Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos

Hai datos que, cando se mostran xuntos, sorprenden. Segundo o último informe do Sergas sobre condutas de risco na poboación, o 49% dos galegos consideran ter un bo estado de saúde. Porén, 1 de cada 7 enquisados consome alcol a diario. O 27% da poboación de 16 anos en diante está en risco de ter mala saúde mental, e o 37% tomou nalgunha ocasión tranquilizantes. Entre as persoas que din que tiveron depresión (2 de cada 10 galegos), o consumo destes fármacos chega ata o 78% dos casos. Isto reflicte como, aínda que as problemáticas en torno á saúde mental estean gañando importancia, aínda non as consideramos á hora de falar da nosa saúde, que só interpretamos como saúde física.

Tras a pandemia causada polo virus do SARS-CoV-2, quedou en evidencia unha problemática social cunha prevalencia inimaxinable na poboación, que permanecera silenciada durante demasiado tempo. A epidemia da saúde mental non discrimina, nin por idade, nin por sexo, aínda que si hai colectivos máis vulnerables.

Publicidade

Unha epidemia que non discrimina

Os datos facilitados polo SICRI (Sistema de información sobre condutas de risco) amosan que o consumo de tranquilizantes é máis frecuente nas mulleres: no momento no que se fixo a enquisa, para a cal utilizaron unha mostra de 7.896 individuos, o 46% delas admitira que tomara algunha vez na súa vida tranquilizantes, relaxantes ou pastillas para durmir. De feito, o 26% das mulleres enquisadas fixéseo no último mes. No caso dos homes, o 26% tomou en algunha ocasión estes fármacos, e o 12% fíxoo no último mes. O informe sinala que esta porcentaxe é máxima no grupo de 45 a 64 anos, tanto en homes como en mulleres.

Gráfico do informe do SICRI que amosa a porcentaxe de persoas que consumen tranquilizantes ou teñen depresión. Fonte: Sergas.

A depresión tamén estaría afectando máis ás mulleres, segundo o informe do Sergas: o 27% declarou que ten o tivo depresión, fronte ao 12% de homes. De novo, a prevalencia é maior nas persoas de 45 anos para adiante.

Publicidade

Unha cuarta parte dos galegos está en risco de ter unha mala saúde mental, segundo os datos recollidos polo SICRI: a porcentaxe é maior nas mulleres e diminúe coa idade, o cal podería indicar que a xente máis nova está máis sensibilizada e percibe máis o estado da súa propia saúde.

Doutra banda, este colectivo tamén é o que máis se automedica segundo outra enquisa feita no ano 2022 por Eurostat: case o 12% da poboación de entre 15 e 24 anos emprega tranquilizantes, relaxantes e pastillas para durmir sen ter unha receita médica que o indique.

O alcol, factor de risco máis prevalente en Galicia

Outra conduta perigosa, aínda que non se perciba como tal en moitas ocasións, é o consumo de alcol, e aquí os datos amosan unha problemática de adicción que estaría a afectar a todas as franxas de idade: un de cada sete galegos, o 14%, di beber alcol a diario ou case a diario. Neste caso, a prevalencia do consumo é moito máis alta nos homes (un 21% fronte ao 7% de mulleres). O consumo podería ser incluso maior, afectando ao 20% da poboación segundo outro estudo feito por investigadores da USC.

Consumo de alcol dos galegos nas últimas catro semanas, no momento no que se fixo a enquisa. Fonte: Sergas.

Na actualidade, o consumo de alcol é o factor de risco máis prevalente en Galicia, e non semella que esta tendencia estea a cambiar nas novas xeracións: 6 de cada 10 mozos declararon que consumiran alcol no último mes no momento no que se lles fixo a enquisa (dende outubro ata novembro do ano pasado).

No informe, o Sergas indica que o 4% da poboación presenta un consumo de alcol de risco segundo a proba AUDIT (Alcohol Use Disorders Identification Test) da OMS: esta sinxela proba de dez preguntas determina se o consumo dun individuo pode ser considerado perigoso.

A quinta comunidade con máis persoas obesas

“Menos da metade dos galegos teñen o peso axeitado”: así de contundente é o informe do Sergas. O 17% da poboación de 16 anos en diante é obesa, mentras que o 37% ten sobrepeso. O exceso de peso é máis común nos homes (o 60% deles non está no seu peso), e aumenta coa idade. En marzo deste ano un estudo da USC constatou que Galicia é a quinta comunidade con maior prevalencia de obesidade.

O 7% das mulleres de entre 16 e 24 tamén amosan unha problemática co seu peso, pero xusto dun xeito contrario: atópanse por debaixo do Índice de Masa Corporal considerado como saudable.

Un de cada dous galegos destina cartos aos xogos de azar

O informe do Sergas tamén identifica como conduta de risco o feito de gastar cartos en xogos de azar como a lotería, as máquinas comecartos ou as aspotas por internet, e máis da metade dos galegos declararon facelo no último ano. Neste eido os maiores consumidores son os homes de entre 45 e 64 anos. Porén, nas apostas por internet e no emprego de máquinas comecartos o público obxectivo é o máis novo, de entre 16 e 24 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa