O cancro de mama aumentará un 38% nos próximos 25 anos

Un estudo na revista 'Nature Medicine' apunta a un incremento da mortalidade de ata o 68%, sobre todo nos países de menor desenvolvemento

O cancro de mama é dos máis diagnosticados no mundo e a principal causa de morte por tumores en mulleres. En 2022, rexistráronse 2,3 millóns de novos casos e 670.000 mortes a escala global, segundo un estudo liderado por Miranda Fidler-Benaoudia, investigadora nos Servizos de Saúde de Alberta, en Canadá. Os resultados, publicados na revista Nature Medicine, revelan que a carga da enfermidade está desigualmente distribuída: en países con índice de desenvolvemento humano (IDH) máis baixo, a mortalidade é significativamente maior.

Desigualdade

Os investigadores analizaron datos de incidencia e mortalidade de 185 países recollidos pola Axencia Internacional do Cancro e atoparon que o risco de diagnóstico de tumor de mama é máis alto en Francia (1 de cada 9 mulleres) e América do Norte (1 de cada 10), mentres que o risco de morrer pola enfermidade é máis elevado en Fiyi (1 de cada 24) e África (1 de cada 47).

Publicidade

Ademais, estudaron a evolución da mortalidade en 46 países durante 10 anos e concluíron que, aínda que diminuíu en 30 deles, só sete cumpren o obxectivo da OMS de reducir a mortalidade un 2,5% anual. Entre eles destacan Malta, Dinamarca e Bélxica. De manterse a tendencia actual, en 2050 rexistraranse 3,2 millóns de novos casos e 1,1 millóns de mortes por cancro de mama, cun impacto desproporcionado en países con menor desenvolvemento.

Os autores advirten que as súas estimacións están limitadas pola calidade e dispoñibilidade dos datos, especialmente en países con IDH máis baixo, onde os rexistros de cancro poden ser incompletos. A pesar diso, subliñan a necesidade de investimentos sostidos en prevención, detección precoz e acceso equitativo a tratamentos efectivos para frear o impacto do cancro de mama a nivel global.

Publicidade

Situación en España

Segundo a análise do xefe de servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Gregorio Marañón, Miguel Martín, que non participou no estudo, a investigación “é a mellor aproximación posible á realidade”. Así o recolle o Sciencie Media Centre España, quen tamén consulta ao coodinador científico do Plan Nacional do Cancro, Josep M. Borrás. O experto matiza que os maior incremento da incidencia e da mortalidade darase nos países menos desenvolvidos. No caso de España, sinala que o estudo relaciona o incremento da incidencia en todos os grupos de idade cun descenso significativo no risco de morrer, algo en común cos países europeos da contorna.

“As recomendacións preventivas neste tumor son limitadas e o foco débese poñer no diagnóstico rápido e o cribado, así como na aplicación dos tratamentos eficaces a toda a poboación afectada polo tumor”, conclúe Borrás.


Referencia: Global patterns and trends in breast cancer incidence and mortality across 185 countries (Publicado en Nature Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ministerio de Sanidade amplía o cribado do cancro de mama entre os 45 e 74 anos

As autoridades europeas, os datos achegados polas comunidades e a evidencia científica avalan a extensión das probas a novas franxas de idade

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade

A galega que pide adiantar mamografías aos 40 anos reabre o debate sobre a idade axeitada para os cribados

Un diagnóstico de cancro de mama metastático impulsa unha campaña con máis de 79.000 firmas para revisar os protocolos de detección precoz