A memoria é feble, di Sonia Villapol Salgado ao outro lado da pantalla. Ninguén mellor ca ela para desentrañar os segredos do cerebro, de como a percepción temporal é tan subxectiva e, sobre todo, de como a pandemia nos queda tan lonxe se aínda rematou onte. A neurocientífica galega está a pasar uns días na súa Bretoña natal antes de iniciar unha xira que a levará por toda Galicia para presentar o seu novo libro Consciencia. A ciencia que nos salvou da pandemia. Nas súas máis de 200 páxinas, e tamén ao longo desta entrevista, Villapol reflexiona sobre a covid e sobre as aprendizaxes científicas e sociais que nos deixaron algúns dos meses (e anos) máis duros das últimas décadas.
No seu libro fala de saúde mental, microbiota, vacinas e, sobre todo, covid persistente, unha das principais liñas de investigación do seu laboratorio no Hospital Methodist de Texas, onde traballa. A memoria é feble, repite Sonia Villapol, mentres asegura que o seu libro non está escrito en pasado, senón en presente. E mentres lembra que se algo nos sacou da pandemia, se nos alentou a recuperar a unha velocidade inesperada a tan ansiada vella normalidade, non foi outra cousa que a ciencia.
—A primeira pregunta é case obrigada. Pasaron tres anos dende que estoupou a pandemia. Xa non usamos máscaras, xa non é unha emerxencia internacional… Esquecémonos do que pasou?
—Precisamente por iso escribo este libro, para que non se esqueza o aprendido. Aprendeuse moito sobre as enfermidades infecciosas, sobre as formas de transmisión… E non só do coronavirus. Descubrimos que conceptos historicamente establecidos eran erróneos. Aprendemos tamén o importante de ventilar, de filtrar o aire, e oxalá sexan medidas que se implanten no futuro en institucións e edificios, tanto públicos como privados. Polo tanto, este libro fai unha pausa e recompilación de todo o aprendido, de reflexionar que se fixo ben e que se fixo mal. Se saímos adiante foi grazas ás investigacións científicas, que nos permitiron saír da crise canto antes grazas aos tratamentos é ás vacinas.
Parecíame interesante recompilar como se fixo todo, cales foron as investigacións máis sobresaíntes e como repercutiron noutras enfermidades. Tamén, analizar que foi o realmente importante, cal foi o impacto emocional, como quedou a saúde mental despois da pandemia… En cada capítulo intento introducir temas a nivel persoal das investigacións que realizamos no meu laboratorio para que o libro sexa o máis ameno posible.
“A covid persistente é a pandemia inacabada”
Tamén poño énfase na covid persistente, que é a pandemia inacabada. Hai moita xente que segue a padecer síntomas que eu describo no libro. Tamén falo das últimas investigacións e de que é un alento que nos próximos cinco ou dez anos vaia haber máis fármacos para tratar os síntomas da xente que segue con secuelas. En xeral, trato de facer unha chamada de atención para que o investimento en ciencia teña efecto boomerang e sexamos capaces de avanzar nos tratamentos doutras enfermidades. Por exemplo, a nanomedicina estase aplicando a enfermidades neurodexenerativas e moitos cancros estanse tratando con medicina personalizada… En definitiva, as investigacións sobre a covid aceleraron os avances noutras enfermidades.
—E o fío argumental… É a ciencia.
—Si, o libro dá a entender que o único que nos salvou da pandemia foi a ciencia. Por exemplo, se queriamos saber cal era a incidencia da covid, analizábanse as augas residuais. Agora, estas ferramentas que se desenvolveron na pandemia poderanse aplicar a outras enfermidades virais, como a gripe. Todo o que apareceu novo gustaríame que se implantase sistematicamente, que cambiaran moitas actitudes. Do que non hai dúbida é de que a revolución científica foi moi importante.
“O único que nos salvou da pandemia foi a ciencia”
—Segundo explicou vostede, escribir este libro foi unha necesidade. Por que?
