Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar as formas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia

Coa migración das transaccións bancarias analóxicas ás dixitais, a necesidade de protexer datos sensibles e mellorar a súa xestión vólvese unha cuestión que ocupa a mente das entidades e usuarios involucrados nas operacións. O sector financeiro manexa grandes cantidades de información que se basean en sistemas en constante evolución. Cando chega o momento de actualizar os programas encargados da organización, da consulta e da execución de transaccións financeiras, é habitual que se requira unha importante revisión dos sistemas que vén acompañada de pausas na súa operabilidade e dunha curva de aprendizaxe asociada a cada novo programa. O proxecto Qryption, do centro tecnolóxico Gradiant, nace como resposta a esta problemática: busca centralizar e simplificar a xestión das operacións de pago das entidades financeiras.

A base de Qryption está na mellora da criptografía asociada a estas transaccións. Esta técnica emprégase para protexer a información a través de mensaxes codificadas que só o destinatario (sexa este un programa informático ou unha persoa) poida comprender o seu contido. É unha forma de garantir a seguridade dos datos financeiros de bancos e usuarios, e resulta especialmente relevante no contexto dixital que domina no presente.

Publicidade

O líder da liña tecnolóxica de seguridade avanzada do dato de Gradiant, Jaime Loureiro, explica que a criptografía é unha tecnoloxía máis presente na vida diaria da sociedade do que adoita crerse a pé de rúa. “Cando facemos compras por Internet, ou sacamos cartos do caixeiro, ou pagamos coa tarxeta no supermercado… Son accións que parecen invisibles e rápidas, pero por detrás as empresas bancarias fan toda unha serie de verificacións que conforman a súa criptografía”, explica Loureiro, quen define esta tecnoloxía coas seguintes palabras: “É un conxunto de técnicas e estruturas invisíbeis para o cidadán que garanten a seguridade das transaccións”.

Xestionar operacións financeiras

“Qryption nace dunha proposta que presentamos no 2025 ao Programa Ignicia Proba de Concepto“, sinala Jaime Loureiro. Esta convocatoria está impulsada pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia co fin de axudar a promover o desenvolvemento de aplicacións comerciais nadas de centros de investigación galegos. “Nós presentámonos cun proxecto orientado ao sector financeiro que pretende mellorar a xestión das operacións de pago que fan as entidades bancarias”, apunta o líder da liña de seguridade de Gradiant.

Publicidade

Durante os momentos máis temperáns da transición dixital do sector bancario, os programas e sistemas deseñáronse baixo a premisa de que os algoritmos, códigos e linguaxes verían poucos cambios nos anos vindeiros. “Iso xa non é válido. Estamos ás portas dos ordenadores cuánticos, das ameazas da intelixencia artificial… Os cambios tecnolóxicos poñen en risco moitos dos algoritmos criptográficos que xestionan os nosos pagos. Queremos que poidan cambiar a criptografía sen cambiar os sistemas de pago“, conta Loureiro.

A iniciativa está dirixida a entidades bancarias do sector financeiro, mais toca unha cuestión que se estende a múltiples ámbitos e puntos xeográficos. “As ameazas do sector financeiro tamén o son para outros campos, fundamentalmente aqueles que se basean nas estruturas crípticas: telecomunicacións, saúde, enerxía, defensa… A criptografía é o piar fundamental que protexe os nosos datos na era dixital”, apunta Jaime Loureiro. Engade: “Dende Galicia podemos desenvolver tecnoloxía moi especializada para solucionar un problema dos sistemas de pago en todo o mundo”.

Jaime Loureiro, líder da liña tecnolóxica de seguridade avanzada do dato de Gradiant. Imaxe: Gradiant
Jaime Loureiro, líder da liña tecnolóxica de seguridade avanzada do dato de Gradiant. Imaxe: Gradiant

Como funciona Qryption?

“O que facemos en Qryption é unha tecnoloxía middleweb criptográfica [un programa intermedio entre os sistemas operativos e os dispositivos físicos ou virtuais que os executan] que xestiona todas as aplicacións financeiras que demandan o uso de criptografía”, explica Loureiro. Engade que o proxecto busca xestionar as claves que necesitan os diferentes sistemas e as infraestruturas de pago (en concreto, as HSM). Son, así, módulos de hardware que implementan estas tecnoloxías de seguridade para confirmar e protexer operacións como a verificación do número de tarxeta e a identidade da persoa asociada ao pago. “Nós xestionamos todos estes tipos de hardware a través dunha interface única para evitar ter que administrar a criptografía por separado en cada aplicación”, indica o director de criptoseguridade.

Qryption está, pois, tratando de crear a posibilidade de que unha infraestrutura complexa —como é, neste caso, a criptografía financeira— resulte sinxela para quen a usa. “Queremos permitir a independencia entre os sistemas de pago e a súa criptografía. A principal innovación son os algoritmos de criptoaxilidade que implementamos”, asegura Jaime Loureiro. Con isto, buscan conseguir que os sistemas de pago non teñan que cambiar, mesmo se é necesario actualizar a criptografía que os protexe.

“Tamén queremos ter en conta que o sector financeiro está extremadamente regulado. Esíxeselles aos bancos uns sistemas de seguridade moi complexos. Ao independizar o asistente de pago das infraestruturas que o aseguran, tamén os volvemos máis áxiles“, apunta Loureiro, e aclara que isto débese a que o verificador xa non necesita repasar cada aplicación, senón que pode centralizar a operación nun único xestor.

Os retos da ciberseguridade

O líder da liña tecnolóxica de seguridade avanzada do dato de Gradiant pon o foco na seguridade. Explica que delegar todas as funcións de verificación e protección dos datos conleva un aumento do risco. “Se centralizamos a xestión da criptografía nun único punto a través do middleware de Qryption, gañamos mellor control. É o principal valor que ofrecemos: a posibilidade de monitorizar e actualizar a criptografía nun só espazo“, asegura Jaime Loureiro.

O investigador de Gradiant sinala que, a nivel de seguridade, a criptografía enfronta dúas grandes ameazas: a computación cuántica e a intelixencia artificial. “Cando [a computación cuántica] sexa unha realidade, os sistemas financeiros terán que cambiar os seus programas segundo unha folla de ruta que xa preparan os organismos internacionais. Isto significa que os bancos estarán obrigados a cambiar a súa criptografía para protexer a nosa información. O noso obxectivo é axilizar o proceso“, explica Loureiro. Engade que no relativo á IA ve os beneficios que pode ter, pero tamén advirte da súa potencialidade como perigo de ser empregada por ciberdelincuentes. “Poden usala para explotar as vulnerabilidades de certos algoritmos criptográficos. Non só hai que detectar as ameazas, senón que haberá que actualizar a criptografía. Nós buscamos que iso sexa posible sen que haxa un paro, unha disrupción do servizo”, apunta. Así, Gradiant presenta Qryption como unha opción para levar a cabo as migracións necesarias de forma áxil sen que os usuarios vexan mermados os sistemas de pago vixentes.

En que punto se atopa o proxecto?

Qryption é o resultado de anos de investigación que agora se materializa coa creación dunha spinoff que arrancará a finais do ano que vén, e que poderá materializarse grazas á convocatoria Ignicia Proba de Concepto da Xunta. “O sector financeiro é complexo e os ciclos de implantación de proxectos son máis longos que noutros sectores”, recoñece Jaime Loureiro.

Actualmente, Qryption está nun nivel de madurez tecnolóxica TRL 6. “Isto significa que xa non é só unha tecnoloxía de laboratorio, senón que se validou en entornos representativos de entidades financeiras. O seguinte paso é levala a un escenario real e, de cara ao ano que vén, obter un produto comercializable”, conclúe o líder de seguridade do dato de Gradiant.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira impresora 3D asistida por láser: así queren cambiar o futuro industrial dende O Porriño

O proxecto L3DO, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, permitirá fabricar compoñentes máis resistentes, lixeiros e personalizados con termoplásticos de altas prestacións

Tres científicas da USC reciben 1,5 millóns da Xunta para investigar en cancro, nanotecnoloxía e baterías

Os proxectos liderados por Clara Álvarez, María José Alonso e María Giménez foron seleccionados na quinta convocatoria do Programa Ignicia

A biotecnoloxía galega lanza a súa ofensiva en BioSpain para captar investimento

A feira que se celebra en Barcelona estima bater o récord da última edición, que contou con case 1.000 empresas e máis de 2.200 profesionais

Galicia impulsa unha nova era dixital coa combinación de ‘edge computing’ e 5G

Investigadores da Universidade de Vigo están a desenvolver edgeContinuum, unha plataforma pioneira, financiada a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia, para optimizar custos e mellorar o control sobre os datos