A península ibérica será a observadora privilexiada dun trío de eclipses que se producirán entre 2026 e 2028. A expectación é máxima, tamén en Galicia, que será o quilómetro cero para ver o fenómeno astronómico máis impresionante deste ano. O 12 de agosto ao solpor farase completamente de noite durante uns segundos. Nos de 2027 e 2028, Galicia será tan só unha observadora parcial. Sexa como sexa, o momento científico é incomparable. Precisamente por iso o Ministerio de Ciencia acaba de lanzar Trío de eclipses, a web oficial con información destinada á cidadanía. O obxectivo é garantir a seguridade da veciñanza durante os tres episodios e inclúe un apartado para planificar os desprazamentos que se produzan nas datas clave.
Coidado coa mobilidade
Na sección “Mobilidade”, o usuario pode consultar unha serie de recomendacións emitidas polo Ministerio para realizar as viaxes coa máxima seguridade posible. O departamento tamén pon a disposición da cidadanía unha serie de recursos oficiais nos que informarse ante as dúbidas que poidan xurdir durante as eclipses. A de 2026 non só está a xerar unha enorme expectación, senón que coincidirá con plena Operación Verán e xerarase un volume extraordinario de desprazamentos. Coas súas recomendacións e os recursos dispoñibles en Trío de eclipses, o Ministerio pretende reducir as grandes retencións, o aumento dos sinistros e as dificultades para os servizos de emerxencia.
2027 e 2028
A páxina web non só ofrece recomendacións sobre mobilidade e turismo, senón que ten apartados específicos con información sobre cada unha das eclipses. A de 2027, por exemplo, considérase a “eclipse do século” porque durará un máximo de seis minutos. Porén, a súa franxa de totalidade non atravesará Galicia. En 2028 producirase unha eclipse anular que cruzará a península de suroeste a noroeste e Baleares, pero a lúa non cubrirá todo o disco solar. Por tanto, poderase observar un “impresionante anel de lume”. De novo, Galicia non será a mellor comunidade para ver o fenómeno. O de 2026 será o único que converta o territorio galego en referente de observación.
Consellos de saúde
Outro dos apartados imprescindibles da web é o de “Seguridade”. Nel recóllese unha longa lista de recomendacións para protexer a saúde visual co uso de lentes eclipsadas, e tamén se explica como deben utilizarse. Así mesmo, especifícanse unha serie de síntomas nos ollos que deberían facer saltar as alarmas e sospeitar. Non obstante, estes non son os únicos riscos que cita o Ministerio de Ciencia, que tamén alerta dos sinistros viarios; das lesións na pel ou ocasionadas pola calor; así como das enfermidades transmitidas pola auga, polos alimentos ou por vectores.
Trío de eclipses é unha recompilación de información oficial sobre tres eventos astronómicos de luxo, para os que a península ibérica será o mellor balcón do mundo para observalos. Se es dos que planifica as súas viaxes son antelación, esta web é un bo recurso para ter en conta as recomendacións imprescindibles de cara ao 12 de agosto, e as eclipses dos próximos dous anos.












