Sábado 18 Maio 2024

Os linfocitos ‘Natural Killers’: unha alerta contra o cancro de mama máis agresivo

As chamadas células asasinas naturais segregan uns tipos de citoquinas que activan a resposta inmunitaria

Un tipo concreto de linfocitos, as células asasinas naturais ou Natural Killers (NK), son coñecidos pola súa capacidade antitumoral. Ademais, en combinación co tratamento contra un dos tipos de cancros de mama máis agresivos —o HER2—, poden alertar o sistema inmunitario sobre a presenza de células cancerosas.

Esta última competencia permítelles recrutar outras células inmunitarias para loitar contra o tumor. Así o amosa un estudo publicado no Journal of Experimental & Clinical Cancer Research, que tamén describe un posible biomarcador para identificar as pacientes que terán unha resposta positiva ao tratamento.

Publicidade

O novo traballo foi liderado polas investigadoras do Grupo en Inmunidade e Infección do Instituto de investigación do Hospital do Mar, Aura Muntasell e Sara Santana.

Artigos anteriores do mesmo grupo certificaran o feito que a presenza das células NK tiña relación coa resposta das pacientes ao tratamento con anticorpos antiHER2.

Pero a pesar desta asociación, o seu número era máis baixo que o doutras células do sistema inmunitario, polo que os investigadores sospeitaban que tamén tiñan unha función reguladora da resposta das defensas do corpo fronte o cancro.

Unha alerta ante o tumor

O estudo publicado agora centrouse en aclarar este aspecto a partir da comparación do conxunto do ARN de biopsias de tumores de cancro de mama HER2 positivo con presenza de células NK e sen esta, e de modelos con ratos.

O traballo demostrou que estas células, ao entrar en contacto cos anticorpos que se utilizan contra estes tumores, segregan dous tipos de pequenas proteínas: citoquinas e outros factores solubles, que modifican o microambiente tumoral. Isto facilita a chegada doutras células do sistema inmunitario e reforza a acción do tratamento contra o cancro.

“Parte do efecto dos anticorpos antiHER2 non se debe só para o efecto intrínseco sobre as células tumorais, senón que estes anticorpos permiten, a través das NK, poñer en marcha unha resposta inmunitaria antitumoral”, explica Muntasell.

Estas conclusións confirmáronse coa análise de 80 mostras. Comprobouse como, naquelas que presentaban niveis máis altos de NK, tamén había unha maior presenza de linfocitos con capacidade antitumoral. É dicir, alertan o sistema inmunitario e reúnen a outras células para atacar e eliminar ás malignas.

“Que haxa células NK en presenza dos anticorpos antiHER2 fai que se acenda unha resposta antitumoral”, explica Muntasell. “Os linfocitos NK non só terían unha función directa porque poden matar células malignas, senón que, ademais, disparan esta alarma que permite que outras células do sistema inmunitario cheguen ata o cancro e contribúan a eliminalo”.

Biomarcador de resposta ao tratamento

O traballo tamén analizou se sería posible detectar en sangue ou soro de pacientes os factores que segregan as NK ao entrar en contacto co tratamento con anticorpos antiHER2. A través de mostras de soro de pacientes en tratamento, confirmou a súa presenza nos casos das persoas cunha resposta positiva.

“Esta nova evidencia reafirma a capacidade da terapia anti-HER2 para inducir unha resposta inmunitaria que se correlaciona cunha maior eficacia terapéutica. Isto tennos que servir para avanzar na mellora e a individualización do tratamento das pacientes con cancro de mama HER2 positivo”, apunta Joan Albanell, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital do Mar e outro dos autores.

Os investigadores consideran que estas conclusións poden ser trasladables a outros tipos de tumores, xa que o estudo “evidencia que a actividade do linfocito NK como célula con capacidade de modificar o ambiente do tumor é extrapolable a outros tumores”, afirma Muntasell.

Na actualidade hai un ensaio clínico en marcha e liderado polo Vall d’Hebron Instituto de Oncoloxía (VHIO) para infundir linfocitos dun doante san a pacientes con cancro de mama HER2 positivo metastásico en combinación con anticorpos antiHER2.


Referencia: NK cell-triggered CCL5/IFNγ-CXCL9/10 axis underlies the clinical efficacy of neoadjuvant anti-HER2 antibodies in breast cancer (Publicado en Journal of Experimental & Clinical Cancer Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

Unha vacina de ARNm reprograma o sistema inmune para atacar o cancro cerebral máis letal

O avance dun grupo de investigadores da Universidade de Florida probarase nun ensaio clínico pediátrico contra o glioblastoma

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares