Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos

Máis de vinte concellos galegos sofren unha praga de moscas. É un ‘boom’ poboacional que se está producindo en puntos espallados da comunidade e que desespera á veciñanza dende varios meses atrás. Polo momento, tan só hai un informe científico que achegue información sobre estes episodios recorrentes: é de Tomiño (Pontevedra) e realizouse o pasado novembro por parte da Universidade de Vigo. A análise esgrimiu que se trata da mosca doméstica e apunta que a falta de insectívoros —os depredadores—, entre outras cuestións, fomentan o aluvión dos insectos. Sobre os gromos actuais, o Catedrático de Zooloxía Salustiano Mato sostén que “veñen para quedar” polo cambio climático e que cómpre realizar un estudo científico en conxunto para corroborar que todos estes feitos tratan da mesma especie e coñecer a súa orixe.

A femia da mosca común ou doméstica pode depositar ata 180 ovos nun curso de tres a catro días. Cando hai frío, estes insectos non completan o seu desenvolvemento larvario. En cambio, cando sucede un cambio brusco de temperatura, eclosionan nunha gran cantidade. As pupas, eses pequenos sacos ovalados onde a larva se converte nunha mosca adulta, maduran todas ao mesmo tempo se os termómetros soben de golpe. Isto é o que está a contecer na actualidade, posto que a primavera é a época idónea para as pragas de moscas. “Cando vén un período frío, as poboacións volven baixar porque teñen un ciclo de vida curto”, explica Rosario Panadero, catedrática de Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC).

Publicidade

As altas temperaturas do pasado abril foron o perfecto caldo de cultivo para a reprodución dos insectos. As moscas tiñan pausado o seu desenvolvemento ata que, de súpeto, os termómetros na comunidade chegaron e superaron, nalgúns municipios, os 30 graos de temperatura. “En verán non hai este problema porque os valores están altos todo o tempo, é unha situación sostida”, apunta Panadero. Nos últimos anos, o concello de Tomiño arrastra este problema. As moscas reprodúcense e concéntranse. Como é un insecto que evolucionou asociado ao ser humano, aliméntase nos fogares e busca calor. Hai unha serie de circunstancias ambientais que se dan neste municipio pontevedrés, como a alta humidade, que poden ser unha causa da praga, pero non se poden estender ao conxunto dos concellos afectados.

A anticipación, a clave

A transformación dos ecosistemas favorece a que haxa máis moscas no conxunto, por exemplo, a perda de vexetación á beira do río. Así o desprende o informe realizado pola Universidade de Vigo sobre o episodio de moscas en Tomiño. “Na zona afectada, cando hai calor, non hai seca total, hai moita humidade e crea as condicións ideais para a cría destes insectos”, apunta Salustiano Mato. Da mesma maneira, os estercos mal traballados poden xerar un campo de cultivo para o ‘boom’ poboacional, e máis tendo en conta se o clima é seco e preceden días sen precipitacións. “Normalmente o desenvolvemento larvario orixínase cando hai materia orgánica acumulada, por exemplo en zonas rurais, cortellos, foxas de xurros ou follas en fase de composición”, explica Rosario Panadero. Por iso, incide na importancia de actuar nestes lugares para anticiparse. Se é demasiado tarde, aposta por medidas para interromper o ciclo.

Publicidade

“Existen disruptores do crecemento, que son insecticidas. Hai tratamentos biolóxicos, algúns son químicos e permiten deter as poboacións”, explica. No mesmo senso, o investigador da USC repara na importancia de ser “exquisitos” nas prácticas agrícolas, así como de elaborar unha guía de recomendacións para prever o aluvión de moscas. “Por exemplo, reconstruír o ecosistema para devolvelo ao equilibrio e evitar esta multiplicación nas poboacións, realizar prácticas de esterco, onde se composte o material e non vaia tan fresco”, explica. Para chegar a este punto, insta á colaboración cidadá. Iso si, apela á Xunta de Galicia para encargar un estudo que comprobe as distintas circunstancias que atañen os municipios afectados pola multitude de moscas e, a partir de aí, elaborar un plan que mitigue as masas de insectos.

De momento, Mato apunta que cando se dan uns episodios como os que suceden en varios municipios galegos hai que “agardar a que se vaian”, pero a clave está en tomar medidas anticipatorias, detectando o lugar no que emerxen e fumigar a zona, arar os campos e facer trampas de captación como invernadoiros, para atrapar as moscas e que non se trasladen a otros lugares. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) informou que os concellos afectados son: Narón, Bergondo, Coirós, Cerceda, Aranga, A Laracha e Teo, na provincia da Coruña; Paradela, Riotorto e Burela en Lugo; Muiños, Rairiz de Veiga, A Gudiña, A Teixeira, Vilamartín de Valdeorras, na provincia de Ourense; e Tomiño, Oia, Gondomar, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Silleda en Pontevedra.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM

A alimentación das vacas galegas xa non é un segredo: pódese trazar a través do leite

Investigadores galegos poñen a punto unha tecnoloxía capaz de discriminar os alimentos consumidos polas vacas a través de mostras da leite producida

As conas de vella voltan ás praias galegas

Aparecen novos exemplares deste molusco gasterópodo, cuxos varamentos aumentaron nos últimos anos e para os cales a ciencia aínda non atopa resposta