“Ter unha familia ten que ser compatible con ser unha científica recoñecida”

A investigadora Laura Castro participou xunto a Gloria González e Beatriz Fernández na segunda sesión de 'Ciencia en feminino', o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra polo 8M

Ao falar de referentes, a física Beatriz Fernández Domínguez, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), lembra a figura de Marie Curie, pero tamén á súa propia nai, quen “tiña un cálculo mental moito máis avanzado que calquera de nós”. Pola súa banda, a paleontóloga Gloria González Fortes, investigadora no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), recorda unha infancia chea de referentes no seu colexio só de nenas, onde mesmo a mellor nota en matemáticas era sempre dunha muller. A informática Laura Castro Souto, investigadora do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC), sinala que na súa infancia non contou con modelos claros. Con todo, lembra a Penny, a sobriña do inspector Gadget, como un precedente: unha personaxe que, grazas aos seus aparellos electrónicos, resolvía os problemas nos que o seu tío estaba envolto.

Agora, estas tres investigadoras galegas, que desenvolven o seu traballo en ámbitos tradicionalmente masculinizados, buscan respostas a como derrubar os estereotipos arredor da muller na ciencia. Fano na segunda sesión de Ciencia en feminino, o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra co gallo do 8M.

Publicidade

A conciliación como problema principal

Durante a mesa redonda, Beatriz Fernández foi a primeira en mencionar o problema da conciliación na carreira investigadora. Unha das mellores experiencias como física é viaxar ao CERN, situado entre Suíza e Francia. Porén, tamén recoñece as dificultades que isto implica: “Non podes conciliar a vida familiar cando tes que estar fóra dous ou tres meses”, explica. No seu caso, puido contar co apoio da súa parella durante esas ausencias. Aínda así, cando as súas alumnas valoran continuar coa carreira científica despois da tese, algunhas rexeitan a oportunidade debido ás dificultade para conciliar. “Hai cousas que non podes poñer en pausa”, sinala Laura Castro. A investigadora lembra que non todo pode reducirse á produtividade científica e apunta que quizais a loita da actual xeración de mulleres investigadoras sexa esa: “Ter unha familia ten que ser compatible con ser unha científica recoñecida”.

Gloria González engade outro factor á ecuación: a independencia económica. “Teño agora 48 anos, publiquei en revistas como Nature ou Science, fun investigadora principal e, con todo, o meu posto de traballo aínda non é estable”, explica. En moitas ocasións, os investigadores non acadan a estabilidade laboral ata arredor dos 45 anos.

Reto actual: a intelixencia artificial

Laura Castro é experta en intelixencia artificial. Reflexiona sobre o papel delas tecnoloxías na perpetuación dos estereotipos. “O raro sería que un produto que bebe da nosa sociedade non os amplificase”, afirma. Mesmo se se intentase equilibrar a representación, moitas veces non existirían datos suficientes sobre figuras femininas na ciencia. Ademais, lembra que as persoas que desenvolveron moitos destes sistemas tecnolóxicos non contaban con formación en socioloxía, nin filoloxía, nin filosofía; “non tiñan formación nada máis que electrónica, programación ou matemáticas“. Como consecuencia, moitas realidades quedaron invisibilizadas.

Neste sentido, Fernández Domínguez sinala que sistemas de IA como Gemini, ChatGPT ou Grok “transmiten unha visión sexualizada e pouco diversa da muller científica”. Os algoritmos baséanse en datos nos que a variedade de corpos femininos non foi historicamente visibilizada, o que contribúe a reforzar a presión estética sobre as mulleres. Unha vez máis, a pesar do avance, persisten as desigualdades entre ciencia e xénero.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Elena Vázquez Abal: “Debemos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”

A matemática galega lidera iniciativas internacionais e impulsa a igualdade nas ciencias dende a súa experiencia académica e persoal
00:37:33

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Elena Vázquez Abal

A matemática recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024 por unanimidade pola súa carreira investigadora e docente