—Porque tiven a necesidade de poñelo todo xunto para que me axudase a reflexionar. A pandemia xa forma parte da nosa historia vital, é algo que necesitaba ser narrado, e que mellor forma de facelo que dende dentro, dende a ciencia. Ademais, eu participei nalgunhas investigacións sobre o coronavirus e fixen divulgación. Polo tanto, tiña a necesidade de facer un acougo no camiño, de facer unha parada de todo ese boom de intensidade no traballo. E que mellor momento que agora, que aparentemente xa non estamos na fase de crise sanitaria, todo o mundo ten máis ou menos inmunidade, as vacinas van mellorando… En definitiva, necesitaba parar e pensar en todo o que aconteceu, en describilo tal e como eu o entendín e ver que aprendizaxes podiamos sacar desta experiencia da que xa pasaron tres anos. A memoria é moi feble e quixen plasmalo todo nun escrito para a xente que ten interese e que queira saber que foi o que realmente nos sacou a pandemia.
—Dá a sensación de que a pandemia queda moi lonxe pero como ben lembra vostede, pasaron tan só tres anos. Como recorda aquel momento no que se decretou a crise sanitaria internacional?
—A alarma chegara un pouco antes aos científicos que aos medios. Ao principio de 2020, xa en xaneiro e en febreiro, e obviamente en marzo, comezamos a ver datos inquietantes. Despois empezamos a unirnos como nunca antes o fixeramos, con reunións por videochamada que nunca foran tan intensas. Nós aparcámolo todo e volcámonos na covid. Polo tanto, vivino con ansiedade, con intensidade, porque era algo descoñecido para todo o mundo. Pero dende a ciencia vivímolo coa perspectiva de ver que é o que se podía facer para saír canto antes da pandemia.
Así é que se crearon grupos de científicos de todo o mundo, con moitos colaboradores. Había moito nerviosismo e ansiedade pero cando estás baixo presión, ás veces pode ser beneficioso para traballar máis rápido. Dentro da ciencia hai quen o tomou de dúas maneiras: ou ben apartarse e dedicarse a outras actividades, dado que os laboratorios estaban pechados; ou ben outro colectivo que traballou intensamente e quixo involucrarse. Non podemos esquecer que a covid non é unha enfermidade que afecte só aos pulmóns: é multiorgánica e todo o mundo podía intervir dunha forma ou outra.

—Vostede estaba nos Estados Unidos. Que diferenzas salientaría entre a pandemia que se viviu en Galicia e a pandemia que se viviu ao outro lado do charco?
—Si, eu estaba nos Estados Unidos pero o libro escribino en galego porque eu estaba pensando, alternamente, nas situacións que se vivían nun sitio e noutro. Estados Unidos é moi grande e viviuse de forma moi distinta segundo os estados. As zonas do norte tiñan os colexios pechados, Houston tamén, e neste senso foi moito máis estrito que en Galicia. Pola contra, en Texas as medidas foron máis laxas.
Talvez Galicia foi máis estrita a nivel lexislativo, con prohibicións que non se actualizaron co paso do tempo e con restricións que non facían falla ou non estaban xustificadas dende o punto de visa científico. Foi bastante excesivo. Outra das grandes diferenzas foi a actitude da xente. En Estados Unidos hai moitos negacionistas e pese a que alí chegaron as vacinas antes que a ningún outro país do mundo, moitas persoas non se beneficiaron desa vantaxe. Porén, en Galicia, a xente responde moi ben á ciencia porque non hai tanto escepticismo.
—Entendo que o negacionismo foi unha das grandes batallas á que se enfrontaron dende a ciencia, máis alá da que libraban dende o punto de vista sanitario.
