardoado co Premio Spin-Off Punto Gal na súa sétima edición, na categoría de Grupos de Investigación, polo seu traballo dos últimos anos. 

Carlos Dafonte, director e fundador do grupo, explica que a orixe do mesmo está noutro grupo chamado GIB (Grupo de Informática Biomédica) que se formou arredor do ano 1995 por profesores da UDC que traballaban en informática aplicada á medicina. A partires de 2000 Dafonte comezou a traballar coa profesora Minia Manteiga en materia de IA e Big Data na Astronomía e pouco despois púxose en marcha o Grupo LIA (2). 

Publicidade

Misión Espacial Gaia

“Comezamos traballando con sistemas expertos e redes de neuronas artificiais para a clasificación de espectros de estrelas, algo que se facía de xeito manual e comparando con espectros de obxectos digamos prototípicos. Diriximos varios traballos de fin de grao, comezamos a publicar sobre o tema e conseguimos entrar no Consorcio da Misión Espacial Gaia da ESA, e aínda hoxe seguimos colaborando, con financiamento continuado dende 2007. Gaia é unha misión astrométrica que acadou o mapa 3D da nosa galaxia máis completo e detallado ata o momento. É unha misión referente a nivel mundial”, sinala Dafonte. 

Hoxe en día a liña do grupo máis activa e con maior financiamento segue a ser a do Big Data Astronomy, cun proxecto con fondos do MICINN para colaborar coa Misión Gaia e tamén cuns primeiros traballos para a Misión Euclid da ESA. Neste último caso trátase dunha misión cosmolóxica que estuda a orixe do universo e a súa velocidade de expansión. Ademais, analízase a enerxía e a materia escura que se supón que é do que está formado o 95% do universo. 

Publicidade

20 anos de traxectoria ligada á astronomía

Dafonte sinala que os principais fitos que marcan a traxectoria do grupo ao longo de máis de 20 anos están moi ligados á astronomía. Especialmente lembra a data do 19 de decembro de 2013, día do lanzamento do satélite Gaia. “Foi un día moi especial para todos nos xa que levabamos sete anos traballando con simulacións e tres teses defendidas nesta temática”, sinala Dafonte, quen apunta tamén que hoxe en día case a metade dos membros dos consorcios espaciais son enxeñeiros informáticos, xa que é necesario traballar con grande volumes de datos que deben procesarse de xeitos moi distintos, combinando a estatística, a IA e as técnicas de cómputo de grandes volumes de datos. 

Carlos Dafonte recolle o premio Galicia Spin-off 2023, no apartado ‘Grupo de Investigación’. Foto: Anxo Iglesias

Pero a actividade do Grupo LIA (2) vai máis alá da astronomía e hoxe en día traballa noutros ámbitos como a ciberseguridade e tamén hai varias colaboracións en diversos proxectos con empresas como Abanca, Odeene Ingeniería ou EMETEL. Dafonte apunta que a IA está a ter avances moi importantes nestes últimos anos e as empresas demandan cada vez máis aplicacións para esta disciplina. “A veces as empresas non saben moi ben para que utilizar a IA e están pensando unicamente no famoso ChatGPT, cando a IA e moito máis ca iso”, sinala Dafonte. 

Regulamentar a IA

O responsable do grupo prognostica que a IA vai traer nos próximos anos a automatización de moitos procesos que ata o de agora se facían de xeito manual, con traballos pouco cualificados e mal pagados, pero tamén vai supoñer unha mellora na seguridade de tarefas de precisión coma a cirurxía. Neste sentido, Dafonte apunta que hai que ter en conta os dilemas éticos no deseño das decisións que pode tomar a IA por nós e resulta necesario que haxa un desenvolvemento de regulamentación ao respecto. 

Sobre o futuro do grupo, Dafonte indica que se está a traballar en moitos proxectos a pesar de que LIA (2) conta con poucos membros estables e que algúns investigadores tiveron que marchar a outros lugares por non conseguir a estabilidade no emprego que precisaban para seguir no grupo. “Quero agradecer o apoio que nos presta a Xunta de Galicia coas axudas para a consolidación de grupos de investigación e o fantástico traballo que fai o CITIC da UDC, que nos apoia en moitas das accións que levamos a cabo e tamén co equipamento que necesitamos, facilitando moito o día a día. A pesar das dificultades a nosa ilusión por facer as cousas ben e as ganas de superar cada día novos retos mantéñennos no camiño”, sinala Dafonte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto un sistema planetario ‘ao revés’ que desafía as teorías da formación astronómica

O achado dun mundo rochoso na periferia da estrela LHS 1903 suxire que os planetas tamén poden formarse de forma secuencial en contornas sen gas

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Descubertas novas pistas sobre a orixe de Theia, o hipotético planeta que formou a Lúa

Unha análise de isótopos de rocas lunares e terrestres revela que o obxecto celeste chocou contra a Terra e deu lugar ao noso satélite fai 4.500 millóns de anos

Astronomía de multimensaxeiro: o Universo contado en luz, ondas e partículas

O IGFAE participa en grandes colaboracións internacionais para combinar múltiples sinais cósmicos co obxectivo de comprender mellor os fenómenos máis extremos e invisibles do cosmos