O 5 de febreiro de 1760, dous canteiros traballaban arreo na igrexa de Santa María A Nova, en Noia, para colocar un novo retablo no altar maior. No transcurso dos traballos, removeron algunhas sepulturas. Non podían nin imaxinar que o achado dun corpo saponificado sacudiría a vila durante semanas. Este episodio “desatou unha profunda conmoción” e a veciñanza, pensando que era un santo, arrincoulle varias partes do corpo para empregalas como reliquias. O caso permaneceu no esquecemento durante séculos, ata que dous historiadores da Universidade de Santiago (USC) atoparon recentemente un texto inédito que detalla o fervor popular daqueles días e as estratexias da Igrexa para conter a situación e impedir o nacemento dun novo culto local.
O investigador Mario Sixto Puente encontrou o documento nos arquivos da Confraría da Concepción de Noia e profundou no caso xunto a Anxo Rodríguez Lemos. O texto foi escrito en 1760 por Diego Antonio Cernadas y Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme, un famoso ilustrado galego. O arcebispado de Santiago, coñecedor do fervor popular que espertara o achado, encomendoulle investigar o caso para determinar a santidade do corpo atopado. “Fruíme non aplica o punto de vista eclesiástico e bota man da ciencia en pleno Século das Luces. Explica como as condicións da terra e a posible falta de osíxeno favoreceron a conservación do corpo”, apunta Rodríguez Lemos. Co seu informe, baseado en múltiples lecturas e testemuños de científicos e médicos da época, o ilustrado impediu a posible formación dun culto local.
O cura José de Santos
O corpo saponificado non era anónimo, senón que tiña nome e apelidos: José de Santos. Fora cura en Noia, membro da Confraría da Concepción e falecera en 1758, tan só dous anos antes das obras que sacaron o seu cadáver á luz. Fruíme investigou a súa figura para determinar ata que punto se podía considerar santo, entrevistou a algúns dos empregados domésticos do capelán e concluíu: “Era un bo sacerdote, pero non chegaba a ese grao de virtude heroica que fai canonizables os homes”. Rodríguez Lemos cre que esta contención responde a unha estratexia da Igrexa para evitar a proliferación constante de cultos locais. “Había moita xente en vida que coñecera o capelán. Probablemente había outras testemuñas que sabían que o cura levaba unha vida máis ociosa ou non tan regulamentaria”, engade o historiador da USC.
A investigación de Fruíme evita que o cura José de Santos sexa santificado e, así, censúrase a devoción popular que nacera tras o achado do “corpo incorrupto”. Segundo describe o ilustrado, o cadáver achárase en bo estado de conservación. Porén, cando el chega a Noia o 18 de febreiro, o corpo estaba mutilado: arrincáranlle parte da cara, os ollos, a meixela esquerda, as mans, e só lle quedaba un terzo da barba. “Foi tanta a turba que concurriu e se apiñou na igrexa de Santa María A Nova, que tiven que impoñer excomuñón”, recolle o texto, en alusión ás esixencias impostas para que a veciñanza devolvese as partes do corpo arrincadas e para evitar unha nova mutilación do cadáver, que fora trasladado á sancristía á espera do seu enterramento. Estas medidas eran necesarias porque, como sinala Rodríguez Lemos: “Nin Fruíme era capaz de conter a presión da xente”.
O proceso de saponificación
Un dos elementos que aparecen no texto do ilustrado, e que encaixan co que hoxe coñecemos como o fenómeno da saponificación, é que José de Santos era unha persoa obesa. Este proceso químico consiste na transformación da graxa corporal nunha substancia cérea e de consistencia xabonosa. Para explicar este fenómeno sen botar man da fe, o cura de Fruíme consultou varias lecturas e tamén a dous médicos, quen salientaron as características dunha sepultura “húmida e pesada”. “Estes factores favoreceron o proceso de saponificación, no que se detivo a actividade das bacterias da putrefacción e o corpo quedou terso e con bo olor”, sinala o estudo actual. Na época, Fruíme non empregou o termo científico coñecido hoxe, senón que utilizou o concepto “preternatural”, que definía acontecementos que parecían extraordinarios e que, ao final, eran “mundanos”.