—Si, esa actitude social de crer antes nas fake news que na realidade. Isto tamén o abordo no libro con certo ton de humor, falo das mensaxes de Trump, do uso da lixivia… É dicir, de toda esa tendencia da infodemia. Lembro unha frase de Anthony Fauci que dicía que por unha banda estamos a pelexar contra a covid e, por outra, contra as noticias falsas. Podían matar moita xente e morreu moita xente por esas malas crenzas nas vacinas, nos tratamentos e nas máscaras. Desafortunadamente créronas e agora temos a covid persistente, que deixa secuelas de por vida.
Nos Estados Unidos as fake news tiveron moitísimo impacto. E non tanto polos medios de comunicación, que o fixeron moi ben. A fin de contas, era a medida que tiña a ciencia para explicarlle á sociedade, de forma rápida e concisa, como actuar e como protexerse. Estabamos nunha emerxencia sanitaria e a xente necesitaba ter esa información de inmediado. Por iso, eu creo que independentemente da tendencia, a maioría dos medios de comunicación merecen unha loanza.
“A porcentaxe de persoas afectadas por problemas neuropsiquiátricos aumentou exponencialmente a raíz da pandemia”
—Un dos capítulos do seu libro aborda os problemas de saúde mental que afloraron durante a pandemia. Hai máis concienciación social? Que nos queda, tres anos despois, desta aprendizaxe?
—Xa se demostrou que en 2020, 2021 e 2022 a porcentaxe de persoas afectadas por problemas neuropsiquiátricos aumentou exponencialmente, sobre todo en sectores como a adolescencia e a xente nova. Tamén impactou nos grupos máis vulnerables, que xa tiñan problemas de saúde mental e de ansiedade. Afectoulles moi negativamente porque non tiñan ningún tipo de escudo nin protección; non estaban avisados. E, tamén, houbo persoas que non formaban parte dos grupos de risco e, aínda así, tiveron problemas de saúde mental.
A pandemia, por tanto, desmostrou que hai que investigar en terapias máis efectivas para problemas de saúde mental. Para min, a psiquiatría, dentro da neuroloxía, é un dos campos que están máis desfasados. Non hai tratamentos de ningún tipo. De feito, os psiquiatras son os primeiros críticos e recoñecen que non hai boa investigación en neuropsiquiatría para este tipo de problemas. Por exemplo, os institutos nacionais de saúde destinaron a raíz da pandemia moito máis diñeiro para estudar as enfermidades de saúde mental, tanto para a detección como para as novas terapias.
A pandemia tamén nos fixo decatarnos de que a saúde mental é algo que hai que tratar. Antes era un tema tabú pero como moita xente se viu afectada, xa se normalizou o problema. Eu agardo que a partir de agora haxa mellores ferramentas. Ata o momento non as había: falta de clínicos, escaseza de consultas médicas… E hai que pensar que a saúde mental afecta o sistema inmune e está implicada no desenvolvemento doutras enfermidades. Se estamos deprimidos, o noso sistema inmune está debilitado, somos máis propensos a enfermar, a coller bacterias, virus, ou doenzas graves a nivel multiorgánico. Dende logo, a pandemia marcou un antes e un despois en materia de saúde mental.
“A psiquiatría, dentro da neuroloxía, é un dos campos que están máis desfasados a nivel de investigación”
—Chama a atención que sexa un campo de investigación tan desfasado, tendo en conta a altísima incidencia das enfermidades mentais.
—Si, porque antes había un estigma grandísimo e agora estase vendo que as porcentaxes de persoas afectadas multiplicáronse exponencialmente. Dun ano para outro, un 20% máis da poboación padece problemas de saúde mental, sobre todo xente nova. É unha realidade e por iso hai que atacar este problema e investir máis neste tipo de investigacións. Está claro que non é o mesmo o estrés que o trastorno bipolar e, por tanto, non se poden tratar cos mesmos fármacos. Por iso, no libro, tamén falo da necesidade dunha medicina personalizada que axude a identificar todos estes marcadores de saúde mental e dar co medicamento ou co tratamento máis axeitado.
Se isto non se fixo nunca foi polo estigma social de ir ao psiquiatra. A xente era moi reticente, segue sendo reticente, pero hai que entender que é unha enfermidade máis que afecta a todo o corpo. Se estás mal a nivel neurolóxico ou de saúde mental es máis propenso a outras enfermidades e isto vaiche traer problemas máis adiante. Polo tanto, esta concienciación social espero que cambiara bastante coa pandemia, que nos axudara a entender esta nova realidade. Pero espero que tamén haxa cambios na investigación e que os psiquiatras escoiten máis os neurocientíficos, que incorporen novos tratamentos específicos que se están a investigar para cada enfermidade. En resumidas contas, que haxa mellores fármacos e diagnósticos.
“Se estás mal a nivel neurolóxico vas ser máis propenso a contraer outras enfermidades”
—Agora hai unha explosión nos estudos sobre a microbiota, e moitos deles defenden a súa íntima conexión coa saúde mental. Cal foi e é a súa importancia no contexto da covid?
—No laboratorio fixemos un seguimento dos enfermos da covid no ano 2020 e tres anos despois e atopamos unha asociación coa microbiota. É dicir, como cambiaron as bacterias entre os que tiveran covid, os que estiveran hospitalizados e os que non. Vimos, tamén, como algunhas bacterías específicas podían servir como diagnóstico para saber se vas desenvolver un síntoma neurolóxico ou non. Esta é unha liña de investigación na que estamos a traballar moi intensamente no meu laboratorio.
Polo tanto, se hai unha relación entre microbiota e enfermidade, iso significa que a microbiota é símbolo de saúde. De feito, regula o 70% do sistema inmune porque xoga un papel moi importante interaccionando coas células inmunitarias do intestino. Se temos problemas gastrointestinais estamos máis débiles, somos máis propensos a ser infectados, e ante o impacto dun patóxeno non imos ter as defensas apropiadas e pódenos causar enfermidade.
Xeralmente, nunca se pensa na microbiota, como se controla e cal é a importancia da dieta. De feito, tamén escribín un capítulo de nutrición onde falo da importancia da alimentación para non padecer covid grave e ter o sistema inmune fortalecido, cos niveis de vitaminas requiridos, cos de ferro… E isto determinou as vulnerabilidades da xente. Houbo quen padeceu covid máis grave porque tiñan un sistema inmune debilitado aínda que aparentemente non tiñan comorbilidades asociadas á enfermidade como a obesidade, diabetes… Pero tiñan un sistema inmune máis débil e o impacto do virus foi maior.
A microbiota é moi interesante porque pose ser un biomaracdor do alto risco de desenvolver covid persistente, e como ata o de agora non hai boas biomarcadores nin diagnósticos… A nivel terapéutico, se hai escaseza dalgún tipo de bacteria ou prebiótico, preguntámonos que pasa se aos pacientes con covid persistente se lle subministran estes probióticos e que potencial melloría pode haber. Temos modelos animais, pero aínda é unha investigación en curso.
“A microbiota regula o 70% do noso sistema inmune”
—Ata que punto somos conscientes do impacto da covid persistente na poboación? Segue sen haber tratamentos, pero si moitas liñas de investigación.
—A covid persistente é a pegada da pandemia. Xente que ten problemas de perda de memoria, problemas neurolóxicos, e que non os identifican coa covid. E o máis grave é que os médicos non os identifican coa covid porque obviamente non saben facer un diagnóstico axeitado. Hai unha falta de investigación, de información, e é un problema potencial. A xente que se infectou no 2020 sen ningún tipo de vacinas nin inmunidade polos contaxios ao mellor impactoulles máis. No libro conto un par de anécdotas de xente que interaccionou comigo no 2020, que chegaron a ter síntomas de párkinson. Unha enfermeira da Costa Brava colleu a covid no 2020, estivo practicamente todo o ano ingresada e tres anos despois aínda non se recuperou. Fago fincapé en que non só afecta a persoas maiores, nin con comorbilidades da covid, como a obesidade. Non, a covid persistente pode afectar a calquera persoa porque non sabemos realmente como o virus pode invadir o cerebro ou os distintos órganos e non sabemos as predisposicións, tanto xenéticas, hormonais, de vitaminas, sistema inmune debilitado que están implicadas.
