Graziella Almendral é contundente: a desinformación está gañando a batalla mediática e social. A presidenta da Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS) pide que os medios de comunicación destinen máis espazos onde falar de benestar e, sobre todo, de prevención. É dicir, que non haxa que lembrar a importancia de noticias verídicas, rigorosas e autorizadas só cando hai unha emerxencia, como aconteceu coa pandemia por SARS-CoV-2 da que, segundo Almendral, se puido aprender moito máis.
A xornalista participou o venres na xornada Saúde global en tempos complexos: inmunización, información e novos desafíos; unha iniciativa celebrada pola farmacéutica Zendal no Porriño co gallo da Semana Mundial da Inmunización. Xunto a Almendral participaron a especialista en comunicación en emerxencias sanitarias Suzanne Kerba; a experta en saúde global con traxectoria na Organización Mundial da Saúde (OMS) Ljubiša Latinović; e o eurodiputado Nicolás González Casares.
Falamos con Almendral sobre os retos dun mundo en constante cambio e das ameazas que supón o uso da intelixencia artificial e as redes sociais para o xornalismo sanitario.
—Vivimos tempos complexos para a saúde global?
—Si, vivimos un momento de grandes desafíos para a saúde global. Por exemplo, achegámonos máis á natureza e establecemos contacto con animais salvaxes. Isto, por unha banda, parece bucólico, pero tamén é unha forma de expoñernos a axentes infecciosos. Tamén nos movemos cada vez máis e podemos contaxiarnos dunha enfermidade nun lugar concreto e desenvolver síntomas ao chegar a destino. Son moitos factores que non teñen que ser necesariamente unha ameaza, senón que nos deben ensinar a estar preparados. Temos que saber que unha infección, en calquera parte do globo, é un desafío para o mundo enteiro. Por iso debemos desenvolver plans de coordinación e resposta ante novas enfermidades e ameazas sanitarias.
—Non deberiamos estar xa preparados? Hai seis anos vivimos unha pandemia por mor do SARS-CoV-2. Canto aprendimos?
—Gustaríame dicir que a covid foi un antes e un despois en canto á preparación fronte a futuras pandemias e novos retos sanitarios, pero creo que avanzamos moi pouco. É certo que se fixeron e se están a facer moitos esforzos para potenciar a produción de vacinas en todas as partes do mundo e para que, moitos países, non sexan dependentes. Pero en España tamén houbo moitos retos. Fixéronse investigacións moi boas en vacinas e medicamentos que non saíron adiante nin recibiron apoio, así que deberiamos mirarnos internamente. O que fai falla é unha revisión sincera e honesta da xestión que houbo para saber en que debemos mellorar, que temos que aprender, que fixemos ben e que fixemos mal para que non volva suceder.
—Vostede menciona as vacinas e é imprescindible recordar que en xaneiro, a OMS declarou que España xa non é un país libre de sarampelo. Unha enfermidade que, en certo modo, xa se cría bastante superada.
—A vacinación é fundamental. A primeira mensaxe é que, cando o virus non está presente, é porque adoita haber unha cobertura o suficientemente ampla como para que non se produzan gromos. O sarampelo, ademais, é un vello virus co que aínda non conseguimos acabar, pese a ter unha vacina boa, efectiva, barata, e con coberturas altas de vacinación en moitos países, incluído España. É certo que noutros estados están a baixar e, cando isto sucede, o sarampelo reaparece. En primeiro lugar, temos un problema grave de desinformación en vacinas, especialmente en Estados Unidos, e tamén en España. E, en segundo, cando hai bolsas de poboación que non se vacinan, isto favorece a aparición de novos casos. A mensaxe, polo tanto, é sempre a mesma. Cando hai unha boa cobertura vacinal fronte ao virus, o virus está controlado. E isto é o que, máis ca nunca, debemos recordar.
De todos modos, creo que informamos moi pouco sobre vacinas. Sempre nos centramos moito na inmunización infantil, que é fundamental nos centros de saúde, pero non tanto nos adultos. Se a moitos nos preguntasen de que nos vacinamos ou que recordatorios temos pendentes, teriamos que facer un repaso da nosa situación. O problema está en que a prevención non vende. Falamos de saúde cando hai unha emerxencia, un problema ou un gromo, pero poucas veces temos espazo para falar de prevención; e as vacinas son prevención. Temos que falar de vacinación porque non hai un investimento máis seguro, barato e eficaz.
Non hai un investimento máis seguro, barato e eficaz que a vacinación
—Isto require, por tanto, de máis coordinación coas administracións e, tamén, de máis espazos para informar sobre saúde. Como se conseguen?
—Se non temos un espazo onde informar, non informamos. Os xornalistas especializados en saúde teñen moi pouco sitio onde falar. Cada vez vemos que hai máis noticias previamente compradas e que se dirixen, sobre todo, a tratamentos e non a prevención. Debemos facer un repaso moi grande da situación que temos agora mesmo nos medios de comunicación. E temos que repetir, unha e outra vez, que os xornalistas de saúde son vulnerables. En xeral, todos os xornalistas, pero os de saúde adoitan ser freelance, e estar mal pagados, polo que isto inflúe na información que damos. Debemos chamar a atención sobre isto, volver a ter espazos e un bo equipo de xornalistas especializados. A desinformación está gañando e nós imos por detrás.
—O último informe do Foro Económico Mundial sitúa a desinformación como o segundo reto máis preocupante nos próximos dous anos, por enriba das guerras e dos cambio climático. Como se afronta?
