Unha tecnoloxía que permita analizar se o leite provén de vacas de pastoreo é posible? Esta é a mesma pregunta que se fixeron no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) no que, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), conseguiron obter unha tecnoloxía de discriminación da orixe alimentaria de mostras de leite en base á análise do espectro óptico das mesmas. Un traballo que, ademais, foi premiado co accésit no congreso europeo da European Grassland Federation (EFG) deste ano.
Un traballo con percorrido
“Esta investigación comezámola no ano 2015. Xa pasaron moitos anos, pero claro é que os inicios foron pouco a pouco”, comeza explicando Sonia Pereira-Crespo, investigadora do CIAM Mabegondo é a directora do proxecto “Technologies for the authentication of grass-based dairy milk samples”. “O que queriamos era dar co mellor método de trazabilidade e autenticación da orixe do leite, algo polo que cada vez hai máis interese, xa non só a nivel europeo senón incluso mundial. As persoas cada vez preocúpanse máis polo benestar dos animais e buscan que o leite proceda de dietas que inclúan pasto, porque iso quere dicir que as vacas están fóra”.
Xunto co interese polos animais, hai outros motivos para trazar a orixe do leite de vaca, explica Pereira-Crespo, xa que nas dietas con pasto, os estudos indican que o perfil lipídico —os ácidos graxos— e a cantidade de antioxidantes do leite son mellores, polo que este leite é máis saudable para as persoas.
“Iso non quere dicir que o leite que non procede de pasto sexa malo nin moito menos”, aclara Pereira-Crespo. “Simplemente o leite que provén de vacas que se alimentan de pastos frescos ten un perfil lipídico e un contido de antioxidantes máis favorable desde o punto de vista da saúde humana. Esta é a razón de que en Europa, e outros continentes, haxa cada vez máis interese nisto, e é o que no levou a nós a traballar neste proxecto tamén”.

A importancia de garantir a autenticidade dos produtos certificados
O proxecto colaborativo do CIAM tivo como obxectivo final a transferencia ao LIGAL dunha nova metodoloxía para trazar a orixe alimentaria das mostras de leite. “En particular, a idea é trazar a presenza, ou non, de pasto na dieta das vacas”, conta Pereira-Crespo. “Que sexa como unha posible ferramenta de apoio ao control da marca Leite de Pastoreo de Galicia”.
Isto é importante porque, como contan as responsables deste proxecto, en Europa as estratexias de certificación, como as denominacións de orixe protexidas, creáronse para dar apoio aos produtores locais coa intención de amparar os seus produtos ante posibles imitacións, así como evitar que se engane aos consumidores. Unha marcaxe de calidade ligada á forma de alimentar aos animais para diferenciar aqueles produtos procedentes de sistemas extensivos baseados no pasto.
“Nós o que fixemos é estudar tres metodoloxías para ver cal se adapta mellor ao análise de rutina do leite que fai o LIGAL”, aclara Pereira-Crespo. “Esta tecnoloxía despois está a disposición do sector e da Consellería de Medio Rural, que é a que regula o Leite de Pastoreo de Galicia, para que a implemente como queira”.
Tres metodoloxías ata atopar a máis axeitada
Para atopar a tecnoloxía máis eficaz e con menos custo para analizar o maior número de mostras de leite, desde o proxecto de investigación estiveron traballando varios anos e probaron tres metodoloxías distintas: a cromatografía de gases, a tecnoloxía NIRS e a tecnoloxía FT-MIRS.
“Estivemos traballando varios anos ata dar coa mellor opción para a análise de rutina do LIGAL. A primeira metodoloxía foi a cromatografía de gases”, explica Pereira-Crespo. “Trátase dunha técnica que require bastante tempo e o uso de contaminantes reactivos. Ademais é bastante cara, esixe moita man de obra especializada e é, das tres, a que menor porcentaxe de acerto ten, un 90%”.
Un vez experimentado coa cromatografía que se centra na presenza de certo ácidos graxos no leite, o equipo de Pereira-Crespo decidiu probar técnicas rápidas de espectroscopía no infravermello, que son técnicas que non producen contaminantes reactivos.
