As claves do gromo de hepatite A de Narón: que se sabe do contaxio e por que poden aparecer novos casos

O longo período de incubación de ata dous meses dificulta a identificación da fonte inicial e obriga a manter a vixilancia epidemiolóxica

A Consellería de Sanidade advirte dun novo gromo de hepatite A localizado no concello de Narón (A Coruña). Ata o momento, contabilízanse oito casos: o primeiro notificado o 2 de xuño e, o último, o día 26. As autoridades aseguran que, polo de agora, non se notificaron novos casos. Con todo, seis dos afectados foron ingresados no Complexo Hospitalario de Ferrol (CHUF) e un en Alemaña. A día 30 de xuño, xa foron todos dados de alta do centro ferrolano. Suso Prego, xefe do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Consellería, sinala que “hai un vínculo epidemiolóxico entre seis dos oito casos”, unha tendencia, segundo el, previsible nun gromo de hepatite A, caracterizado por unha transmisión acelerada. Co obxectivo de previr un maior contaxio, a Consellería xa vacinou a 20 persoas consideradas contactos.

Para avanzar na investigación, tendo en conta o longo período de incubación do virus de ata dous meses, a Consellería de Sanidade enviou mostras dos pacientes ao Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto Carlos III, para coñecer se todos os casos están vencellados co mesmo gromo. Suso Prego sinala que aínda non está clara a cadea de transmisión nin a orixe do contaxio, pero explica que esta patoloxía se transmite por vía fecal-oral, asociada á transmisión persoa a persoa ou a través dunha fonte común, como o consumo de auga ou alimentos crus, ademais de prácticas sexuais.

Publicidade

“Probablemente fora unha transmisión persoa a persoa, aínda que é unha cuestión pouco establecida a causa da incubación; ás veces é complicado establecer cando foi a exposición”, indica o experto. Desta forma, a Dirección Xeral de Saúde Pública continúa os estudos á espera dos resultados do serotipo, que permitirá coñecer a proximidade entre os patóxenos que afectan a cada paciente e así comprobar se se captou pola mesma fonte, co obxectivo de esclarecer todas as incógnitas arredor do gromo.

Adultos maiores de 40 anos

Segundo o Ministerio de Sanidad, no ano 2024 en Galicia houbo 30 casos notificados de hepatite A, cunha taxa de 1,11 casos notificados por cada 100.000 habitantes. Mentres, ata finais de outubro de 2025 rexistráronse 82 casos. En canto a hospitalizacións, a información dispoñible en 1.404 casos informou de que 825 deles requiriron o ingreso, o que representa o 58,8%. No caso do gromo de Narón, Suso Prego sinala que as hospitalizacións poden ser habituais, sobre todo en adultos, xa que todos os afectados superan os 40 anos. “É esperable, aínda que sexa por poucos días, xa que se presenta de forma moi aguda pero se pasa sen maior problema; ten unha letalidade moi baixa“, apunta.

Publicidade

Como calquera patoloxía que afecta ao fígado, supón a alteración de transaminasas e enzimas hepáticas, con síntomas como a ictericia —cor amarela na pel e nos ollos—, ouriños escuros, fatiga, vómitos e febre. “Ten un curso clínico máis leve ca outras variantes e resólvese de forma máis espontánea”, indica Suso Prego, motivo polo cal os nenos e nenas máis pequenos non dan clínica e, polo xeral, ten unha letalidade de menos do 1% —aumenta coa idade—.

Vacinación como prevención, antes e despois

A principal medida de prevención fronte á hepatite A é a vacinación. A solicitude lévase a cabo nos centros de saúde e consta de dúas doses, cun grupo indicado para a súa subministración constituído por homes que teñen sexo con homes e teñen múltiples parellas ou que tiveron sexo con persoas prostituídas, tal e como indica o Servizo Galego de Saúde. Ademais, como ocorreu no gromo de Narón, aplícase a profilaxe vacinal, que administra a vacina contra a enfermidade infecciosa tanto antes como despois da exposición ao patóxeno, motivo polo cal Sanidade decidiu administrala aos contactos estreitos. Con todo, segundo explica Suso Prego, os datos apuntan a unha inmunidade longa e duradeira unha vez que se pasa a enfermidade.

Aparición de novos casos

“É un risco moi localizado“, resume o xefe do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica, sobre todo se es un usuario que non está vinculado a ningún dos casos do gromo de Narón. Agora, as actuacións están ligadas ao rastrexo de novos posibles contaxios. “A poboación xeral non debe ter especial preocupación, agás se se trata dunha fonte común de exposición”, sinala. A causa do longo período de incubación, é moi probable que aparezan novos casos co paso do tempo vencellados a este gromo, aínda que as investigacións de Sanidade tamén continuarán ata chegar á fin da cuestión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

A Xunta clausura a planta soto do centro de saúde de Ponteareas pola elevada concentración de radon

O gas está catalogado como canceríxeno e está vinculado causalmente ao cancro de pulmón

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas