As autoridades españolas detectan a presenza de salmonela (Salmonella enteritidis) nun lote de ovos frescos de orixe nacional que xa deixa un mínimo de 13 persoas contaxiadas de salmonelose. Os alimentos contaminados distribuíronse en Portugal e en España, onde xa se retiraron do mercado. No país veciño non se levou a cabo esta medida, mais si se segue o caso de preto.
O Sistema de Alerta Rápida para Alimentos e Pensos da Unión Europea (RASFF, polas súas siglas en inglés) califica a situación como ‘grave‘. A análise dunha mostra de 25 gramos tomada o 23 de setembro revelou a presenza do patóxeno, que España notificou o 8 de outubro ao RASFF. O organismo sinala que se rexistraron 13 persoas afectadas a nivel nacional, mais non trascenderon datos sobre a incidencia xeográfica da enfermidade nin da entidade responsable da produción e a distribución dos ovos.
Un patóxeno moi adaptable
A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) afirma que a salmonela é unha das enfermidades máis comúns e estendidas. Está causada polas bacterias do xénero Salmonella e a familia Enterobacteriaceae. A nivel europeo, as variantes máis comúns son a S. Typhimurium e a S. Enteritidis, responsable desta última alerta. É un microorganismo que se aloxa no intestino de animais e humanos e se expulsa a través das feces. Adoita asociarse a súa presenza a produtos de orixe aviaria, en especial a ovos, mais tamén se atopa en carne, leite, froitas e hortalizas. Ten especial incidencia en produtos crus e pouco cociñados. O contaxio pode producirse cando se inxiren auga ou alimentos contaminados e a través da vía fecal-oral entre persoas, “cando hai deficiencias na hixiene das mans por parte dunha persoa infectada que contamina os alimentos ao manipulalos”, explica a AESAN.
Este patóxeno ten unha alta capacidade de adaptación, polo que pode sobrevivir durante periodos prolongados —mesmo chegando a anos— en contornas moi diversas, tanto a nivel térmico como de pH. Así e todo, a temperatura á que máis prolifera é entre os 35 e os 37 graos. Por este motivo é importante poñer o foco na correcta conservación e cociñado dos alimentos, especialmente en épocas cálidas.
Síntomas da salmonelose
A AESAN sinala nun informe que esta enfermidade se caracteriza pola aparición súbita de febre, dor abdominal, diarrea, náuseas, vómitos, cefalea e mialxias, entre outros. Apunta que os síntomas preséntanse con máis frecuencia entre 12 e 36 horas despois da inxesta de alimentos contaminados con Salmonella, mais este rango pode ampliarse dende as 6 ata as 72 horas posteriores ao consumo.
A salmonelose dura entre dous e sete días e presenta un cadro xeralmente leve que non require tratamentos específicos. Porén, nalgúns casos —en especial no relativo a nenos e nenas e persoas de idade avanzada— a deshidratación que causa a enfermidade pode chegar a niveis de gravidade suficientes para poñer en risco a vida da persoa afectada.
A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición recomenda como principais medidas de seguridade a hixiene na cociña (sobre todo no relativo ao lavado de mans, superficies e utensilios), a separación de alimentos crus e cociñados na neveira e a toma de alimentos que se prepararan a un mínimo de 70 graos durante dous minutos. “Deben cociñarse completamente os alimentos de orixe animal antes do seu consumo. Esta é unha medida moi efectiva para acabar coa bacteria”, incide a organización.
Achega tamén algúns consellos xerais, como non lavar os ovos (porque isto “pode axudar a transferencia da salmonela do exterior da cáscara ao interior do ovo”, explica) e manter refrixerados os alimentos que non se vaian tomar de inmediato.














