Un equipo da USC crea avatares de peixe cebra para probar prometedoras terapias contra o cancro

O traballo, publicado na revista ‘Nature Aging’, evidencia como os modelos deseñados polo grupo de Lugo permitiron validar en tempo real un novo composto

Un equipo internacional no que participa o grupo ZebraBioRes do Campus de Lugo logrou desenvolver un innovador enfoque terapéutico que podería mellorar a eficacia do tratamento do cancro e reducir o risco de recaída. O traballo, publicado na revista Nature Aging, destaca polo uso de modelos avatar de peixe cebra, que permitiron validar a selectividade e seguridade do novo composto en tempo real e que foron creados polo grupo da Universidade de Santiago (USC) que lidera Laura Sánchez Piñón. 

A investigación coordinada polo Institituto IMDEA Nutrición aborda un dos grandes desafíos da oncoloxía actual: a acumulación de células senescentes tras a quimioterapia. Aínda que estes tratamentos eliminan boa parte das células tumorais, tamén poden inducir que algunhas entren nun estado de senescencia, permanecendo activas e contribuíndo potencialmente á inflamación, á deterioración tisular e á reaparición do tumor.

Publicidade

O estudo integrou coñecementos e metodoloxías procedentes da bioloxía molecular, a oncoloxía, a lipidómica, a biotecnoloxía, a farmacoloxía e a bioloxía do desenvolvemento. Baixo a dirección de Maria Ikonomopoulou, responsable do grupo de Venenómica Traslacional en IMDEA Nutrición, o consorcio reuniu persoal investigador da USC, así como de diversos países europeos, Estados Unidos e Australia, entre outros.

Esta colaboración permitiu identificar e caracterizar un composto natural denominado esticolisina I (StnI), derivado da anemone mariña Stichodactyla helianthus. A molécula actúa como unha senotoxina selectiva, capaz de recoñecer alteracións específicas na composición lipídica da membrana das células senescentes e eliminalas con alta precisión. “O carácter multidisciplinar do proxecto foi clave para avanzar desde a identificación molecular ata a validación funcional en modelos vivos”, sinalan dende o equipo investigador. “As senotoxinas permítennos ler a pegada lipídica distintiva das células senescentes e actuar sobre elas cunha precisión sen precedentes”, engaden.

Publicidade

Visualización en tempo real 

Un dos elementos máis innovadores do estudo foi o uso de modelos avatar de peixe cebra. Este sistema experimental permite introducir células tumorais humanas en embrións transparentes e observar en tempo real o seu comportamento, migración e resposta aos tratamentos. Os estudos en modelo de peixe cebra desenvolvéronse no grupo ZebraBioRes da USC baixo a dirección da profesora Sánchez Piñón.

Grazas a esta tecnoloxía, o equipo puido comprobar que as senotoxinas eliminaron eficazmente células de melanoma senescentes que circulaban polo torrente sanguíneo. Ademais, non se detectou toxicidade no desenvolvemento do organismo e non se observaron efectos fóra do obxectivo, o que confirma a elevada selectividade do composto. O modelo de peixe cebra non só acelerou a avaliación preclínica, senón que tamén achegou unha validación funcional clara da seguridade e especificidade da esticolisina I nun organismo vivo.

Cara a unha nova xeración de senoterapias

Os resultados abren a porta ao desenvolvemento dunha nova clase de terapias dirixidas a eliminar células senescentes daniñas tras tratamentos oncolóxicos. Este enfoque podería aumentar a eficacia da quimioterapia, reducir as probabilidades de recaída e diminuír efectos secundarios asociados á acumulación de células senescentes. Ademais, as implicacións do estudo transcenden o ámbito oncolóxico e poderían estenderse a enfermidades relacionadas co envellecemento, onde a senescencia celular desempeña un papel relevante.

Con esta investigación, as institucións participantes consolidan un modelo de colaboración científica interdisciplinaria que integra bioloxía básica, innovación terapéutica e validación en modelos avanzados, situando as senotoxinas como unha prometedora ferramenta para a medicina do futuro.


Referencia: Senotoxins target senescence via lipid binding specificity, ion imbalance and lipidome remodeling (Publicado en Nature Aging)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Algas galegas para unha agricultura máis resistente á seca e á calor

O proxecto BIO-MARTERRA abre unha nova vía para valorizar subprodutos da industria alimentaria e ofrecer alternativas naturais ao sector agrícola

Do lixo ao fertilizante: a segunda vida dos residuos orgánicos en Vigo

O contedor marrón, impulsado polo Concello e FCC Medio Ambiente, permite separar os restos para transformalos en compost

A nova edición dos premios Zendal consolídase cun 11% máis de canditaturas procedentes de 14 países

As propostas, un total de 189, son de universidades, centros de investigación e hospitais de referencia internacional

Documentadas novas anomalías de coloración en peixes mariños de Galicia e Andalucía

A investigación describe tres exemplares con alteracións pigmentarias e outros tres casos posibles observados na ría de Vigo