—É un tema moi serio que vai ter impacto en todas as áreas da sociedade e, por suposto, na saúde. Para combater iso, os medios de comunicación teñen que estar á vangarda, na primeira liña.
—Nas últimas semanas, a principal cobertura informativa é a guerra en Oriente Medio.
—Si, hai moita preocupación mediática pola situación política e pola polarización, por suposto. E non só en España, senón no mundo enteiro. Pero en España, os dous desastres que máis vítimas provocaron foron as dúas últimas pandemias: a de gripe de 1918 e a covid. Non sei por que o esquecemos. É como se precisaramos pechar a porta e meternos outra vez na dinámica da política. Pero o que máis dano provoca, incluído o punto de vista económico, son as pandemias, e tivemos dúas en apenas 100 anos.
O que máis dano provoca, incluído o punto de vista económico, son as pandemias
—Cando hai sucesos traumáticos, parece que queremos esquecer o vivido. Pero da covid hai apenas seis anos.
—Si, exacto. E a poboación quedou con moitas dúbidas. Por que xa non se fala diso? Entendo que nos medios de comunicación privados non podemos facer nada, pero que acontece cos públicos? Estámolos pagando entre todos. Ao mellor, a poboación precisa espazos de saúde para falar de forma relaxada e que non todo vaia en base a un titular, a gromos e a informacións misteriosas, que é para o que nos chaman. Deberiamos falar, simplemente, de saúde e benestar, con información boa, acreditada e que a xente entenda. Hai que contribuír a unha cultura de información específica sanitaria para que, cando chegue unha nova emerxencia, a cidadanía teña as súas propias ferramentas educativas e poida distinguir se unha información é correcta ou non. Para que entenda como funciona a ciencia e que non desconfíen dela.
Na BBC, por exemplo, teñen, por lei, un espazo dedicado á divulgación científica médica. Goberne quen goberne o país. Grazas a iso, a información vai chegando de forma continua á poboación de xeración en xeración.
—Sobre como nos informamos en saúde, un estudo recente apuntaba que o 50% das respostas médicas que ofrece a IA son imprecisas ou perigosas. Pero hai que recoñecer que cada vez máis, sobre todo a xente nova, acode a esta fonte. Por que?
—Cando imos ao médico, hai unha presión asistencial tan grande que ás veces as consultas son demasiado rápidas. Adoitas ir emocionalmente afectado, con medo. Se de repente che dan datos rápidos, ás veces necesitas buscar máis, e acodes ao que sexa máis fácil e accesible. Isto é un chamamento para que os pacientes poidamos saír da consulta con información clara e, se non hai tempo, que se ofrezan referencias onde se poida buscar información. Non debería ser tan difícil.
Un proxecto que desenvolvimos foi darlle boletíns semanais a profesionais sanitarios con rumores que circulaban entre a poboación, que confía máis nos médicos que nos xornalistas. Se o profesional sabe que noticias falsas circulan, cando chegue un doente con esas dúbidas, vai estar preparado porque saberá que é o que está acontecendo na sociedade.
—Falamos de intelixencia artificial, pero que acontece coas redes sociais? Adoitan ser contidos de consumo moi rápido e viral, e non sempre veñen de fontes autorizadas.
—Os algoritmos benefician informacións que non adoitan ser as máis verídicas, serias e rigorosas. Axudan a que se difundan e propaguen desinformacións a toda velocidade. Unido a isto, hai un grande aumento de influencers que non son todo o serios que me gustaría. Non debemos caer no discurso de que, ou todo vale ou non vale nada. Temos que seguir loitando por facer informacións máis atractiva, que cheguen á maioría da poboación, sobre todo aos máis novos, pero sempre utilizando contido rigoroso. Eu traballo no mundo dos documentais e os formatos van evolucionando, e agora adoitan ser de varios capítulos. Hai que cambiar pero sen perder nunca o norte.
—Vostede é presidenta de ANIS e, hai uns meses, celebraron unha xornada co Ministerio de Sanidade na que sentaron as bases para unha estratexia nacional de desinformación en saúde. En que estado está o proxecto?
—Pola nosa parte, cumprimos co dito. Nós queremos un plan a nivel nacional, pero coordinado. Cremos que, se non nos poñemos de acordo, á velocidade que vai a desinformación, vainos gañar. Pero non recibimos unha resposta positiva por parte do Ministerio para crear este plan nacional de loita contra a desinformación. Seguiremos pedíndoo, tal e como fixo Escocia, que si ten un programa. Se non o facemos, seguirán aparecendo iniciativas boísimas, pero todas descoordinadas.
A desinformación en saúde é un problema de seguridade nacional
—Cales son sas liñas centrais do plan escocés que se poderían replicar en España?
—Unha delas é preparar á poboación fronte á desinformación e iso pasa por desenvolver estratexias nos colexios, pero tamén coa poboación xeral e cos profesionais sanitarios. Escocia elaborou un plan moi grande para que toda a poboación se prepare e se eduque para loitar contra a desinformación en saúde, que é un problema de seguridade nacional. En Escocia, como pasa en España, este tipo de noticias falsas socavan a confianza en todos os poderes políticos e nas decisións que se toman dende o Estado. Deberiamos replicalo aquí, pero necesitamos que alguén o lidere, e ese debe ser o Ministerio de Sanidade.
















Somos así… Botámoslle a culpa ás vacinas pero moitos xa naceron terrraplanistas, retrasados/as, unineuronais