A Carta Xeométrica de Galicia, elaborada polo matemático Domingo Fontán, foi vendida por 7.500 euros nunha poxa celebrada este mércores en Madrid. O prezo alcanzou o tripo da estimación inicial da casa Abalarte, que establecera un prezo de saída de 2.500 euros. Polo momento, descoñécese a identidade do comprador, pero incorporará á súa colección este primeiro mapa científico do Estado, a obra magna que consolidou a Fontán como experto en cartografía tras 17 anos de traballo, desenvolvidos entre 1817 e 1834.
Segundo explica Abalarte na súa páxina web, o exemplar vendíase enmarcado e presenta danos na parte superior, aínda que iso non impediu que alcanzase un prezo acorde ao seu valor histórico. A carta foi editada en París en 1845, cunha primeira tirada de 550 exemplares: 500 entregáronse ao Goberno e 50 foron destinados a políticos galegos residentes en Madrid. Posteriormente, en 1849, Fontán encargou unha segunda tirada doutros 550 exemplares.
Un mapa único, sen precedentes
A precisión con que Domingo Fontán logrou cartografar Galicia a mediados do século XIX sorprende aínda hoxe, dado que levou a cabo este inxente traballo da man dun estreito número de colaboradores pero, sobre todo, do método científico. Tal foi a exactitude, que o matemático identificou o 98,9% das parroquias da época, segundo a tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso. De igual modo, recolleu 8.533 topónimos entre vilas, montes, cabos, muíños, aldeas… Fontán logrou un auténtico fito baseándose nos coñecementos que lle transmitira o seu mestre, o matemático Rodríguez.












