Os desafíos de descontaminar o lindano no Porriño: “Hai concentracións de ata 600 veces por riba do límite”

Dende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aseguran que o proxecto comezará a principios de verán

A principios deste verán, e tras oito anos de espera, comezará a retirada dos residuos de lindano no lugar de Contrasto, no Porriño. O pasado 30 de abril rematou o prazo para a presentación de ofertas suxeito ao procedemento de licitación. Segundo Serafín González, edafólogo e investigador do CSIC, “na zona hai concentracións de ata 600 veces por riba do límite que declara que un solo está contaminado”. Os desafíos que avalía este experto céntranse no tratamento posterior do contaminante, tanto no seu transporte a un depósito controlado como nas precaucións a tomar cos residuos.  

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia cifrou en 7,5 millóns de euros o custo do procedemento de descontaminación de lindano no Porriño. A administración adxudicou estes traballos a Tragsa que, ao carecer de instalacións autorizadas, será a encargada de supervisar e verificar a operación. José Manuel González, director territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en Pontevedra, asegura que “nun mes debería estar definido o adxudicatario do concurso”. Para Serafín González, o feito de que o procedemento de descontaminación se teña que levar a cabo dende organismos públicos “é unha nova demostración de que, iso de quen contamina paga, moitas veces non é certo”. “Unha empresa privada verteu os residuos e agora os danos ao medio ambiente, á saúde das persoas e á restauración ten que pagalos a cidadanía”, apunta.

Publicidade

A historia do lindano no Porriño vén de lonxe. Entre 1947 e 1964 a empresa Zeltia, que se dedicaba á fabricación de pesticidas na zona, depositou os residuos sobrantes nunha finca. Calcúlase que se acumularon ata 1.000 toneladas de lindano. Serafín González explícao así: “O problema da súa produción é que nel hai varios isómetros, varias formas da mesma molécula. Para a fabricación do pesticida só interesaba unha das seis variantes, entón produciuse unha cantidade enorme de residuos das demais”. Patricia Sío, voceira da Plataforma Antilindano da Louriña conta que este tóxico se espallou no seu momento por moitas zonas do lugar porque é un material que compacta moi ben e que se usou para asfaltar camiños. 

Este verán iniciarase o proceso de descontaminación no camiño do Contrasto, onde se atoparon restos de lindano en 2017. Dende a Consellería explican que o lindano e as terras contaminadas se extraerán e despois se trataran. Para iso, realizarase unha escavación de entre 0,5 e 3 metros de profundidade “e retirarase todo o material no que se ten constatada a presenza deste residuo”.

Aínda así, moitas outras zonas continuarán contaminadas por este tóxico. Existen grandes partes de solo contaminadas que non se poderán tratar: algunhas pertencen a fincas privadas e, sobre outras, construíronse bloques de vivendas, un parque infantil, unha residencia da terceira idade, etc. “A xente antes non sabía da toxicidade do lindano. Moitas persoas mudáronse a eses bloques de vivendas e bebían auga deses pozos. En 2001, a Xunta descontaminou a única superficie que aínda non estaba edificada. Pero foi moi superficial. Cercaron a zona, puxéronlle unha especie de malla de plástico, botaron terra limpa enriba, plantaron céspede e fixeron un parque”, explica Patricia Sío.

Dende a Plataforma Antilindano aseguran que levan anos agardando pola limpeza da zona: “No 2022 xa nos aseguraran que as obras se ían licitar ese ano e tivemos que agardar ata agora”. “Enterámonos pola prensa. Ninguén nos dixo como vai ser o proceso. Hai unha Comisión do Seguimento por Contaminación de lindano no que estamos nós, grupos políticos municipais, representantes da Xunta e fai máis de dous anos que non nos reunimos”, engade Sío.

Ademais dos solos do lugar, o lindano leva anos contaminando as augas do río Louro. Segundo un informe elaborado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, as concentracións deste tóxico en varios puntos do río multiplican por 10 o máximo permitido na lexislación. “O lindano é unha substancia tóxica para o medio ambiente e para as persoas que se verteu nunha zona asolagable; unha zona húmida. A súa consecuente filtración ao río Louro e despois ao Miño resulta nun dos treitos fluviais catalogados en mal estado químico por pesticidas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Os residuos pasaron ao acuífero e despois ao curso fluvial”, explica Serafín González. 

Dende a Plataforma Antilindano denuncian que a súa presenza nas augas de pozos da contorna, dos que bebía a veciñanza, así como a toxicidade en si mesma do residuo, pode ser a causante da maior prevalencia de certas enfermidades na zona. Patricia Sío aclara que, a pesar de ter solicitado un estudo a Consellería de Sanidade, este nunca se realizou. 

En 2023, a Universidade de Navarra publicou unha investigación que resultou no descubrimento dun composto que se demostra efectivo contra o lindano. Nunha entrevista para este medio, Javier Erro, un dos investigadores principais do estudo, explicaba que este descontaminante se pode usar directamente sobre o chan. O produto, testado no vertedoiro de Bailín (Sabiñánigo) demostrou que, tras dúas semanas de intervención, a zona estaba limpa nun 70%. No Porriño, tal e como aclaran dende a Consellería, a descontaminación realizarase a través da escavación e extración dos residuos. Serafín González explica que se terá que “retirar todo o que sexa tecnicamente posible e substituír por terra limpa e, deste xeito, deberían reducirse as filtracións. Aínda así, no referente ao tóxico que xa chegou ao acuífero haberá que agardar a que co tempo se vaia limpando lentamente de forma natural”. 

Outras augas contaminadas

Cando se lle pregunta a Serafín González por exemplos de descontaminación noutros territorios, fala da situación que viviu o meandro de Flix no río Ebro. Tratábase dunha contaminación por outro residuo diferente ao lindano, pero pona de exemplo porque teñen en común a contaminación das augas e a dificultade da súa limpeza. “A empresa Ercros, pertencente ao sector da industria química, estivo vertendo restos da súa produción, creo que fertilizantes, nestas augas. Alí había un encoro e acumulouse unha cantidade moi grande de residuo que aínda era máis difícil de limpar porque estaba no leito do río. Tiveron que illar esa zona para que quedara seca e retirar os lodos. Financiouse con fondos europeos”, sinala.

Avaliación do proceso

Está previsto que o proceso de descontaminación acabe a finais de 2025. Dende a Consellería aseguran que, ao rematar, realizarase un informe final para avaliar o resultado a través de laboratorios certificados. Segundo Serafín González, “o xeito máis claro de comprobar o resultado do tratamento serán as analíticas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a calidade das augas do río Louro. Unha vez se faga a descontaminación, se está ben feita, o que debería acontecer a curto-medio prazo é que se reduza a contaminación no río. Se eso non mellora, quererá dicir que o problema non se resolveu ben”.

1 comentario

  1. O colmo dos colmos sería que no se realizara un estudo epidemiolóxico na zona, para poder comprobar con rigor a prevalencia de certas enfermidades consideradas no estudo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha obra no río Miño afecta a dúas especies vulnerables e pon en alerta os ecoloxistas

A restauración dun caneiro en Acea de Olga, na cidade de Lugo, obriga a trasladar a dúas poboacións de bivalvos ameazadas

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas

As autoridades descoñecen os aditivos químicos dos plásticos un mes despois da vertedura

O único dato oficial sobre as bólas é que están feitas de polietileno, o plástico máis común, pero aínda non se sabe que outras substancias conteñen

A Xunta estuda a aplicación no Porriño do novo produto contra o lindano

A Consellería de Medio Ambiente inicia as negociacións coa empresa que comercializa o composto descontaminante