Ricardo Hevia colleu as maletas o 24 de marzo e saíu de Cariño, A Coruña, rumbo a unhas vacacións que levaba máis de dez anos preparando co seu grupo de amigos. Hevia é ornitólogo e, como amante da observación das aves, esta viaxe polo sur do Atlántico era un soño: “Hai determinadas especies que non ves a non ser que vaias ata aí”, recoñece. Explicou que se trata dunha viaxe longa, custosa e pouco frecuente (o traxecto tan só se realiza unha vez ao ano). Así que, cando a oportunidade se presentou, non tivo dúbidas: equipouse coa súa cámara e, o 1 de abril, embarcou no MV Hondius en Ushuaia, no sur de Arxentina.
Naquel momento, o ornitólogo —e os seus compañeiros, os demais pasaxeiros e, en realidade, o resto do mundo— non podía prever que aquel traxecto de 34 noites se estendería case tres meses, e que pasaría por unha alerta sanitaria mundial e unha corentena que, en conxunto, lle suporían convivir 42 días coa presenza á espreita do hantavirus. “Saín de Cariño o 24 de marzo e, dende entón, non volvín pisei rúa ata o 21 de xuño”, declara Hevia, coa memoria do confinamento reflictida no seu ton.
Para o resto do mundo, a viaxe por cruceiro que realizaron Ricardo Hevia e os seus compañeiros deuse a coñecer como o escenario que puxo baixo o foco público o hantavirus. Para os ornitólogos, en cambio, a percepción é moi diferente: “Para nós foi unha viaxe ‘paxareira’ total, pero para o recordo da xente queda como o barco do hantavirus”, recoñece o cariñés.
A orixe da viaxe: a observación das aves
A paixón naturalista de Ricardo Hevia non é nada novo. “Teño 50 anos e levo máis de 35 vendo paxaros a diario“, conta. O nome do ornitólogo xa se repetiu en varias ocasións nos premios RARO, uns galardóns patrocinados pola Sociedade Galega de Ornitoloxía que valoran a observación e recoñecemento das aves menos comúns. Hevia conta que a súa afección xa lle vén dos seus anos de adolescencia e que, dende entón, realizou diversas excursións destinadas a satisfacer a súa curiosidade científica. A viaxe no MV Hondius, de feito, non é a primeira que realiza para observar aves (aínda que si a única desta escala): “Xa estiven na Antártida, nas Malvinas, en Xeorxia do Sur, Alaska, Rusia, Madagascar, Estados Unidos, Arxentina… E todas foron viaxes ‘paxareiras'”.
As especies diana desta travesía polo océano eran varias aves peláxicas, algunhas endémicas ao sur do Atlántico. “As que máis quería ver eran a pardela de lentes (Procellaria conspicillata) e o albatros de Tristán (Diomedea dabbenena)”, sinala, coa paixón de quen leva a maior parte da vida dedicada a un tema do seu interese.
Ricardo Hevia confirma que o seu grupo logrou o obxectivo que marcaron: “Vimos todas as especies que tiñamos previstas“. Ademais, engadiron ao seu repertorio espécimes que non tiñan entre as súas previsións: “Observamos dous individuos de Phaethon rubricauda [coñecida como ave do trópico de cola vermella]. Ata agora só había sete, oito observacións no Atlántico, o resto foron máis cara a Sudáfrica”. O ornitólogo explica que o status real das especies que son máis inaccesibles —como as que puido captar na súa viaxe ao ser propias do medio do océano— é, en realidade, ambiguo. “Este traxecto en barco, onde van ornitólogos, só se fai unha vez ao ano. Realmente teriamos que estar un mes enteiro en cada zona para coñecer o estado real das especies. Non se pode dicir se se trata dun encontro raro, ou se é que hai falta de observación”, aclara.
O momento no que todo cambiou
Esta experiencia científica deu comezo en Ushuaia (Arxentina) e, de aí, ía continuar cara Xeorxia do Sur, a Illa de Cough, o Archipiélago de Tristán da Cuña, Santa Helena, a Illa da Ascensión e, finalmente, Cabo Verde. “Aí remataba a nosa viaxe. Ata que se alterou. Ao final, o camiño continuou cara a Madrid pasando por Canarias”, sinala Hevia. Fala con calma, pero o entusiasmo desapareceu e, no seu lugar, hai agora un matiz de seriedade. “Houbo un home que enfermou cando saiamos de Xeorxia do Sur, ao comezo da viaxe. Esa persoa morreu o 11 de abril. Nós soubémolo ese mesmo día”, explica o ornitólogo. Confirma que, naquel momento, esa defunción vinculouse cunha neumonía. El, como os seus amigos, tomou a mensaxe con tranquilidade: “Non é nada infrecuente que pase algo así nun cruceiro tan grande. Todo ía normal, só levabamos unha persoa morta a bordo“.
