Un equipo da UVigo avalía o uso de realidade virtual en persoas con esclerose múltiple

O grupo HealthyFit trata de mellorar as capacidades funcionais dos pacientes a través do exercicio terapéutico e das novas tecnoloxías

Investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) en colaboración coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo) están a analizar os posibles beneficios dun programa de exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual en persoas con esclerose múltiple. No estudo, coordinado por Gustavo Rodríguez e Pablo Campo e financiado polo Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga), participaron unha vintena de socios de Avempo. “Neste colectivo non había investigacións que exploraran os usos da realidade virtual inmersiva para a mellora das súas capacidades funcionais”, destaca Campo, investigador do grupo HealthyFit da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).

Dando continuidade a proxectos previos do grupo HealthyFit, que exploraban os beneficios da actividade física con dispositivos de realidade virtual, este estudo céntrase na realización e posterior análise dun programa de exercicio baseado no uso de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e cognitiva. “Traballaramos xa con persoas con párkinson ou alzhéimer e tratamos de extrapolar esta experiencia previa a un colectivo co que non se realizarán intervencións deste tipo, maila que xa exploramos os beneficios do exercicio nesta poboación nun artigo publicado no Journal Clinical Medicine”, apunta Campo.

Publicidade

A esclerose múltiple, lembra, é “unha enfermidade neurodexenerativa inflamatoria crónica, que implica diferentes afectacións xerais, na marcha, no equilibrio e na forza ou problemas de control motor e tamén unha sintomatoloxía máis específica, como poden ser cadros de fatiga moi marcados, e que ademais afecta a persoas moi novas”. Nese senso, o obxectivo deste programa, que foi realizado nun grupo de persoas cunha idade media próxima aos 40 anos, era contribuír a “mellorar as súas capacidades funcionais e a súa calidade de vida ”.

Un programa de oito semanas

O proxecto abrangueu o desenvolvemento dun programa de exercicio de oito semanas, con dúas sesións semanais, nas que un grupo de participantes debía desenvolver diferentes actividades cunhas lentes de realidade virtual inmersiva Oculus Quest 3, un dispositivo de última xeración.

Publicidade

Esta actividade foi supervisada pola fisioterapeuta Elena Ferreiro, como parte do seu traballo final no mestrado en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, xunto co persoal da asociación e, de xeito paralelo, outro grupo de participantes no estudo “seguiu realizando as actividades programadas polas asociación”, apunta Campo. “Acabamos de rematar a intervención e de facer as avaliacións finais”, engade o investigador, que explica que, a falta da análise dos datos, “os resultados iniciais son positivos”, xa que constatan que desenvolver do programa é “factible e seguro, sen efectos adversos”, así como a “elevada satisfacción e o compromiso” dos participantes coa iniciativa.

Os usuarios e usuarias de Avempo trasladan un alto grao de satisfacción tras participar no programa de exercicio terapéutico do estudo. “Trátase dunha forma de incentivar o exercicio máis intenso nos pacientes, aos que ás veces nos custa un pouco, e esta experiencia consegue facelo todo moi entretido e variado”, comenta unha das pacientes participantes, que considera que sería “moi interesante” introducir a realidade virtual nas sesións de fisioterapia de forma regular, dándolle continuidade ao proxecto.

Unha colaboración á que dar continuidade

Como explica Campo, esta colaboración con Avempo arrancou hai preto dun ano, coa realización dunha xornada informativa, e levou posteriormente ao deseño dun protocolo de investigación, publicado na revista Sclerosis, para logo dar forma a este programa de exercicio terapéutico, ao que agardan poder dar continuidade con novas colaboracións. O investigador subliña tamén o positivo de iniciativas como este proxecto, “que non sería posible sen a colaboración das asociacións, do seu persoal e dos propios afectados” e que contou co financiamento das axudas para a investigación do Cofiga 2023/2024, xa que “posibilitan que o alumnado do máster poida participar en estudos clínicos e desenvolver investigacións aplicadas”.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM

Como os xacementos arqueolóxicos poden ser clave na loita contra os incendios

Unha metodoloxía deseñada na UVigo permite identificar enclaves paleontolóxicos que serían tamén puntos importantes na prevención de lumes

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A IA predí como será a vida dos pacientes de esclerose múltiple dentro de 10 anos

Investigadores galegos empregan as resonancias magnéticas dos pacientes para prognosticar a evolución da enfermidade autoinmune cunha certeza do 90 %