Unha investigadora da UVigo converte os residuos da industria cervexeira nunha crema antienvellecemento

O estudo de Briolanja dos Santos revela que o lúpulo destaca no eido da cosmética polas súas propiedades hidratantes, exfoliantes e antiinflamatorias

O lúpulo (Humulus lupulus) é coñecido por ser o xerme da industria cervexeira. Co paso do tempo, comezou a empregarse como medicina tradicional polas súas propiedades antimicrobianas, antioxidantes, anti-inflamatorias e anticanceríxenas. Pero, neste contexto, aparece unha nova área de aplicación: a cosmética. A investigadora portuguesa Briolanja dos Santos desenvolveu a súa tese de doutoramento no Programa de Doutoramento en Biotecnoloxía Avanzada da Universidade de Vigo (UVigo) e Universidade da Coruña, tamén realizou o seu traballo experimental no Centro de Investigación da Montaña (CIMO) do Instituto Politécnico de Bragança (IPB). O obxectivo do seu estudo foi desenvolver unha formulación cosmética sostible e natural de crema sólida en barra a partir do subproduto do lúpulo.

Briolanja dos Santos indica que ten un interese profundo na creación de cosméticos. Explica que este interese polo lúpulo xurdiu de forma curiosa durante as súas noites na universidade; ao ver que nas festas universitarias se consumía moita cervexa, espertou o seu interés por saber de que estaba feita. Ao descubrir que o ingrediente clave era o lúpulo, fascinoulle o feito de que a cervexa fose o resultado dunha planta, xa que sempre tivo unha gran paixón polo mundo vexetal e a botánica, unindo dese xeito as súas dúas paixóns: a cosmética e as plantas. “O lúpulo ten todas as propiedades que interesan a día de hoxe para crear un cosmético”, indica a investigadora: “Debido aos varios compostos químicos que as follas, talos e restos de conos do lúpulo posúen, este actúa como un poderoso hidratante e axente antienvellecemento, xa que os extractos demostraron capacidade para inhibir encimas clave como a elastase e a colaxenase, que son os responsables de degradar o coláxeno e a elasticidade da pel; ademais, dado que as follas e os talos son moi fibrosos, estas partes son excelentes exfoliantes naturais”. Así mesmo, trátase dun cultivo fácil de recoller no campo e o seu uso na industria cervexeira limítase só aos seus conos. “As follas e o talo non se empregan, pero aí entra a miña investigación”, subliña dos Santos, xa que nin sequera os animais poden alimentarse con esa parte do lúpulo, moi fibrosa.

Publicidade

Así, a investigadora explica que a súa liña leva moito tempo en marcha. Durante o seu máster, a preparación baseouse nun xel antienvellecemento con diferentes porcentaxes de extractos hidroalcohólicos da variante espontánea e das variedades Cascade e Polaris, empregando aceite esencial de tomiño como conservante natural. Nos seus estudos de doutoramento, a investigación deu o salto a unha crema sólida en barra, elaborada a partir do subproduto da variedade de lúpulo Nugget. Foi precisamente nesta última etapa cando Dos Santos comprobou que os propios subprodutos do lúpulo tamén actúan como un conservante natural eficaz. 

Do cultivo á crema sólida

O municipio de Bragança (Portugal) é unha rexión rica en lúpulo e a localización onde se centra esta investigación da UVigo, xunto a determinadas áreas de Galicia. Por iso, Briolanja dos Santos conseguiu a materia prima para desenvolver a súa crema a través de pequenos produtores locais que cultivan en exclusiva para a marca de cervexa Super Bock, aproveitando de xeito circular o desperdicio vexetal que non entra na fabricación. “As variedades son propicias e medran ben no ambiente portugués e galego”, indica.

Publicidade

Así, levou a cabo os seguintes pasos: no laboratorio, realizou unha extracción do lúpulo con químicos sostibles, para poder engadir na crema o produto que se recolle ao final da labor. O soporte é unha crema sólida, unha tendencia cada vez máis visible na industria, cara a unha maior sustentabilidade, minimizando o uso de envases plásticos tradicionais. Ao presentarse en formato sólido, o produto pode distribuírse cunha única embalaxe primaria de papel ou materiais biodegradables e sostibles (como cortiza ou bambú), contribuíno directamente á redución de microplásticos no medio ambiente. Este é un dos factores máis innovadores e ecolóxicos da investigación. 

