O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) lidera un novo proxecto internacional centrado na covid persistente, unha condición clínica que afecta a millóns de persoas en todo o mundo e que aínda carece de ferramentas diagnósticas obxectivas e estandarizadas. O obxectivo principal da investigación é validar e perfeccionar un conxunto reducido de marcadores proteicos que permitan distinguir aos pacientes das persoas recuperadas. Buscan desenvolver un índice cuantitativo de gravidade biolóxica aliñado coa carga clínica da enfermidade e sentar as bases para a súa futura implantación en contornas clínicas e hospitalarias.
O proxecto, financiado con 315.000 euros pola Schmidt Initiative for Long Covid (SILC), terá unha duración de 18 meses e xorde do interese por unha serie de traballos científicos previos desenvolvidos polo equipo que lidera Rebeca García Fandiño no CiQUS: demostraron que a covid persistente descríbese mellor como un continuo de gravidade biolóxica en lugar de subtipos clínicos discretos. A coherencia destes achados chamou a atención da iniciativa SILC, que convidou o equipo a desenvolver unha nova fase de investigación orientada á validación de biomarcadores con aplicación clínica potencial.
Dous destes estudos empregan proteómica cuantitativa aplicada a plasma e fraccións celulares, describindo alteracións persistentes asociadas á covid persistente en procesos inflamatorios, inmunolóxicos, vasculares e metabólicos. Un terceiro traballo aborda a enfermidade desde a lipidómica non dirixida, identificando un remodelado lipídico extenso compatible con alteracións metabólicas sostidas. Finalmente, un cuarto estudo baseado en técnicas espectroscópicas aplicadas a plasma mostra que as pegadas bioquímicas globais reproducen patróns consistentes cos observados mediante enfoques ómicos máis complexos. Estes traballos demostraron que a heteroxeneidade da covid persistente se distribúe ao longo dun continuo de gravidade biolóxica, o que reflicte diferentes graos de alteración sistémica.
Que é a covid persistente?
A covid persistente, tamén coñecido como Long COVID, afecta aproximadamente ao 10-15% das persoas que superaron unha infección por SARS-CoV-2, o que representa decenas de millóns de pacientes en todo o mundo. Moitos deles continúan presentando síntomas durante meses ou mesmo anos, como fatiga crónica, dificultades cognitivas, dispnea ou intolerancia ao esforzo, cun impacto significativo na calidade de vida e capacidade funcional. Pero o diagnóstico da covid persistente segue baseándose en gran medida na avaliación clínica de síntomas, sen probas moleculares obxectivas que permitan confirmar a enfermidade ou avaliar a súa gravidade biolóxica de maneira fiable. Esta limitación dificulta tanto a atención aos pacientes como o desenvolvemento de tratamentos efectivos.
Validación de biomarcadores
O novo proxecto baséase en material biolóxico de LC-Optimize (Identification of Long-COVID Sub-Phenotypes to Optimise Patient Outcomes), un estudo multicéntrico internacional sobre covid persistente que reúne cohortes clínicas ben caracterizadas en diferentes países. A dispoñibilidade destas mostras, obtidas baixo protocolos harmonizados e acompañadas de información clínica detallada, permite ao equipo do CiQUS abordar a validación de biomarcadores nun contexto internacional e comparativo, reforzando os resultados.
Equipo
O proxecto está coordinado desde o CiQUS por Rebeca García Fandiño, investigadora principal do centro, xunto con Ángel Piñeiro, profesor titular do departamento de Física Aplicada da USC, que achega experiencia en biofísica e análise computacional. Codirixen o grupo SIMBIOS (Simulation and Molecular Biophysics of Biomolecular Systems), dedicado á biofísica molecular e a modelización biomolecular, que contribúe ao proxecto con ferramentas avanzadas para a análise e integración de datos complexos. Tamén participan como investigadores implicados Uxía Lage Vidal, Paula Antelo-Riveiro, Alejandro Seco-González, todos do CiQUS, e Susana Bravo, xefa da Unidade de Proteómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
















No caso de que algunha persoa que teña covid persistente desexara participar nalguna investigación como esta (ou esta mesma no caso de que aínda busquen participantes), onde poden atoupar información? Muitas grazas.