En cada recuncho de Galicia agóchase unha superstición. A Sherezade non lle chegarían as mil e unha noites para relatar, con todo luxo de detalles, cada un dos rituais co que as galegas de hai 100 anos escorrentaban o mal do corpo, curaban todo tipo de doenzas e protexían as súas máis prezadas posesións —animais e casas, sen dúbida— das tentacións do demo. Esta sociedade imbuída de maxia, agora xa desaparecida, quedou retratada nas miles de fotografías do antropólogo Gustav Henningsen, que durante os anos 1965 e 1968, e sempre acompañado da súa dona Marisa Rey, percorreu (case) todos os recunchos dunha Galicia que levaba décadas, incluso séculos, fermentando os máis variados rituais. Agora, ese legado de inestimable valor está baixo a custodia do Museo do Pobo Galego, onde Henningsen depositou e doou todas as imaxes que capturaron por vez primeira a Galicia da superstición.
O antropólogo danés, que tamén retratou coma ninguén a romaxe do Corpiño, chegou á parroquia de Ardemil, en Ordes, para estudar as crenzas e tradicións orais relativas á bruxería dende unha perspectiva científica. Descubriu todo un mundo, para el descoñecido, do que deixou constancia visual e auditiva nun material de incalculable valor. Estímase que capturou máis de 2.000 fotografías e gravou máis dun cento de horas de audio que gardan a memoria dos máis variados rituais, supersticións e crenzas. De feito, o director de Exposicións do Museo do Pobo Galego, David Conde, tamén encargado de xestionar o Fondo Fotográfico de Gustav e Marisa Rey-Henningsen, loa a capacidade do antropólogo dánes para retratar as “realidades cotiás”. “Ningún fotógrafo se fixaba nelas porque ninguén pensaba que puideran desaparecer”, reflexiona o historiador, poñendo en valor o traballo de Henningsen.
Henningsen sacou máis de 2.000 fotografías e gravou máis dun cento de horas de audio
Segundo explica, algúns dos rituais que o antropólogo retratou nas súas imaxes son, en realidade, escenificacións. As curandeiras ou as compoñedoras ensinábanlle a Henningsen como realizaban o seu traballo, explicándolle detalladamente en que consistían os rituais que prometían curar os seus pacientes. Outras imaxes si deixan constancia verídica que ritos dos que o antropólogo danés foi testemuña incomparable. “Hai que pensar nestas supersticións como unha alternativa á medicina universal que antes non había. Tamén cumprían unha función social porque as compoñedoras suplían a carencia de medios económicos para acceder, por exemplo, á sanidade. Pero a técnica, a ciencia, vai avanzando e todo isto desaparece porque se enfronta directamente co método científico”, explica David Conde.
A continuación, ensinámosvos unha mostra de 36 imaxes do Fondo Fotográfico Gustav e Marisa Rey-Henningsen, capturadas na década dos 60 en diferentes recunchos de Galicia pero, sobre todo, na comarca de Ordes, onde viviron e se namoraron desta terra.
Os animais, unha prioridade
As vacas, os porcos, as ovellas, as cabras e unha longa nómina de animais que conformaban un gando variado e de extrema importancia para unha Galicia eminentemente agrícola e rural. Por iso, nunha sociedade entregada á superstición e con acceso a poucos recursos, os animais eran o centro de moitos rituais de sanación e protección. Por exemplo, cando se bendicían as casas durante a Pascua, tamén se esparexía auga bendita nos cortellos onde estaban os animais, garantindo, segundo a crenza, que estiveran protexidos durante todo o ano.
Un dos rituais máis estendidos era o uso de leituarios. Segundo explica David Conde, eran amuletos que se colocan na testa das vacas, suxeitos con cordeis, para que volveran producir despois de perder o leite. É dicir, pensábase que servían para favorecer a súa secreción. Nunha das imaxes que capturou Henningsen vese a unha veciña de Tordoia amosando ante a cámara un leituario. A peza, pequena, cabe na palma dunha man e as cores brancas e azuis, intensas, confírenlle beleza. Tal e como traslada o director de Exposicións do museo, esta peza é, en realidade, unha pasta vítrea fenicia. “Seguramente atopouse na superficie dalgún xacemento e foi considerada máxica pola súa rareza”, apunta.
Pero estes non son, nin de lonxe, os únicos rituais para protexer ou curar os animais. Había zonas de Galicia nas que era habitual pasar as vacas por enriba dos restos da fogueira do San Xoán á mañá seguinte porque isto servía, segundo a crenza, para protexelas durante todo o ano. Tamén en relación ao gando vacún está o ritual do formigueiro. Segundo a superstición, se a vaca sangra no muxido é porque alguén lle ten envexa ou lle botou un mal de ollo. “Para iso, o primoxénito da casa ou a persoa que vaia muxir máis cedo recolle unha cunca de leite con sangue, a primeira muxida do día, e vaina levar a un formigueiro onde deita o leite contaminado. Pensábase que as formigas tiñan a capacidade de levar o mal e facelo desaparecer”, apunta.
