Nunca fun especialmente atractiva para os mosquitos, máis alá dalgunha picadura puntual en verán. O que sempre me exasperou deles é o seu zunido constante e extraordinariamente intenso cando se pegan á orella no medio da noite. Non só interrompen o sono; obrígante a iniciar unha persecución que adoita ser insatisfactoria. Cando viaxei a Roma en 2024, a miña impresión sobre a incomodidade que xeran os mosquitos cambiou drasticamente. Baixo a extrema calor de agosto, unha especie que responde ao nome de Aedes albopictus atacoume sen vacilar e deixou na miña perna esquerda cunha enorme inflamación por dúas picaduras. O proído e a dor foron considerables. Aí sentenciei o mosquito tigre.
Foi a miña primeira experiencia cunha especie que era allea a Galicia ata 2023, cando se detectou por primeira vez en Moaña. Transcorreron case tres anos nos que o seu único feudo foi a zona sur da provincia de Pontevedra… ata esta semana. A Xunta confirmou a súa expansión cara ao norte ao identificarse por primeira vez na cidade da Coruña. Este rexistro súmase a Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio e Salvaterra de Miño. Unha nómina que xa ascende a 13 concellos.
En 2023 entrevistei á subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato, quen recoñecía que erradicar o mosquito tigre de Galicia ía ser un labor case imposible. De aí que se poñan en marcha dende a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) intensos programas de monitorización para a detección temperá e se trate de concienciar a poboación sobre os riscos asociados. Por exemplo, un xesto ben sinxelo e cotián é evitar a auga estancada en espazos exteriores, que os mosquitos tigre poden aproveitar para criar.
A progresiva expansión do Aedes albopictus por Galicia non se explica por un só factor. Leva décadas establecido no levante peninsular, polo que a súa chegada a territorio galego era cuestión de tempo. Entre o cóctel que xustifica a súa aterraxe está o aumento de temperatura asociado ao cambio climático, que está a cambiar as regras do xogo e o desprazamento de especies ao longo e ancho de todo o mundo. No caso do mosquito tigre, prefire sitios húmidos, con temperaturas estables de entre 25 e 30 graos. E un aspecto importante: se as temperaturas son moi baixas non morre, senón que hiberna.
O quecemento global asociado ao cambio climático non é o único factor, pero si un elemento transversal da introdución doutras especies exóticas invasoras. Sen ir máis lonxe, esta semana tamén se comunicaba un achado preocupante: a detección, por primeira vez en Galicia, da macroalga tropical Asparagopsis taxiformis, atopada por primeira vez nas Rías Baixas. Así o anunciaba o Instituto Español de Oceanografía de Vigo nun estudo que poñía de manifesto a “alta capacidade invasiva e alta tolerancia ambiental” da especie.
O descubrimento é alarmante non só polo que implica a aparición dunha nova invasora nas nosas costas, senón pola posible interacción con outra especie de macroalga extraordinariamente preocupante: Rugulopteryx okamurae. Ten unha elevada capacidade de reprodución e o aumento da temperatura da auga nos últimos anos favorece a súa supervivencia no litoral galego. Xa en marzo anunciabamos que se identificaran os primeiros exemplares nas illas Cíes, unha contorna de biodiversidade única, aínda que xa apareceran noutros puntos do litoral de Pontevedra e A Coruña.
En GCiencia é cada vez máis habitual que publiquemos este tipo de noticias e as consecuencias sempre son as mesas: un profundo desequilibrio no ecosistema. Mais o importante é non entender estas novas como algo illado, senón como a resposta evidente ao que está sucedendo a nivel global. O cambio climático acelérase, as temperaturas aumentan e sufocan, e as especies invaden hábitats moi afastados do seu lugar de orixe. Chámase globalización, co bo e co malo que achega a un mundo hiperconectado.

Escribo estas liñas co ventilador azoutando directamente a miña cara, mentres trato de combater a calor extrema destes días con moita hidratación, persianas baixadas e un feixe de paciencia. E vexo que non só é o estrés térmico que sufrimos en zonas onde as temperaturas nunca foron tan elevadas, senón que os cambios tamén son visibles na nosa terra e no noso mar, sen que quede moita marxe para actuar. Este tipo de noticias deberían servir como alarma; como punto de inflexión para reflexionar cara a que mundo nos estamos encamiñando e como o desequilibrio que provocamos na natureza terá profundas consecuencias no noso modo de vida.
Pese ao ton pesimista, sempre hai unha xanela para as boas noticias. E é que esta semana anunciouse o descubrimento dunha nova especie de fungo na illa de Cortegada, que é todo un tesouro en biodiversidade pese á súa reducida extensión. Con esta, xa son sete as novas especies para a ciencia que se atoparon nese pequeno enclave das illas Atlánticas e que demostra que se trata dun caso excepcional no mundo.
⚫️ Lémbraste do hantavirus? 🛳️ Hai arredor de dous meses que todo o mundo tiña os ollos postos no MV Hondius, o cruceiro no que se declarou un gromo de hantavitus. A bordo viaxaba un ornitólogo galego que viviu a experiencia de primeira man. Tras finalizar o longo período de corentena, Noelia falou con Ricardo Hevia sobre as semanas de illamento e a experiencia no barco (tamén científica). É unha crónica fantástica.
⚫️ Ciencia e lingua 🫱🏻🫲🏼 Sempre me apaixonou a ciencia, pero acabei indo polo camiño das letras. Agora trato de mesturar o mellor dos dous mundos, e por iso me encantan os proxectos que combinan as humanidades coa ciencia. É a intención de María Vila Tarela, que está a iniciar a súa tese de doutoramento. Vai estudar os trazos fonéticos e prosódicos de persoas con esquizofrenia co obxectivo de, nun futuro, mellorar o seu diagnóstico.
⚫️ Falamos con don Ramón? 🗣️ Unha das noticias máis curiosas desta semana é a creación dun asistente conversacional baseado na vida e obra de Otero Pedrayo. Creouno o Consello da Cultura Galega en colaboración coa Editorial Galaxia e permite manter unha conversación con Don Ramón de case calquera tema. Ten, ademais, versión para nenos, o que a converte nunha opción moi interesante para empregar na aula e achegar a figura e obra do grande autor galego. Eu probeina e é fantástica.
Recomendación semanal 🪶
El País publicou o venres unha reportaxe interactiva fascinante. Fai un percorrido exhaustivo, detallado e moi visual pola discriminación histórica das mulleres na medicina. Dende casos particulares ata medicamentos que deixaron unha profunda pegada na nosa saúde, só porque non estaban o suficientemente estudados en nós. Dende diagnósticos que se atrasan a outros que non chegan. Esta peza debería de ser lectura obrigada.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.















