Que é o Virus do Nilo, a enfermidade que activa as alarmas en España e suma máis de 50 mortes en Italia

A maioría dos pacientes son asintomáticos, pero existe unha variante neuroinvasiva que inflama o cerebro e causa encefalite ou meninxite

O aumento de persoas contaxiadas polo Virus do Nilo Occidental en Italia eleva as alarmas no sur de Europa. O Instituto Superior de Sanidade (ISS) italiano comunicou que se produciron 54 falecementos na última semana e o número de casos confirmados ascende aos 700. En España, as Illas Baleares, Extremadura e Andalucía xa extreman a preocupación, especialmente na comunidade andaluza, onde o pasado luns se confirmaba que a infección cobrou a vida de tres persoas. Os vectores que transmiten esta enfermidade (mosquitos do xénero Culex) están tamén en Galicia, como indica o Sergas. Así mesmo, a comunidade galega ten os ollos postos na evolución do mosquito tigre (Aedes albopictus), cuxa presenza se confimou oficialmente en 10 concellos no que vai de ano.

Como se contaxia?

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou en marzo de 2026 unha actualización da situación da Febre do Nilo Occidental (FNO) na que definía a enfermidade como “unha zoonose causada por determinadas cepas do virus do Nilo Occidental (VNO) transmitidas por mosquitos”. Dende o comunicado do ministerio de agricultura destacaron, en particular, o Culex pipiens, pero indicaron que, así mesmo, é posible a participación doutros artrópodos no contaxio. Aínda que en menor medida, xa se detectaron carrachas, moscas e piollos infectados.

Publicidade

A Biblioteca Nacional de Medicina de Estados Unidos (NLM), que forma parte dos Institutos Nacionais da Saúde (NIH), explica a través do seu portal MedlinePlus que o virus do Nilo Occidental adoita transmitirse a través da picadura dun mosquito infectado, aínda que, en casos excepcionais, é posible que o contaxio se produza entre persoas. “Isto pode acontecer a través dun trasplante de órgano ou unha transfusión de sangue. Tamén no embarazo, pode transmitírselle o virus ao feto durante a xestación, o parto e a lactancia”, aclara o servizo médico.

Síntomas do Virus do Nilo

A maior parte dos pacientes presentan un cadro leve ou asintomático, pero a afección pode ser grave e mesmo letal, sobre todo en poboacións de risco (maiores de 60 anos, persoas con certas enfermidades —”cancro, diabetes, presión arterial alta ou enfermidade dos riles”, indican dende MedlinePlus— ou que recibiran un trasplante de órgano).

Publicidade

Os síntomas leves inclúen: febre, dor de cabeza, dor corporal, vómitos, diarrea e erupcións cutáneas. Dende o portal da NLM sinalan que o cadro adoita remitir por si só nun periodo duns días a varias semanas nas que as persoas afectadas poden presentar debilidade ou fatiga que se chega a prolongar durante meses. Na súa variante máis grave, o virus do Nilo Occidental presenta febre alta, dor de cabeza, rixidez no pescozo, entumecemento, debilidade muscular, perda da visión e mesmo pode presentarse en forma de coma.

O que máis preocupa ás autoridades sanitarias é a variante neuroinvasiva que, aínda que menos frecuente, ten unha maior mortalidade. “Pode causar inflamación do cerebro (encefalite) ou inflamación do tecido que rodea o cerebro e a medula espiñal (meninxite)”, explican dende MedlinePlus. No propio portal web sinalan que non hai vacinas nin tratamentos específicos para loitar contra a enfermidad causada polo virus en humanos, polo que poñen o foco na prevención das picaduras de mosquito. Así e todo, engaden, o descanso, a hidratación e os analxésicos poden aliviar algúns síntomas.

O mosquito tigre, outra fonte de preocupación en Galicia

O aumento dos casos provocados polos vectores Culex levan a aumentar a vixilancia dos mosquitos no seu conxunto. En concreto, no caso de Galicia séguese de preto o avance do mosquito tigre (Aedes albopictus), que foi detectado por primeira vez na comunidade no ano 2023, na parroquia de Tirán. A súa área de actuación estivera limitada a Pontevedra ata que, este ano, se rexistrou por primeira vez a súa presenza no concello da Coruña. Engadiuse así aos doce concellos do sur nos que xa se coñece a súa existencia: Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio e Salvaterra de Miño.

A última confirmación oficial da Xunta de Galicia apunta que, este ano, a presenza do vector xa se confirmou en 10 concellos galegos: A Coruña, Bueu, Moaña, Mos, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Vigo. O organismo encargado do seguimento das enfermidades transmitidas por mosquitos é a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que lembra a importancia de cortar a proliferación destes insectos. A esta fin, indican que non se debe facilitar a acumulación de auga en recipientes ou zonas do exterior que poidan converterse en puntos de cría. “Recoméndase baleirar os recipientes cada tres, catro días, cubrir aqueles que permanezan ao aire libre, manter cubertas as piscinas e balsas cando non se usen e limpar regularmente canais, desaugues e zonas de drenaxe. Tamén se debe evitar a formación de acumulacións de auga en charcos ou franxas do terreo e cubrir con terra os ocos das árbores que poidan acumulala”, declaraban no comunicado da Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sinais de cambio

Novos achados de especies exóticas invasoras en Galicia. Por Laura Filloy

O mosquito tigre expándese por Galicia: detectado por primeira vez na Coruña

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores sinala que é o único rexistro na zona norte da comunidade e súmase aos doce concellos do sur

O mosquito tigre regresa a Galicia: primeiro exemplar do ano detectado en Redondela

O aviso dun veciño rexistrado na aplicación Mosquito Alert permitiu confirmar a presenza desta especie invasora grazas á marca branca do tórax

Detectado o mosquito tigre nos concellos de Salceda, Ponteareas, Sanxenxo e Nigrán

A aplicación Mosquito Alert incorpora novos avisos que confirman a expansión da especie no sur de Galicia e inclúe un rexistro probable en Gondomar