Pero os rituais e supersticións asociados aos animais non rematan aquí. Había quen cortaba pelos nas cruces das vacas —puntos onde se xuntan as paletillas e as cadeiras— para a curación das súas doenzas. Hai quen di que se facía para poñerlle un leituario ou ben que os pelos cortados se tiraban ao lume.
Pasando de vacas a ovellas, o ritual da “sombra ao monte” tamén é ben curioso. Os protagonistas son os nenos: o máis novo da casa deitábase no chan da porta da corte das ovellas enfermas e o irmán cubríao cunha cesta. Despois, fan saír as ovellas por orde de idade —as máis novas primeiro, as máis vellas despois e o carneiro, se o hai, para o final—. “Este é un exemplo de sanación animal colectiva que se pode relacionar con algúns rituais de orixe grega e romana, pero merece reflexión a ritualización totalmente organizada por idades e sexos dos animais”, explica Conde.
Os rituais de San Xoán para quitar o meigallo
Se unha fala de meigallos, maxias e supersticións, non pode esquecerse de mencionar o San Xoán. De igual modo, non pode crearse unha imaxe fiel de Galicia sen retratar unha das súas tradicións máis senlleiras. Iso foi o que fixo Gustav Henningsen, que participou nas fogueiras do Vilar, en Ordes, e deixou constancia de como saltaban os veciños para quedar protexidos do meigallo o resto do ano. De igual modo, lavar a cara coas herbas do San Xoán é outro dos rituais máis estendidos que aínda chega aos nosos días. As plantas que se empregan, que varían considerablemente dunhas zonas a outras de Galicia, déixanse repousar á intemperie toda a noite. E á mañá seguinte, unha lava a cara con elas.
A interferencia entre o cristián e o pagán
Unha das características innegables desta longa lista de supersticións que retratou Henningsen é a interferencia entre o profano e o relixioso. Os elementos mestúranse ata crear un ritual novo, que se foi xestando co paso dos séculos e das culturas pero que sempre busca un mesmo obxectivo: sandar, curar, protexer. De feito, os rituais nos que esta unión entre dous mundos queda máis patente ca nunca son os relacionados cos defuntos que, segundo Conde, “teñen máis de profano que de relixioso”. Na primeira imaxe desta serie vense dúas nenas acendendo con aceite as lámpadas do cemiterio de Ordes. Pero o importante son os detalles: unha delas leva un colar de zonchos.
“Aquí é onde se mesturan as dúas tradicións, a pagá e a cristiá: a devoción cristiá adaptada polas ánimas e o colar de zonchos, símbolo dunha paganidade que, para min, non foi erradicada pola Igrexa”, apunta o director de Exposicións do museo. Segundo continúa explicando, estes rechamantes colares, que se facían con castañas cocidas, dábanselle aos nenos para que os comesen en tempos de fame e de moi poucos recursos. “Coinciden as dúas vertentes da celebración: a pagá, coas castañas e os magostos; e a cristiá, coa honra aos defuntos”, apunta.
Nesta mesma serie, relativa á interferencia entre o cristianismo e o paganismo, pódese ver a unha muller ofrecendo esmola nun peto de ánimas. Aí reflíctese a crenza pre-cristiá de que os ancestros velan por nós, cóidannos pero, para iso, tamén hai que contentalos. De igual modo, hai outra fotografía dunha muller lavando a cara nunha fonte que se consideraba milagreira. De novo, o simboloxismo da auga, das pedras, dos cruceiros. “É evidente que é unha práctica anterior á cristianización pero asumida pola Igrexa e reconvertida en obxecto de devoción”, sinala Conde. E xa por último, un dos rituais máis coñecidos, aínda a día de hoxe. O baño das nove ondas, que se fai na Lanzada, é un situal de fertilidade. Ao abrente do sol, as mulleres déitanse na area recibindo os embates da auga para que, por fin, poidan concibir.
Os ritos de protección
Os galegos sabían dende tempos ancestrais que máis vale previr que curar. E precisamente, seguindo esta máxima, moitas das supersticións que retratou Henningsen nos 60 servían para evitar males de ollo, enfermidades e envexas en casas, persoas e animais. Un dos máis habituais eran a bendición dos ramos do Domingo de Ramos, que moitas veces se colocaban nas fachadas das casas e nas cortes como elemento de protección. Isto tamén se facía coas espadanas da Semana Santa. “No día do Corpus, en moitas localidades galegas, fanse alfombras de flores para que O Santísimo non vaia a rentes do chan, senón dignificado”, explica Conde. Ao pasar a procesión por enriba créase un “efecto contaxio” e todos os materiais que pisa quedan bendicidos. En moitas zonas esparexíanse espadanas e outras especies vexetais que despois da procesión levaban para a casa e penduraban de balcóns e fachadas.
Nas fotos de Henningsen tamén se ven cruces cravadas na porta de entrada ou nas cortes. Este elemento relixioso, xunto coas estampas de santos que tamén se ven pegadas a unha fiestra, adoitábanse colocar en elementos susceptibles de abrirse “como medida de protección universal”. É dicir, así impedían a entrada de meigallos, aires, males de ollo… Pero máis alá dos elementos relixiosos que se penduraban nas portas e ventás, tamén se colgaban fórmulas máxicas e herbas desecas nos chamados “sacos de envexas”. “Tiñan gran devoción entre as poboacións do rural”, apunta o director de Exposicións.
Unha non pode rematar esta serie de fotografías sen mencionar a “auga das sete fontes” e a “auga do helicornio”. Segundo explica Conde, as funcionalidades de ambas son semellantes pero elabóranse de maneira diferente. No caso da primeira, hai que ir recoller auga de sete fontes diferentes antes de que abra o sol. No que respecta á segunda, trataríase dunha auga milagreira na que se mergullou o corno dun unicornio. “A maioría das veces eran cornos de corzo ou outros cérvidos que lles caían durante a muda anual. A cuestión é que se consideraba que estas augas tiñan virtudes de sanación”, engade o experto.
Adiviñar o futuro
Un paxariño, unha peneira, a cinsa da cheminea… Calquera elemento podía servir para adiviñar o futuro segundo as crenzas da Galicia dos anos 60. Un dos rituais para curiosos é a sorte do paxariño. “A ave estaba amestrada tiraba co peteiro dunhas tarxetas impresas e ordenadas nunha caixoneira. O consultante facía a súa pregunta, o paxariño escollía unha tarxeta coa resposta”, detalla David Conde. Porén, de igual modo que acontece co horóscopo e outras artes adiviñatorias, o director de Exposicións asegura que as respostas eran tan ambiguas que adoitaban contentar calquera resposta.
Atención á parte merecen ás sonámbulas, tamén chamadas funámbulas segundo a zona. Unha das que retrata Henningsen en Ordes é unha muller cuxo modus operandi é semellante ao dunha médium. Ela está cos ollos vendados diante da súa audiencia e mete as mans nunha especie de caixa que mantén no colo e, segundo a lenda, a conecta co máis alá. “Os consultantes fiaban as respostas que recibían da sonámbula porque, en realidade, eran palabras que lle ofrecían os seus guías”, explica o experto.
Pero as artes adiviñatorias non estaban restrinxidas ás romaxes e aos actos públicos, senón que tamén se podían facer na casa. Por exemplo, cos bolos da borralla. Se unha persoa sospeitaba que tiña un mal de ollo, facía un bolo coa cinsa da cheminea ou da cociña, abrir o que hai e se aparecían corpos estraños, como unllas ou pelos, significa que padecía de mal de ollo. Finalmente está a sorte da peneira, da que tan só se obtería un “si” ou un “non”. “Dúas mulleres, non valen homes, espetan unha tesoira coa peneira pendurada por cadanseu ollo. Faise a pregunta e segundo vire dun lado ou outro, a resposta é afirmativa ou negativa”, detalla David Conde.
A curación, o obxectivo último
O fin último de case todas as supersticións é manter a saúde. E cando unha enfermidade sega a vida, hai outros rituais que tratan de sandar o doente. Por iso, nesta serie aparecen a curandeira Jesusa en varias imaxes e Rosalía, unha compoñedora. Ambas trataban de sacar aires, sombras, males de ollo… Por exemplo, o tangaraño, que era, en realidade, o raquitismo infantil. Segundo conta Conde, adoitábase pasar os nenos duns brazos a outros por debaixo dunhas pólas de loureiro mentres as oficiantes, que case sempre eran mulleres, dicían ensalmos de curación ou fórmulas que tiveran ese efecto.
Mulleres como Jesusa e Rosalía facíanse eco de crenzas ancestrais que ofrecían solucións a quen non tiña onde acudir. Pensábase nos aires como as malas influencias dun morto ou dun animal, igual que as sombras. Distintos rituais con pedras da pezoña, pasar o gume dun coitelo pola pel ou pasar o neno por debaixo dunha mesa con sal trataban de buscar cura e fe entre estes doentes.
A riqueza de Galicia como terra máxica, de supersticións e crenzas milenarias queda na memoria dos avós, que lamentablemente se vai difuminando progresivamente ata desaparecer. Se o recordo desa Galicia non se vai esvaecer nunca é grazas ao esforzo de Gustav e Marisa, do seu altruísmo ao doar a súa obra e das institucións que salvagardan os negativos dos anos 60. Que retratan, tamén, unha Galicia matriarcal, de mulleres con panos á cabeza que lideraban a superstición. Ou, talvez, tan só lideraban a busca dunha solución, da esperanza que non puido ofrecer a ciencia ata décadas despois.
Afortunadamente.



















































Muy interesante,la colección de fotografías. No conocía de estos rituales y creencias.
Unha obra impresionante a de Gustav e a súa dona. Miña avoa posou para estas fotos no bolo da cinza e o ritual do tarangaño. A este último Maruja chamaballe “facer pola sombra” un mal que impedia que os nenos se desarolasen e lles quitaba o apetito, seguiuno facendo moitos anos sempre que alguén llo pedía.
Persoas que crian en santos e en meigas …
Xeniais fotografías.
Parabéns polo artigo