Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Unha investigación da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG

A enfermidade rara RFT1-CDG, da que soamente se documentan 19 casos en todo o mundo, é unha patoloxía multisistémica altamente limitante, cunha sintomatoloxía moi variada e extensa que se enmarca dentro dos Defectos Conxénitos da Glicosilación. Para facerlle fronte, unha das vías está no uso de animais modelo que permitan reproducir a enfermidade co fin último de probar tratamentos para curar ou mellorar os seus síntomas. Neste eido é onde se enmarca a tese de doutoramento en Veterinaria de Nerea Gandoy Fieiras, baseada no uso do peixe cebra como modelo.

Esta especie é moi útil para a investigación de enfermidades xenéticas humanas “porque posúe entre un 70-80% de homoloxía xenética cos humanos“, explica. Así mesmo, é un organismo vertebrado que comparte similitude de órganos e tecidos e, ademais, é pequeno e doado de manipular no laboratorio. A investigación baséase nun modelo animal estable que reproduce algúns dos síntomas e signos dos pacientes. Trátase, en definitiva, dunha ferramenta real para testar futuros fármacos.

Publicidade

O peixe cebra presenta outras características relacionadas coa reprodución altamente interesantes como é a fecundación externa, que permite observar todas as etapas do desenvolvemento embrionario. É precisamente isto o que o converte nun candidato ideal para a aplicación de técnicas de edición xenética como é o CRISPR/cas9. Esta revolucionou a bioloxía molecular hai uns anos, xa permitiu a creación de miles de modelos animais practicamente á carta, “modificando ao noso antollo”, afirma a investigadora, aqueles xenes candidatos de enfermidades. A través deste modelo conseguiuse afondar no estudo da proteína RFT1, clave para avanzar no coñecemento da enfermidade.

Como o fan

Na investigación de Gandoy Fieiras explorouse o patrón espazo-temporal da expresión do xene RFT1 e da distribución da proteína resultante no peixe cebra, desde etapas temperás do desenvolvemento ata a idade adulta. O traballo permitiu describir en que órganos e sistemas está presente esta proteína. Concretamente, observouse que esta, distribución coincide con moitos dos órganos e sistemas afectados en pacientes con RFT1-CDG, achegando información sobre a función fisiolóxica e a variabilidade clínica da enfermidade. Ademais, observouse que RFT1 cumpre un papel fundamental no correcto desenvolvemento embrionario desde o momento da fecundación.

Publicidade

Un dos pasos foi xerar e caracterizar un modelo de peixe cebra cunha mutación no xene RFT1, e analizar os fenotipos asociados á mutación. Grazas á técnica CRISPR/Cas9 obtívose un modelo mutante no xene RFT1 dos peixes. A caracterización fenotípica deu como resultado que os peixes mostraban síntomas e signos que se correlacionaban co observado noutros modelos previos e, a maiores, podíanse relacionar co observado nos pacientes: a microcefalia, redución da locomoción ou as malformacións craneofaciais. Ademais, observáronse outros resultados como a alteración da expresión de xenes relacionados coa glicosilación ou a incapacidade dos mutantes para rexenerar tecidos como a aleta caudal.

“Ao iniciar este traballo, o coñecemento sobre RFT1-CDG era un lenzo practicamente en branco, relegado á controversia sobre a función da proteína e a unha longa lista de síntomas e pacientes. A partir de agora, aparece neste panorama un modelo animal estable que reproduce algúns dos síntomas e signos dos pacientes e que permite testar futuros fármacos”, destaca a investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia lidera a mortalidade por sarcoidose, unha rara enfermidade inflamatoria

Ourense e Lugo concentran o maior risco de falecemento por unha patoloxía que pode afectar a todos os órganos, especialmente pel e pulmóns

Cando o corpo se converte en óso: o extraordinario caso da nena galega cunha enfermidade ultrarrara

Cayetana e Celia son dúas xemelgas idénticas que protagonizan un cadro excepcional, unha doenza xenética capaz de xerar óso en tecidos onde non debería existir

Google ou ChatGPT: cal diagnostica mellor os teus síntomas? Un estudo galego ten a resposta

Unha investigación do CiTIUS determina que os modelos de IA teñen unha taxa de acerto de ata o 90% pero a súa fiabilidade dependerá do contexto

Mauro, o neno galego cunha doenza ultrarrara e mortal: “Non hai nada máis difícil que ver o teu fillo deteriorarse”

O cativo de dous anos e medio foi diagnosticado en outubro de 2024 da enfermidade de Alexander, unha patoloxía neurodexenerativa sen tratamento