Riazor e as estacións de bus e tren de Ourense son os puntos máis ruidosos de Galicia

Un informe da Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático sinala o tráfico e o ocio como principais axentes de contaminación acústica

A contaminación acústica é unha das alteracións ambientais que afectan a poboación. As fontes de ruído habituais proceden do tráfico, do ocio, dos fenómenos meteorolóxicos e de actividades produtivas como as obras. Galicia foi unha das comunidades pioneiras en controlar este tipo de contaminación a través do establecemento de normas para previr, vixiar e reducir esta problemática, e coa fin de informar á poboación sobre este asunto. Así nace o Informe de Ruído Ambiental creado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para informar sobre a situación acústica anual. Os datos do ano 2023 conforman a novena memoria que publica a Administración Pública dende 2015, onde a Estación de Riazor (A Coruña) e as Estacións de autobús e tren (Ourense) son as claras portadoras do ruído.

Esta é unha problemática que repercute na calidade de vida dos cidadáns, pois a exposición continua ao ruído pode provocar diversos trastornos, tanto de tipo cognitivo na mocidade a través da alteración do sono, como de tipo arterial nos adultos. Deste xeito, un dos obxectivos do informe é recoller información para impoñer ordenanzas contra a contaminación acústica e establecer iniciativas educativas e de sensibilización para a súa prevención.

Publicidade

A Rede de Ruído da Xunta de Galicia dispón de dez estacións repartidas nas catro provincias. No informe tómase unha equivalencia aproximada entre as estacións e posibles zonas acústicas xenéricas, en función da súa localización e características acústicas. Con todo, establécese una clasificación orientativa entre a estación e o tipo de zona na que se atopa.

A problemática galega do ruído

A localización de cada unha das estacións é clave nos seus índices de ruído. ”Hai estacións que están en zonas de maior impacto acústico e outras que menos”, afirman dende Meteogalicia.

Publicidade

Estacións (Ourense) e Riazor (A Coruña) están situadas en zonas de alta densidade de tráfico, o que pode provocar o seu primeiro posto na escala galega do ruído. Con todo, son as que presentan un comportamento constante ao longo do ano. A actividade contaminante dáse de forma continua en Ourense, produto dos altos íncides de tráfico, igual que na Coruña. Mentres, no resto de estacións preséntase unha variabilidade mensual.

As estacións de Riazor (A Coruña) e Estacións (Ourense) localizadas no mapa. Foto: Informe de Ruído Ambiental 2023
As estacións de Riazor (A Coruña) e Estacións (Ourense) localizadas no mapa. Foto: Informe de Ruído Ambiental 2023

A Avenida Fingoi (Lugo) e o paseo de Coia (Vigo) pertencen ás zonas residenciais. A estación lucense reflicte unha diminución de actividade nos meses de verán, mentres que a viguesa ten os seus máximos durante xuño e xullo, a causa das festas do barrio celebradas ao longo dunha semana. Ante tal situación, o técnico afirma que “un evento festivo moi destacado nunha semana xeraría valores equivalentes ao tráfico ao longo de todo o ano”.

Tamén hai estacións en zonas verdes, como Campolongo (Pontevedra), Parque R. Sofía (Ferrol) e San Caetano (Santiago). Na primeira, a actividade acústica descende nos meses de verán. No caso de Ferrol, a estación mostra un aumento da contaminación nos meses de primavera, e unha das principais suposicións podería ser a súa contorna con presenza animal, ou “as actividades de mantemento do parque”. A estación de Santiago ten valores mensuais cunha alta variabilidade, cun pico no horario nocturno de xullo pola utilización da zona para festas.

Entre os puntos de protección especial por uso docente e cultural atópase a Estación de Campus, en Santiago de Compostela. Nesta localización, os máximos de 2023 concéntrase nos meses de setembro e outubro. Os fenómenos naturais máis extremos coinciden con estas datas, que incrementan os valores de ruído ambiental nos últimos meses do ano.

Mentres, as estacións das Eiras (Laza) e Rúa 9 (Lalín) estarían fóra desta clasificación como estacións de fondo urbano. En Laza, os últimos meses do ano diminúen os seus valores por unha posible ausencia de actividade natural.

Os principais resultados

Segundo o Informe de Ruído Ambiental 2023, os principais axentes de contaminación acústica son, seguindo a dinámica de anteriores resultados, o tráfico e o ruído de ocio. A redución do primeiro, especialmente nos vehículos máis ruidosos, e a regulación da velocidade de circulación, xunto a outros factores que afectan as estradas, son medidas de protección fronte ao ruído.

“É importante ter en conta os históricos, pois durante un ano unha estación pode quedar con índices máis altos debido a feitos ocasionais”, aclaran. Comparando os datos de 2023 con esta desviación histórica, obsérvanse melloras ou incrementos nos valores de ruído segundo o índice e a localización. O informe achega que o maior incremento dáse na estación de Campus (Santiago de Compostela), quedando fóra dos valores históricos. A Avenida Fingoi (Lugo) e San Caetano (Santiago) tamén incrementaron os seus valores, mais dentro dos históricos. O caso de Campolongo (Pontevedra) non mostra variacións. No resto de estacións que conforman a Rede obsérvanse variacións, pero sempre dentro desta medida histórica.

Aínda que calquera consideración en ruído ambiental debe abarcar períodos mínimos anuais, obsérvase en todas as estacións unha mesma ou similar tendencia mensual á dos valores históricos. Con todo, os datos do informe mostran a necesidade de “acadar uns niveis ruído ambiental que non poñan en perigo a saúde das persoas e melloren a súa calidade de vida”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas