Detectar esquizofrenia a través da fala: as claves dun estudo pioneiro en Galicia

A investigadora da UVigo María Vila Tarela analiza os trazos prosódicos e fonéticos de persoas coa enfermidade co obxectivo de mellorar o seu diagnóstico no futuro

Cada día emites miles de palabras. A forma de pronuncialas, o ton e incluso as pausas que fas cando falas dan moita información sobre a intencionalidade da túa mensaxe. Unha parte da lingüística mergúllase nun amplo campo de análise que ten múltiples aplicacións, incluso sanitarias. Nos últimos anos estase a explorar o potencial dos biomarcadores lingüísticos, é dicir, os trazos obxectivos e medibles da fala ―como a estrutura, a entonación, os fonemas…― que poden axudar a predicir enfermidades. Aínda que as máis estudadas ata o de agora son as neurodexenerativas, como o alzhéimer e o párkinson, hai unha xanela aberta para a psiquiatría.

Este é o campo que está comezando a explorar María Vila Tarela, do Instituto de Investigación Lingua (IIL) da Universidade de Vigo (UVigo). Está a iniciar a súa tese, que se centra nas alteracións da fala en persoas con esquizofrenia. En concreto, analiza os trazos fonéticos e prosódicos característicos destes pacientes que poidan servir como marcadores da enfermidade. O estudo de Vila Tarela é pioneiro, dado que se trata dun campo completamente inexplorado en galego. Agora está nas primeiras fases da investigación, coa recompilación de datos, pero nuns meses arrincará o traballo de campo con pacientes bilingües, dado que a realidade lingüística de Galicia impide estudar illadamente o galego e o castelán.

Publicidade

A investigadora da UVigo escolleu a esquizofrenia por un interese persoal no estudo das enfermidades psiquiátricas e descartou as demencias, onde había moito máis coñecemento xerado. Aínda que nos repositorios xa hai estudos semellantes para a esquizofrenia en linguas como o inglés, o chinés e o italiano, a parte de fonética e prosodia apenas está estudada. “Hai pouca información para o castelán e non existen estudos en galego. Esta liña de investigación é moi interesante non só para axudar a detectar a enfermidade, senón porque a linguaxe é clave para integrarse na sociedade“, apunta Vila Tarela, quen pon énfase na importancia da fala á hora de crear vínculos sociais e como, a partir de aí, se pode combater o estigma que aínda pesa sobre enfermidades mentais graves como a esquizofrenia.

Trazos máis característicos

Os estudos lingüísticos publicados ata o momento detectaron algúns trazos fonéticos e prosódicos característicos dos pacientes con esta doenza mental, que servirán como aspectos clave para o estudo de campo. “Mostran variacións de ton moi distintas das persoas sen esquizofrenia, teñen dificultade para transmitir emocións, presentan alteracións no fraseo prosódico e mostran máis pausas nas súas oracións”, sinala. De feito, os seus enunciados son máis curtos e falan durante menos tempo, pero adoita dar a sensación contraria: a clave está en que fan pausas máis longas. “Isto non quere dicir que non sintan as emocións, senón que ás veces cústalles transmitilas ou non teñen as ferramentas necesarias para modificar algunhas engranaxes”, afirma a investigadora do IIL.

Publicidade

Deseño do estudo

Con este punto de partida, o obxectivo é comezar a traballar con pacientes de centros de día e hospitais de toda Galicia a partir do outono. Tamén haberá un grupo de control con persoas sen esquizofrenia ―nin ningunha outra enfermidade ou circunstancia que poida alterar a fala― para comparar os resultados. “Non hai moitos estudos en persoas bilingües. Talvez as conclusións se poidan aplicar a persoas hispanofalantes”, engade.

Non obstante, o primeiro paso será traballar cos participantes, dos que se recollerán datos sobre a súa fala espontánea e, preferiblemente, a interacción realizarase cunha persoa da súa contorna para que sexa unha conversación o máis fluída e natural posible. “Se o facemos con fala lida, temos unha gran limitación. Cos elevados índices de alfabetización e escolarización, a modulación xa se realiza de forma mecánica e aprendida. Preferimos intervir o menos posible no proceso”, apunta. Durante as interaccións, Vila Tarela irá recollendo unha serie de valores, como picos prosódicos e tons, para logo comparalos e extraer conclusións.

Mellorar o diagnóstico

O obxectivo a longo prazo é facilitar o diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas e psiquiátricas mediante a comprensión da linguaxe, que se converte así nunha proba non invasiva, barata e accesible para os profesionais da saúde. “A linguaxe é a primeira barreira coa que se atopan os médicos. Se detectan certos trazos na prosodia ou nos valores fonéticos asociados a determinadas enfermidades, talvez poidan detectalas mellor a través dun método sinxelo, práctico e barato”, sinala Vila Tarela, quen pon en valor o crecente número de estudos nos que as humanidades e as ciencias se tenden a man. Aspira a que esta tese que ela inicia dende o IIL abra a porta á investigación noutras enfermidades como, por exemplo, a depresión.

Neste campo de estudo, aínda inicial, a investigadora da UVigo advirte que aínda se están a dar os primeiros pasos. “Ata hoxe non se lle deu tanta importancia á linguaxe no ámbito médico cando a lingua é un aspecto central para as persoas enfermas que lles permite estar, relacionarse e levar unha vida plena”, sostén. Máis alá do número de palabras que se emiten a diario, a forma tamén é crucial para entender as mensaxes. O ton, o ritmo, o volume e as pausas son claves para comprender o que se quere transmitir e para expresar unha emoción ao receptor. Talvez aí, nos aspectos máis rutineiros, na forma en que falamos sen reflexionar sobre a importancia dos fonemas e da prosodia, estea a clave para mellorar a vida de moitas persoas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Un equipo galego lidera un proxecto internacional para mellorar o diagnóstico da covid persistente

O CiQUS desenvolverá ferramentas baseadas en proteínas que melloren a diagnose da enfermidade e avalíen a súa gravidade biolóxica

Investigadores galegos identifican unha proteína clave para diagnósticos de saúde mental

Unha tese do IDIS e o IISGS analiza a hormona IGF-2 como posible biomarcador da esquizofrenia, a depresión e o trastorno bipolar

Galicia lidera un avance médico para mellorar o prognóstico do alzhéimer

Un estudo internacional, con participación do IDIS e CiMUS, valida unha técnica de imaxe capaz de identificar con maior precisión quen desenvolverá deterioro cognitivo