Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Aínda que a pandemia orixinada polo SARS-CoV-2 quedase atrás, o seu eco persiste e aínda son moitas as incógnitas que os científicos tentan despexar. Hoxe en día sabemos que para moitos pacientes de covid, o final da etapa aguda da infección é só o comezo doutra experiencia difícil: a poscovid. Durante o denominada covid persistente ou long covid, estas persoas desenvolven unha amálgama de síntomas prolongados que poden incluír dificultade respiratoria, fatiga, tose ou perda de olfacto, entre outros. Algúns estudos apuntan a unha disfunción inmune, outros sinalan a unha inflamación persistente, pero o mecanismo fundamental da covid persistente aínda non está claro. Unha abafadora maioría destas investigacións centráronse na etapa aguda desta afección, polo que hai falta de información sobre determinadas alteracións que teñen lugar nas últimas fases da enfermidade.

Un novo estudo liderado pola investigadora Rebeca García Fandiño do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC), con Pablo F. Garrido como autor principal, lanza luz sobre os cambios nos lípidos sanguíneos de pacientes con covid persistente. A investigación supón un avance na comprensión destas secuelas e abre a porta para mellorar o seu tratamento.

Publicidade

Os expertos analizaron o plasma de 147 pacientes con covid persistente. Utilizando técnicas de lipidómica, estudaron un espectro de case 400 lípidos polares distintos. A partir de aí, recorreron a técnicas avanzadas de minería de datos e aprendizaxe automática para desenvolver modelos de clasificación precisos que distinguen entre pacientes sintomáticos e asintomáticos de covid persistente. A análise revelou alteracións específicas relacionadas coa inflamación e a resposta inmunolóxica continua, ofrecendo unha nova perspectiva sobre a natureza persistente da covid. Ademais, algúns destes lípidos foron identificados como potenciais biomarcadores, o que permitiría levar a cabo diagnósticos máis precisos e desenvolver tratamentos específicos para esta enfermidade.

O achado, publicado recentemente en Journal of Infection and Public Health, foi posible grazas á colaboración entre médicos e investigadores de distintos perfís. O proxecto reuniu a expertos do CiQUS, a Facultade de Física da USC, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Universidade de Córdoba e a Universidade do País Vasco. A loita contra as infeccións víricas, como a provocada polo SARS-CoV-2, a través do descubrimento de novas estratexias de diagnóstico constitúe unha das prioridades científicas do CiQUS. O equipo de García Fandiño está especializado en aplicar técnicas computacionais para explorar a estrutura e a función das membranas lipídicas, como diana de interacción con biomoléculas.

Publicidade

“Esta investigación complementa os achados recentes no campo da proteómica, onde se relacionou a covid persistente con alteracións a nivel proteico” sinala a investigadora do CiQUS. Ambos enfoques, proteómico e lipidómico, son fundamentais para unha comprensión integral da enfermidade, destacando a importancia dunha visión multifacética na investigación médica. García Fandiño destaca que o presente traballo “non só engade unha peza crucial ao crebacabezas da covid persistente senón que tamén recalca a necesidade de explorar diversos camiños científicos para desentrañar os mecanismos detrás das secuelas virais. Con estes avances, estamos un paso máis preto de desenvolver terapias máis eficaces e personalizadas, mellorando así a calidade de vida de quen enfronta os efectos prolongados da covid”.


Referencia: Lipidomics signature in post-COVID patient sera and its influence on the prolonged inflammatory response (Publicado en Journal of Infection and Public Health)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa