A Comisión de Saúde Pública aproba a proposta de modificación do programa de cribado poboacional de cancro de mama no Sistema Nacional de Saúde (SNS), que amplía a poboación obxectiva para incluír a mulleres de entre 45 e 74 anos. Ata a data, a carteira común de servizos establecía a realización dunha mamografía cada dous anos para mulleres de entre 50 e 69 anos. A nova proposta mantén a periodicidade bienal para todo o novo rango de idade. A medidas achégase á petición de María Varela Iglesias realizada ante o Ministerio de Sanidade en marzo, a galega diagnosticada de cancro de mama metastásico aos 42 anos que solicitaba adiantar os cribados aos 40 anos.
Con todo, a medida responde as recomendacións da Rede de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (RedETS) e do Consello da Unión Europea, así como á evidencia clínica dispoñible, que indica que ao redor do 10% dos cancros de mama en España diagnostícanse en mulleres menores de 50 anos.
En relación co grupo de mulleres de 45 a 49 anos, a evidencia científica apunta a que o cribado contribúe a reducir a mortalidade e favorece a detección de tumores en estadios máis precoces. Os datos de Navarra mostran unha taxa media de detección do 4,20% entre 2022 e 2024, comparable á observada en mulleres de 50 a 54 anos. No caso das mulleres de 70 a 74 anos, a información achegada por Galicia indica unha taxa de detección do 8,7% en 2023, superior á rexistrada no grupo de 65 a 69 anos.
Resultados das comunidades
A ampliación do cribado apóiase ademais na experiencia acumulada por distintas comunidades autónomas: Navarra, Castela e León, A Rioxa e Castela-La Mancha que xa incorporaron o tramo de 45 a 49 anos nos seus programas de detección precoz, mentres que Galicia achegou resultados clave para apoiar a inclusión do grupo de 70 a 74 anos.
Implantación progresiva
A ampliación do programa desenvolverase de xeito gradual para garantir unha implementación homoxénea e de calidade en todo o territorio. As comunidades e cidades autónomas dispoñerán dun prazo máximo de tres anos para iniciar a modificación do programa e de ata seis anos para alcanzar unha cobertura de invitación próxima ao 100% nos novos grupos de idade. Co fin de facilitar a adaptación organizativa e a xestión de recursos, contémplase a posibilidade de implantar inicialmente un intervalo de cribado trienal antes de consolidar definitivamente a periodicidade bienal. A ampliación do programa supón un avance relevante nas estratexias de prevención e detección precoz do SNS, incorporando novas evidencias científicas e tecnoloxías diagnósticas orientadas a mellorar a equidade, a eficacia clínica e a capacidade de detección temperá.