Extracto de lúpulo engadido á crema sólida. Foto: Briolanja dos Santos
Extracto de lúpulo engadido á crema sólida. Foto: Briolanja dos Santos

Ademais, tras realizar probas de temperatura extrema, humidade, vibración mecánica e centrifugación, o produto demostrou a súa estabilidade. Así, a través dos estudos, concluíuse que o lúpulo é unha rica fonte de compostos bioactivos con potencial dermocosmético, os extractos resultaron ser seguros nas células da pel e a formulación da barra foi estable e ben aceptada.

Proba de produto

Resultados físicos das probas con cuestionario. Foto: Briolanja dos Santos
Resultados físicos das probas con cuestionario. Foto: Briolanja dos Santos

A fin de coñecer a eficacia do cosmético, Briolanja dos Santos e o equipo de orientación decidiron Tras realizar ensaios previos in vitro en liñas celulares que avalaron cientificamente a total seguridade e inocuidade cutánea do produto, pasouse á fase con provadores. Avaliado a través de cuestionarios para obter a súa percepción en relación aos xeles tras a súa aplicación durante varios días de verán, cando a pel está máis seca. A proba realizouse na planta do pé, na zona do talón. “A opinión foi xeralmente positiva; notábanse melloras en poucas xornadas”, explica, e ademais non se advertiron efectos adversos. As únicas críticas estiveron ligadas ao cheiro do produto, mentres que os usuarios destacaron a hidratación e exfoliación. “No futuro tería que facer máis análises clínicas“, subliña.

Que queda para chegar á comercialización?

Segundo Briolanja dos Santos, a falta de liñas de financiamento máis prolongadas limitou a realización de máis ensaios para poder elaborar a crema e crear envases biodegradables. Con todo, para poder chegar ata a comercialización, as esixencias medran cada vez máis como liña de investigación futura, afondar en ensaios clínicos in vivo que validen de forma robusta a eficacia cosmética e a optimización de diferentes métodos de extracción sostibles, con probas en diversos extractos de lúpulo.

Ademais, un dos obxectivos a longo prazo sería mellorar aspectos como o olor do bastón anti-idade. Este cheiro característico débese á rica presenza de compostos volátiles e aceites esenciais propios do lúpulo (como o mirceno ou o humuleno), un reto habitual cando se traballa con extractos puros sen perfumes sintéticos, algo que, tal e como explica Briolanja, poderíase solucionar con extractos de aceite esencial de plantas aromáticas presentes na rexión, tendo en conta que deberían de ter unha bioactividade compatible á da formulación.

O obxectivo final é dar o salto do laboratorio á industria. O mercado actual esixe solucións verdadeiramente eco-innovadoras e con residuo cero; polo tanto, o futuro reside na comercialización dun produto disruptivo que transforme os subprodutos agrícolas en activos cosméticos sostibles de alto valor engadido. “Deste xeito, demostramos que a ciencia verde galego-portuguesa ten un enorme potencial de negocio e un alto impacto positivo”, conclúe a investigadora da Uvigo e CIMO. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Betanzos rende homenaxe ao seu pasado como capital galega do lúpulo

A segunda edición da festa, impulsada pola Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 13 de setembro a tradición con catas, 'showcookings', concertos e visitas aos campos de cultivo

Beleza “tóxica”? O outro lado da cosmética

Dous estudos expoñen a cantidade de disruptores endócrinos que se acumulan no corpo das persoas máis afeccionadas ao 'skincare' e á maquillaxe

Residuos do lúpulo para fabricar téxtiles sostibles: así é o novo proxecto do CITIC co MIT

A investigación, financiada por Inditex, explorará o potencial das follas e talos de lúpulo para desenvolver fibras e tinguiduras naturais

O cultivo de lúpulo en Galicia, baixo análise: un estudo cuantifica por primeira vez a súa pegada ambiental

Un equipo da USC sitúa o elevado consumo de auga no centro do debate e aposta por repensar a súa xestión para que as explotacións sexan máis sostibles