Corenta e dous anos e un cancro de mama metastático. Esta é a carta de presentación de María Varela Iglesias, a santiaguesa residente na Baña que o mércores levou ante o Ministerio de Sanidade unha petición para adiantar os cribados aos 40 anos que xa supera as 79.000 firmas na plataforma Change.org. Este camiño comezou hai máis dun ano, cando en xaneiro empezou a experimentar unhas fortes dores nas costas, semellante aos dunha lumbalxia. O dano pasou á cadeira, o que lle impedía mesmo erguerse.
“Doíanme as costelas ao erguerme, ao respirar; nin sequera podía falar”, narra a paciente. Foi en maio cando ingresou de urxencia no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Tras moitas probas, as primeiras palabras da internista foron “cancro de mama”. Continuaron as comprobacións durante cinco días de ingreso, ata que chegou o diagnóstico final: “Un cancro sen cura que calou xa en varios ósos por todo o meu corpo”, indica na súa petición.
Cancro de mama metastático é o estadio IV da enfermidade, o máis avanzado. Ocorre cando as células cancerosas se diseminan dende a mama a outras partes do corpo. María Varela explica que pasou por diversas etapas: “Primeiro culpeime por ser defectuosa, pero cheguei á conclusión de que non o era ao coñecer a máis mulleres coma min”, explica. Foi así cando pensou: “Por que a min? Porque os cribados comezan moi tarde”, sinala.
Por iso, pensando nas súas compañeiras de loita, decidiu cal ía ser o seu desexo de 43 aniversario, en novembro de 2025: “Que ningunha nena ou muller pasara a dor que eu estaba a pasar”. Así comezou esta iniciativa, a fin de converter a dor nun plan positivo para poder cambiar as cousas. Con todo, o adianto da detección precoz non será tan sinxelo de implantar: “Sei que vai ser moi difícil, pero habería que establecer outras medidas”, sinala Varela.
A primeira mamografía
As radiólogas da Unidade de Mama de Vigo Rosa Mallo e Ana Rocha explican que o cribado de cancro de mama serve para detectar o tumor en fases temperás en mulleres sen síntomas a fin de mellorar o prognóstico. Segundo datos proporcionados pola Xunta, este programa permitiu reducir a mortalidade en máis dun 20% nas mulleres galegas de 50 a 69 anos. A ferramenta principal para a detección é a mamografía, con eficacia demostrada agás naquelas persoas con mamas densas. Nestes casos existe outra técnica, a mamografía con tomosíntese, pero “aínda non está implementada de forma sistemática no programa de cribado de Galicia”.
Na comunidade, a idade da primeira mamografía dentro do programa de Sanidade é aos 50 anos. Noutras comunidades redúcese a cifra ata os 45 e, no caso de mulleres con mutacións xenéticas nos xenes BRCA ou antecedentes familiares, pode chegar aos 40 con probas complementarias como resonancias magnéticas. Estas son idades establecidas pola Comisión Europea.
Un problema clínico e de recursos
“Sería bo adiantar o cribado, pero grandes traballos con miles de pacientes sinalan como idade rendible entre os 50 e 75 anos”, explica Gonzalo de Castro Parga, cirurxián e coordinador da Unidade de Mama da área sanitaria de Vigo. As mamografías salvan moitos cancros asintomáticos e permiten aforrar custes en quimioterapia e outras probas. Con todo, o adiantamento do cribado tamén ten as súas limitacións.
De Castro Parga indica que a mama dunha muller nova é radioloxicamente máis difícil de diagnosticar, mentres que no caso dos 50 anos, a densidade mamaria é menor e máis sinxelo. Pero non só polas complicacións clínicas, tamén polos recursos limitados, tanto económicos como materiais: “A controversia vén en que habería que facer moitas máis mamografías e probas”, sinala o cirurxián. O mesmo ocorre cos cribados de cancro de pulmón. Ademais, os tres expertos sinalan que, por debaixo dos 50 anos, a eficacia da mamografía como proba de cribado non está demostrada, xa que a maior densidade mamaria adoita presentarse neste grupo de mulleres.
Un grito de auxilio
María Varela coñece as limitacións de Sanidade, motivo polo cal decidiu enviar a súa petición directamente ao Ministerio, para que decida que deben facer as comunidades autónomas. Pero esta iniciativa busca ser unha chamada á acción: “Se é unha mamografía, é unha mamografía; se é un TAC, un TAC; que nos fagan o que queiran, pero que nos fagan algo“, indica a santiaguesa. Con todo, Gonzalo de Castro sinala que os 40 anos é un tramo de idade “menos frecuente, no que fiarse dunha mamografía non é o máis adecuado“.
Con todo, cando remate a baixa do seu traballo como peón agrícola, deixará o ritmo de vida relaxado que está a vivir agora. “Eu non podo facer o meu traballo diario, non podo facer nada do que facía antes“, lamenta. A volta a un traballo físico súmanse os efectos secundarios dos tratamentos de cancro, como as defensas baixas e as perdas de memoria. “Eu podo ter unha vida normal dentro da miña normalidade, como unha persoa xubilada”, sinala.
Cada vez son máis mulleres
De Castro Parga sinala que as análises de incidencia amosan un aumento da prevalencia en mulleres novas, pero non moito máis ca nas persoas maiores. “O cancro de mama aumenta en todas as mulleres, en todos os grupos de idade”, subliña, cun incremento entre os 70 e 75 anos que se descubriu grazas ao cribado. Con todo, a tendencia nas mulleres menores de 50 anos adoitan ser tumores máis agresivos, como o triplo negativo. As causas de por que ocorre son multifactorais: alimentación, contorna, contaminantes ambientais, alcoholismo, cambios hormonais a causa da terapia asociada á menopausa. “O estilo de vida cambiou, as cifras teñen que ser máis altas ca antes”, sinala.
Rosa Mallo e Ana Rocha indican como posible alternativa o desenvolvemento de circuítos que permitan estratificar o risco no grupo de idade de 40 a 50 anos, identificando a aquelas mulleres para as que o cribado pode ser beneficioso. Así o fan na unidade de mama á que pertencen estas dúas radiólogas, cun Circuíto Rápido dirixido a pacientes derivadas de atención primada por síntomas ou achados clínicos de sospeita. Así mesmo, animan a fomentar hábitos como “evitar o sedentarismo ou manter un estilo de vida saudable”.
O poder das redes sociais
A proposta xa está en mans do Ministerio. O desenlace será grazas a todas as persoas que participaron na petición. “Sen Change.org non tería conseguido todo o soporte que me están a dar”, sinala. O custo económico desta viaxe a Madrid correu a cargo da plataforma dixital, a pesar de que admite que tanto as redes sociais como os xornalistas son fundamentais. Así, dar visibilidade á historia de María Varela é facer evidente a importancia da prevención: “Teñen que pensar no que custa unha vida; déixannos enfermar con 40 anos e 30 de traballo por diante”, conclúe.














