As imaxes aéreas captan con precisión o ton vermello escuro da balsa de lodos de San Ciprián, unha inmensa masa de residuos tóxicos cunha capacidade de 42 hectómetros cúbicos, o equivalente a 16.800 piscinas olímpicas. O complexo industrial de Alcoa, situado a poucos quilómetros, verte alí os refugallos da súa actividade centrada na produción de aluminio. O depósito de lodos está agora mesmo en ampliación para acadar catro metros máis de altura e chegar aos 104. A actuación prevé finalizar este ano, pero Alcoa xa quere poñer en marcha un novo aumento da capacidade da balsa. Pretende chegar aos 110 metros, o que suporía 5 millóns de metros cúbicos adicionais de almacenamento. O informe está agora mesmo en exposición pública, pero xa hai voces disonantes que advirten dos riscos desta proposta.
Que conteñen os lodos?
Os lodos vermellos son residuos xerados durante a produción de alúmina a partir da bauxita, unha rocha sedimentaria que supón a principal fonte de aluminio do mundo. O proceso industrial polo que se extrae denomínase Bayer e xera ata dous quilos de lodos por cada quilo de alúmina, a materia prima utilizada na produción de aluminio primario. Estes refugallos son cualificados de “perigosos, corrosivos e irritantes”, segundo a definición do edafólogo Serafín González, investigador da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
A doutora en Ciencias Biolóxicas da Universidade de Santiago (USC)María Fernández Sanjurjo coincide en que son “residuos corrosivos” polo seu elevado pH, debido á utilización de sosa cáustica durante o proceso de obtención de alúmina. “Presenta tamén elevados valores de certos metais como cobre, cromo e níquel, que superan os límites regulamentarios galegos para a protección da saúde humana”, sinala. Amais disto, a profesora da Escola Politécnica Superior de Lugo pon o foco na presencia de certos elementos radioactivos que contén a balsa:”Presentan concentracións sobre 10,6 e 13 veces superiores aos valores medios mundiais; valores que superarían os límites permitidos para a saúde humana se atendemos a diferentes estudos realizados en centro Europa”, apunta.
Balsa ata 2035
O último proxecto para o aumento da capacidade do depósito vai acompañado dun informe de impacto ambiental e un plan de restauración. O obxectivo é aumentar a vida útil da balsa de lodos ata 2035 e, tras esta data, pechar o depósito. Alcoa defende que se manterá unha estreita vixilancia durante os 30 anos seguintes ao cesamento da actividade da balsa, que irá acompañado dun plan de rexeneración da zona. Non obstante, hai voces escépticas. O xeólogo Óscar Pazos pregúntase: “Que ocorrerá se pecha a empresa? Deixarán un pasivo ambiental que é unha bomba”.
“A situación é moi perigosa. A estabilidade da balsa está no límite, segundo as probas que remite a propia empresa, que sempre xoga ao seu favor”, remarca o experto. Insiste en que, agora mesmo, a seguridade está garantida polas drenaxes que permanecen en activo e polo control das augas; é dicir, pola vixilancia que exerce Alcoa. Porén, a preocupación do xeólogo está no futuro e na falta de plans definidos para a xestión duns lodos tóxicos e perigosos. “A ampliación do depósito é para seguir producindo. Necesitan máis volume para verter máis material. O problema é que a acumulación de residuos é cada vez máis grande e, polo tanto, o risco é maior”, advirte.
Minaría secundaria
Para Pazos o problema non radica só na ampliación da balsa, senón en supostas filtracións denunciadas pola veciñanza e na contaminación, incluso aérea, que se pode derivar dos lodos. Para Serafín González, a situación tamén debe analizarse dende varios prismas, pero a súa posición é contraria á ampliación do depósito. “Habería que aplicar unha estratexia para reducir a cantidade de residuos, non para aumentala”, sinala. E aposta polo concepto de “minaría secundaria”, é dicir, a extracción de metais e terras raras duns lodos que, inicialmente, se consideran refugallos.
“Malia as dificultades polas súas características intrínsecas, os lodos vermellos poden aproveitarse na produción de materiais de construción, absorbentes, cerámicas e catalizadores”, sinala a SGHN nunha nota de prensa. Segundo datos da entidade, extraídos do informe de impacto ambiental, os lodos da balsa de Alcoa conteñen de media un 34,9% de ferro, un 7,5% de aluminio e un 3,5% de titanio. “Case a metade da masa son metais de interese. Debería de facerse un investimento para mellorar a eficiencia e para reaproveitar os refugallos”, sostén González. Polo tanto, a posición do edafólogo é clara: apoia os reforzos dos diques, pero non a ampliación da cota. A oposición ao proxecto é compartida por Fernández Sanjurjo, quen considera unha “evidente irresponsabilidade ambiental” o aumento da capacidade da balsa.