Física aplicada á leite
“Neste caso avalíanse dous tipos en función da lonxitude de onda. É dicir, son dúas técnicas de espectroscopía de infravermello”, conta Pereira-Crespo. “Unha é próxima e outra é do espectro medio coa transformada de Fournier. Sen meterme en moitos detalles, son basicamente dúas técnicas diferentes unha é NIUS e outra FT-MIR”.
Pereira-Crespo explica que primeiro probaron a NIRS. Esta técnica tivo unha porcentaxe de acerto do 94% e ten un custo máis baixo que a cromatografía porque non necesita reactivos. Con este método, pódense obter resultados en 24 horas. Con todo, á hora de aplicala a análises de rutina do LIGAL, concluíron que non era a axeitada porque o LIGAL esixe aínda máis rapidez.
“Imaxínate o número de mostras de mostras de leite que poden chegar ao LIGAL ao día”, reflexiona Pereira-Crespo. “Polo tanto, precisabamos algo máis rápido. Neste casos pensamos nos equipos FT-MIR, que son robotizados”.
Incorporar a análise á rutina
A espectroscopía FT-MIR trátase dun método rápido, fiable, de baixo custo, sen uso de reactivos químicos contaminantes e adaptado ao manexo de grandes números de mostras. Ademais, contan desde o proxecto, xa se usa de maneira rutinaria para medir diferentes compoñentes do leite, e nos últimos anos tivo novas aplicacións que permiten determinar novos parámetros de interese e características relacionadas coa calidade do leite, como a orixe alimentaria —leite de pastoreo—, perfil de ácidos graxos, produción de metano e a detección de estados fisiolóxicos da vaca —xestación, desequilibrios nutricionais…—.
“Este método ten unha 96,9 porcentaxe de acerto e é moi rápido”, resume Pereira-Crespo. “Ademais, noutro proxecto colaborativo CIAM-LIGAL titulado “LEME (Leite-Metano entérico: Novas tecnoloxías para a estimación das emisións entéricas de metano en vacas de leite”, aplicamos a tecnoloxía FT-MIR para a estimación das emisións de metano entérico en vacas mediante a análise de mostras de leite e os resultados confirmaron que a metodoloxía FT-MIR permite detectar diferenzas e clasificar en rangos de emisión de metano entérico. Con todo, o modelo de predición obtido debe ser obxecto de mellora, debería contar cun sistema automatizado tipo GreenFeed, para posibilitar a súa incorporación ás rutinas analíticas do LIGAL”.
Un traballo premiado
A importancia deste traballo tamén foi recoñecida polo congreso europeo da European Grassland Federation (EFG). Un congreso que se celebra cada dous anos e que recolle todos os grupos que traballan en temas de pastos enfocados principalmente á produción de ruminantes.
“Levamos asistindo diferentes anos, tanto nós como outros grupos de investigación do CIAM de Mabegondo”, explica Pereira-Crespo. “É un congreso moi concorrido onde se presentan moitos traballos e, de maneira sorpresiva, o noso foi premiado co accésit. A verdade é que estamos moi contentos porque é algo no que levamos traballando desde o 2015, como che dicía, e que implicou moito traballo de campo, moito laboratorio, moitos ensaios de alimentación… Requiriu moito tempo”.
Pereira-Crespo recalca tamén a importancia dun premio como este xa que implica que, desde Europa, recoñécese o bo traballo e a interese que ten este proxecto, que pode ter unha aplicación clave no sector leiteiro. E, máis aínda, vindo de Galicia, unha comunidade que produce o 40% do leite do estado español e que está nos primeiros dez postos de produción leiteira en Europa.















Boa tarde:
No enlace da noticia enviada por correo ainda nom corrixistes o castelanisno “a leite” e no artigo pon : “física aplicada á leite”.
Ou sexa, máis do mesmo, e os tradutores mal pagos e/ou no desemprego.
Saúde!
Alexandre
O leite é xénero masculino