Ricardo Hevia defínese como unha persoa de carácter calmado, pero, como é de esperar, tamén o mordeu a incerteza. “Só sentín medo un día: foi cando nos comunicaron que a causa das mortes era o hantavirus. Non sabiamos que era, nin sabiamos que ía pasar“, recoñece. Engade que o prolongado periodo de incubación só engadiu forza a ese temor: “Non é algo co que poidas dicir ‘en tres días hai síntomas e sei se o teño ou non’. Non; é unha cousa da que te contaxiabas e non o sabías ata dentro dun mes, mes e medio”, conta. Para el, a incerteza ante a súa situación foi o maior golpe a bordo do barco. Así e todo, asegura que os virólogos que os acompañaron entre Cabo Verde e as Canarias fixeron un excelente labor tranquilizándoos: “Dixeron que era difícil o contaxio entre humanos, e iso deunos calma”. Explica que ter contacto diario coa súa familia a través do teléfono tamén foi un alivio, e que, grazas á conexión por wifi, puido manterse informado.
A convivencia no barco
O ornitólogo pon o foco nesa tranquilidade que percibiu no cruceiro entre os pasaxeiros. “Si que houbo ataques de ansiedade cando nos comunicaron que eran mortes por hantavirus. Tamén houbo unha muller que insistía en que tiña febre, pero o termómetro marcaba 36 graos. Pero en xeral levouse bastante ben, con moita calma“, asegura.
Ricardo Hevia desminte con rotundidade que estivera confinado nos camarotes: “En ningún momento tivemos que quedar pechados nas habitacións”. Conta que si tomaron medidas de precaución —como manter certa distancia nos espazos comúns ou levar máscara no interior do barco—, mais insiste en que, fóra deses pequenos axustes, puideron seguir a súa rutina con normalidade. “A nosa vida era como se non houbera nada”, explica, e engade que mesmo ían sen máscara na cuberta, ao aire libre: “Se dicían que xa era difícil o contaxio en espazos pechados, cando saiamos estabamos aínda máis tranquilos”.
O máis duro: a corentena
Despois da incerteza da viaxe de volta a España, Hevia e os seus compañeiros chegan a Canarias. “Iso a nós veunos moi ben, dende o punto de vista da observación de aves”, confesa. O domingo 10 de maio chegaron ao hospital madrileño Gómez Ulla, e iso marcou o inicio do seu confinamento, o que el recorda como o momento máis duro desta viaxe. “A primeira semana paseina horrible, sobre todo os tres primeiros días. Non pensaba que fora aguantar máis“, recoñece. Nese tempo só tivo a compañía de catro paredes. Interactuaba co persoal sanitario, aínda que sempre limitado polas medidas de seguridade: “Todos os días medían a temperatura, a saturación de osíxeno en sangue e a tensión”. Hevia tivo contacto coa súa familia en todo momento, mais confesa que nesa habitación sentiuse como se estivera no cárcere. “Pareceunos un milagre que puideramos saír ao corredor e camiñar 50 metros”, conta.
O momento de máis medo chegou na segunda semana. No seu grupo máis próximo houbera dous casos confirmados de españois que deran positivo en hantavirus. O segundo chegou aos 15 días de comezar a corentena, e temeron pola posibilidade de que houbera novos contaxiados. “Estabamos asustados, pero os médicos tranquilizáronnos. Dixéronnos que o preocupante sería que saíra algún caso máis na terceira semana, non naquel momento. Pero iso non pasou, non houbo máis positivos”, indica.
Durante case dúas semanas, non tiveron acceso a espazos comúns. “Nós pediamos que nos sacaran a un patio, ou ao teito, e que nos dera algo de luz. En 28 días que estivemos no hospital, estivemos ao aire libre tres horas, e con máscara. O trato do persoal foi moi bo, pero o illamento foi matador”, admite o ornitólogo.
Por fin, chegou o momento de abandonar o Gómez Ulla e volver, en ambulancia e en silencio, á aldea de Cariño. Aí rematou a súa corentena ata completar os 42 días que durou o confinamento. “Eu tiña o medo de que houbera xente que se apartara sen ter eu nada. Imaxina saír dalgo así e que vexas rexeitamento… Iso fundiríame. Pero por sorte non pasou: en Cariño tiven un trato excelente”, conclúe Ricardo Hevia, xa na casa, mentres, por fin, desfai a maleta. Recibiuna o martes 30 de xuño, despois de viaxar ata Holanda no MV Hondius. Agora, coas súas pertenzas xa de volta e as fotografías de diversas aves na súa galería, o ornitólogo reláxase, sabendo que, aínda que con complicacións, cumpriu o seu obxectivo de realizar unha viaxe ‘paxareira’.
















