Finalmente, a Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de constatar que o aspartamo, un edulcorante artificial moi usado nos produtos alimentarios, é “posiblemente canceríxeno” para as persoas, aínda que non modifica a dose diaria establecida como segura. O aspartamo atópase en múltiples produtos nas nosas despensas. Aínda que intentemos evitar o azúcar, forma parte de miles de alimentos considerados ‘light’ ou ‘0%’: bebidas, lácteos, doces, produtos adelgazantes, gomas de mascar… Incluso está presente en máis de 600 medicamentos, e estímase que 200 millóns de persoas en todo o mundo o consumen habitualmente.
De maneira xeral, os produtos que conteñen aspartamo son os seguintes:
- Cerais
- Bebidas alcohólicas ou non alcohólicas
- Chocolate e produtos de cacao
- Sopas
- Preparados de froita, verduras e horalizas
- Xeados
- Produtos lácteos como o iogur
- Dentífricos
- Gomas de mascar
- Xelatina
- Bebidas dietéticas
- Marmeladas
- Píldoras para o alento
- Tés xeados listos para beber
- Barras nutricionais
- Substitutivos de comidas
- Bebidas vexetais
- Edulcorantes de mesa
- Doces, como as galletas sen azúcar
- Salsas, como o ketchup
“Non estamos aconsellando ás empresas que retiren os seus produtos nin aconsellando aos consumidores que deixen de consumilos por completo”, alegou Francesco Branca, director do departamento de Nutrición, Saúde e Desenvolvemento da OMS. Durante as últimas dúas décadas, o emprego de aspartamo protagonizou un crecemento exponencial debido á popularización dos produtos baixos en calorías e sen azúcar.
Os expertos que mantiveron encontros para valorar este edulcorante do 6 ao 13 de xuño, concluíron que o aspartamo pode ser canceríxeno e incluírono no grupo 2B da clasificación do Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (IARC, polas súas siglas en inglés). As decisións estiveron baseadas nas “indicacións limitadas” relacionadas co cancro en seres humanos, concretamente para o carcinoma hepatocelular.
Falta de evidencia científica
Segundo Francesco Branca, faltan estudos adicionais para “aclarar máis a situación”. O Comité Mixto de Expertos en Aditivos Alimentarios da OMS e a FAO (a Axencia de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) tamén avaliou entre o 27 de xuño e o 6 de xullo os riscos asociados a este edulcorante. Finalmente, decidiron que non existía suficiente evidencia científica que xustificase unha modificación da dose diaria establecida dende 1981.
A dose máxima diaria é de 40 mg por quilogramo de peso corporal. Por exemplo, un adulto de 70 quilogramos de peso debería consumir entre 9 e 14 latas diarias dun refresco light para superar estes umbrais. Iso si, sempre e cando nos consumise previamente outros produtos que conteñan aspartamo. Aínda que pareza que 40 mg é unha cantidade moi elevada que ninguén consume, hai que ter en conta que é o edulcorante máis utilizado do mundo e que está presente en múltiples alimentos.