Entre as lecturas nas que se baseou para a elaboración do texto está a obra Medicina lusitana, socorro delphico, escrita por Francisco de Fonseca Henriques. O libro recollía o achado dun “corpo incorrupto” en Brasil en 1610, que fora enterrado 14 anos antes do seu descubrimento. As características do enterramento e a ausencia de osíxeno foron os factores mencionados para explicar por que se freara o proceso de putrefacción e o cadáver se conservara en bo estado durante máis dunha década. Este exemplo, moi similar ao de Noia, foi empregado polo propio Fruíme para desbotar o nacemento dun culto local.
Como conter o fervor
O ilustrado, para calmar o fervor popular, subiu ao púlpito da igrexa e intentou explicar o caso. “A honesta vida deste bo sacerdote e as virtudes coas que nos deu bo exemplo eran fundamento grande para crer que rematou felizmente a súa carreira, pero non podiamos adiantarnos a canonizalo (digámolo así) por iso mentres a Igrexa non o declarase”, explica Fruíme no texto destinado ao arcebispado de Santiago. Malia que o ilustrado pensou que lograra calmar a veciñanza, cando mandou enterralo “ondas de xente amontoáronse sobre a sepultura”. O cura encargado da investigación non puido conter o fervor popular e a forma que tivo de facer regresar a calma a Noia foi baixo as ameazas de excomuñón.
Outros casos: de Iria Flavia a Santiago
Malia que o texto inédito se atopou recentemente, o do cura de Noia non é o único corpo saponificado atopado en Galicia arredor do que se quixo construír un culto local. Rodríguez Lemos menciona o descubrimento en 1675 dun cadáver na colexiata de Santa María de Iria Flavia, tamén durante unhas obras no templo. “Apareceu o corpo incorrupto dun bispo coas súas insignias. Os canteiros ao levantalo berraron: Corpo santo!“. Mantivérono na súa sepultura orixinal e arredor del creouse un culto que a igrexa permitiu: “Foi unha devoción case consensuada”. A través dun rito polo que o enfermo se deitaba sobre a tapa sepulcral e rodaba tres veces de cada lado, lograba expulsar o mal de aire. Rodríguez Lemos menciona o antropólogo Gustav Henningsen, quen logrou inmortalizalo nos anos sesenta cunha imaxe dun pai e dun fillo levando a cabo o ritual.
O caso de Iria Flavia si deu pé a un culto, pero hai outros semellantes ao de Noia, como o cadáver atopado en 1744 no convento de San Francisco, en Santiago. “Era un franciscano. A orde trasládao rapidamente para evitar a profanación”, apunta Rodríguez Lemos. De novo, este non se trataba dun cadáver anónimo, senón do corpo de Juan Sarria y Prado, que fora enterrado en 1711. Estes achados distan dos recentes descubrimentos no convento de Santa Clara, en Pontevedra, onde se atoparon dous cerebros saponificados anónimos. Crese que un deles pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX.
O texto descuberto por Sixto Puente e Rodríguez Lemos é un tesouro documental. A precisión coa que o cura de Fruíme describe as características do corpo saponificado, así como as mutilacións causadas pola veciñanza de Noia, dan mostra da conmoción que espertou o achado e da necesidade do pobo de crear un novo culto. A Igrexa puxo en marcha toda a súa engranaxe para evitar a “santificación popular” do cura José de Santos a través dun minucioso traballo de campo realizado por Fruíme, quen en pleno século XVIII botou man dos argumentos científicos para explicar o que hoxe coñecemos como “saponificación”. O estudo dos investigadores da USC rescata unha memoria esquecida e axuda a tecer o pasado de Galicia.















Non teño a man agora estas publicacións, mais, en todo caso, se non foi publicado integramente dito texto nunha delas, si foi amplamente divulgado o contido do mesmo, polo que non se pode considerar, cando menos completamente, “inédito”.
Perdón, son o autor do comentario anterior: o texto correcto de Fabeiro, se é nese libro e non no de Fiaño, sería: Páxinas Históricas de Noia.
De inédito nada. Foi publicado nos anos noventa nun libro de Pedro Fiaño ou de Manuel Fabeiro (non lembro moi ben se en Documentos para a Historia de Galicia, do primeiro, ou en Documentos para a Historia de Noia, do segundo; mais en todo caso nun deses libros da editorial Toxosoutos).