Cada vez máis residuos?
Unha das principais denuncias de González é unha produción de residuos cada vez máis elevada. “Dende a privatización da empresa, xéranse máis do dobre de refugallos ao ano”, sostén, en alusión ao cambio de titularidade producido en 1998, cando o complexo industrial pasou a mans de Alcoa. Dende a SGHN aseguran que faltan datos oficiais que permitan analizar en detalle a situación e establecen unha hipótese: que se emprega bauxita de menor pureza e, polo tanto, máis barata. Isto produciría máis beneficio para empresa, pero tamén máis residuos.
Dúas fallas próximas
Outro dos aspectos sobre os que González pon o foco é no mapa xeolóxico do enclave. O edafólogo sinala que tanto o dique principal como o de cola atravesan perpendicularmente unha falla, e que hai outra moi próxima. Malia que o risco sísmico da zona é baixo, dende a SGHN alertan: “As actividades humanas como a construción de encoros poden provocar desprazamentos en fallas preexistentes, co risco conseguinte para a estabilidade do depósito de lodos vermellos de Alcoa”. Pola súa banda, Pazos coincide en que son fallas “moi vellas” e de baixo risco sísmico. Porén, a preocupación que suscitan para el é outra: “A través delas hai circulación de auga e o material está moito máis meteorizado”.
Riscos da balsa
Os expertos coinciden en sinalar os riscos do depósito, tanto polos seus elementos tóxicos como polo seu volume. O Plan de Emerxencia de Alcoa, citado pola SGHN, cualifica como “accidentes graves” a rotura do dique principal, que afectaría cinco núcleos habitados e a capa de lodos acadaría ata os 30 metros de altitude na praia do Lago. Se quebrase o dique de cola pola zona central, habería tres poboacións afectadas, así como as naves do porto de Morás. Se o problema estivese no extremo occidental, o núcleo damnificado sería o de Portocelo, tras atravesar a estrada LU-P-2607.
“Descoñecemos a probabilidade de rotura da balsa porque non temos estudos, pero o problema non está só nos elementos tóxicos, senón no enorme volume. É unha monstruosidade. Se fose barro limpo e non lodos vermellos, baixaría con moita forza e afectaría as vivendas da zona, as industrias, a acuicultura… Tamén impactaría no sector pesqueiro e no medio ambiente. Imaxinemos agora que son elementos tóxicos, con maior efecto corrosivo”, reflexiona González. E esixe, igual que Pazos, un plan efectivo para a balsa. O propio edafólogo advirte que se chega o 2035 e a empresa non ten onde botar os residuos, o futuro da planta non podería ser outro que o peche.
Fernández Sanjurjo explica que se transportan ao ano 1,5 millóns de toneladas de lodos dende a fábrica de Alcoa ata a balsa. Non só se realiza mediante tubaxes, senón tamén con camións que chegan por unha estrada comarcal. “Trátase dun inmenso pantano vermello, o maior contedor de residuos perigosos ao aire libre de España. Ao ser aberto, é frecuente que o po seco do barro se espalle co vento, favorecido polo seu fino tamaño de grao”, apunta. E coincide con que existen filtracións da balsa, igual que denuncia a veciñanza, sobre todo cando o depósito recibe auga de chuvia.
O accidente de Hungría
A profesora da USC advirte que a potencial rotura da balsa tería “consecuencias desastrosas” e lembra accidentes recentes en balsas menores que as de San Ciprián. Un dos máis impactantes ocorreu o 4 de outubro de 2010 na localidade húngara de Ajka. Rompeu un dique e liberou arredor dun millón de metros cúbicos de lodos vermellos, como os que almacena Alcoa a un paso do Cantábrico. Arrasou coas localidades próximas e causou 10 mortes e arredor de 150 feridos. “Na maioría de accidentes, as empresas botan a culpa da rotura a causas externas, principalmente ás fortes chuvias puntuais”, sostén. Se consideramos este factor, entón temos que ter em conta que o cambio climático, como o indica a comunidade científica, non so fará que os fenómenos de fortes choivas sexan mais frecuentes, senón tamén mais extremos.
A posición de Pazos, González e Fernández Sanjurjo mantense na cautela e na precaución, e poñen énfase na importancia dun plan de futuro para o que cualifican de “pantano vermello”, “bomba” e “monstruosidade”. A profesora da USC é clara: “Hai que buscar unha saída a estes lodos e pechar definitivamente o depósito con todas as garantías medioambientais”. Unha frase que parece resumir o sentir común das voces expertas que mostran a preocupación por unha balsa de lodos inmensa e perigosa aos pés do Cantábrico.