Para min a covid persistente vai ter un impacto socioecónomico importante. De feito, en Galicia estímase que a teñen 75.000 persoas. Estes son os datos oficiais, que podería haber moita máis xente afectada. Ao non haber un diagnóstico a nivel laboral non teñen recompensa, non teñen baixa… Os pacientes teñen, sobre todo, problemas neurolóxicos porque, ao non haber bos tratamentos, sempre se intenta buscar unha causa. Teñen problemas de ansiedade e non saben por que e non hai unha asociación directa coa infección, que non é a pandemia, son cousas moi distintas. Ao mellor, a causa da inflamación do virus no celebro cáusache ansiedade, depresión e problemas neuropsiquiátricos. E isto é a covid persistente.
“A covid persistente pode afectar a calquera persoa, sexa vulnerable ou non”
—É dicir, hai persoas que agora mesmo teñen ansiedade e depresión e, sen sabelo, nin elas nin os seus médicos, a causa está na covid, nesa inflamación que causou no cerebro.
—Exactamente. E non se sabe porque hai marcadores inflamatorios de covid persistente que se están a facer e son axeitados, pero non son moi definidos. Polo tanto, hai que buscar mellores marcadores para caracterizar a enfermidade. É dicir, a causa destes síntomas neurolóxicos foi a covid. Por exemplo, se che afectou á autoinmunidade, sobre todo en mulleres, significa que o teu corpo produce anticorpos que atacan as túas propias células e iso é desencadenado polo virus e iso causa covid persistente. Polo tanto, se atopamos o porqué podemos dar cos tratamentos.
Por iso é moi importante barallar os dous puntos: primeiro diagnose e causas, e aplicar os tratamentos para esas causas. Se non é así, non vas mellorar. Sobre todo a nivel neurolóxico a covid persistente ten un impacto bestial e penso que a concienciación a nivel clínico ten que ser máis importante. Hai que concienciar á comunidade a nivel sanitario de que ese problema é unha realidade. Nós temos un proxecto para estudar neuro long covid relacionado coas bacterias. Por exemplo, nos Estados Unidos recoñeceuse que este é un problema moi grave e deriváronse moitos fondos para investigar a covid persistente e que vai impactar a nivel social nos proximos 10 e 20 anos. Isto xa se ve dende agora. Os proxectos que estamos facendo son de cinco anos e, polo tanto, antes diso non imos atopar tratamento para esta xente. Pero hai un investimento impresionante en covid persistente e deberíase facer tamén en España porque está afectando a moita xente.
“En España deberíase investigar máis en covid persistente”
—É dicir, a falta de coñecemento sobre esta enfermidade pode provocar que ti, como paciente, non asocies os teus síntomas á covid pero que o teu médico tampouco.
—Moita xente non fai esta asociación porque tampouco se pode diagnosticar a nivel bioquímico, de laboratorio, cuns bos marcadores. Ou ben a nivel de test neuropisquiátricos. No libro explico as causas e hai varias hipóteses. Unha, a autoinmunidade, os autoanticorpos que che causan dano. Outra, os reservorios do virus que che quedaron. É dicir, podemos ter restos do SARS-CoV-2 nos intestinos, no corpo, durante meses despois de pasar a enfermidade. Iso atopouse nos pacientes e iso causa dano. Tamén se pode producir dano tisular, pola autocoagulación, producida pola infeccion viral, pódenos producir problemas cardiovasculares. Tamén a inflamación sistémica e a alteración da microbiota, que se pensa que pode alterar o sistema inmune polos intestinos e causar esta inflamación sistémica. En realidade, os síntomas de covid persistente poden ser neurolóxicos, gastrointestinais, dermatolóxicos, un infinito de síntomas, ao arredor de 200 os que se identificaron.