O centro galego Gradiant deseña un sistema de IA para verificar contidos audiovisuais e prever fraudes

A plataforma, destinada a empresas e medios de comunicación, recibe un premio internacional no eido da ciberseguridade

O sistema de intelixencia artificial Veraquo foi creado no centro tecnolóxico Gradiant —con sede en Vigo— co obxectivo de detectar contidos manipulados ou xerados artificialmente. A nova tecnoloxía analiza imaxes, vídeo e audios, incluídas as voces clonadas, e dispón de capacidades orientadas á rastrexabilidade de contidos dixitais. O obxectivo é que esta plataforma sirva para que empresas e organizacións prevexan fraudes, suplantacións de identidade, falsificación documental e outros usos maliciosos da IA. Tamén pode servir para que os medios de comunicación verifiquen imaxes, vídeos e audios antes da súa publicación ou difusión.

A nova ferramenta de Gradiant serve para verificar a autenticidade da información e reducir os riscos financeiros e reputacionais asociados ao uso malicioso da IA xerativa. Con esta premisa, o sistema acaba de recibir un recoñecemento internacional nos CyberSecurity Breakthrough Award 2026, ao ser gañador na categoría Deepfake Detection Solution of the Year. O obxectivo destes galardóns é “premiar a excelencia” e recoñecer as empresas “máis innovadoras que están redefinindo a ciberseguridade”.

Publicidade

Do auténtico ao manipulado

“Este recoñecemento chega nun momento no que a expansión da IA xerativa está a transformar a natureza da fraude dixital. A creación de contidos sintéticos é cada vez máis accesible e sofisticada, á vez que se reduce a capacidade de distinguir a primeira ollada entre contido auténtico e contido manipulado”, sinala Juan González, director de Seguridade e Privacidade en Gradiant. “A IA xerativa está a cambiar a relación entre creación e verificación de contidos. Canto máis doado resulta xerar información sintética, máis importante é dispoñer de mecanismos capaces de analizar a súa autenticidade e achegar evidencias para a toma de decisións. Neste escenario, a verificación de contidos axuda a empresas e organizacións a previr fraudes e tomar decisións con maior confianza”, conclúe.

Procesos empresariais e sociais

Segundo trasladan dende Gradiant, este recoñemento permite que o centro tecnolóxico avance cara a un modelo no que a verificación de contidos forme parte das capas de seguridade necesarias para operar con confianza en contornas dixitais, especialmente a medida que a IA xerativa se intrega en procesos empresariais e sociais. “A capacidade de verificar aquilo que vemos, escoitamos ou recibimos será un elemento fundamental para preservar a integridade das decisións dixitais e reducir a exposición a novas formas de fraude. Nun mundo no que xerar contido falso será cada vez máis sinxelo, verificalo será tan importante como crealo”, engade González.

Publicidade

O centro tecnolóxico presentou Veraquo internacionalmente na pasada edición da RSA Conference 2026 de San Francisco, un dos principais encontros mundiais de ciberseguridade, onde mostrou as súas capacidades para detectar imaxes e vídeos manipulados e voces clonadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles

Maite Taboada, colaboradora de Google: “O odio comeza por nós, o que fan as redes sociais é distribuílo”

A nova membro da Real Academia Galega de Ciencias é catedrática de Lingüística no Canadá, onde centra a súa liña de investigación na análise do discurso na rede e da desinformación