A Academia de Ciencias lembrará o vindeiro luns a Domingo Fontán

A Real Academia Galega de Ciencias celebrará o vindeiro luns, 8 de outubro, o Día da Ciencia en Galicia, no que se fará homenaxe a Domingo Fontán, o autor da Carta Xeométrica de Galicia. O Pazo de San Roque de Santiago de Compostela acollerá o acto académico, mais non será a única cita dunha xornada chea de actividades, que tamén se estenderán aos vindeiros meses, para dar a coñecer á sociedade galega a figura do ilustre cartógrafo, autor do primeiro mapa topográfico de Galicia e o que foi, durante moito tempo, o único do territorio español realizado con criterios científicos.

Domingo Fontán, retratado ao óleo por Antonio María Esquivel.
Domingo Fontán, retratado ao óleo por Antonio María Esquivel.

Así, a Academia de Ciencias coordina tamén unha exposición sobre os once científicos homenaxeados ata agora pola entidade. A mostra, que será inaugurada ás 19 horas do vindeiro luns, poderase ver ese mesmo día no claustro de San Roque, e posteriormente percorrerá varios centros educativos.

Publicidade

No mesmo acto, o xornalista e director do programa Efervesciencia da Radio Galega, Manuel Vicente, recibirá tamén o Premio Galicia de Xornalismo Científico, convocado pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Vicente foi recoñecido co galardón grazas á reportaxe “Ondas gravitacionais que soan en galego“.

E o mesmo día 8, pola mañá, , o Concello de Santiago colocará nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal unha praca na honra de Domingo Fontán, que se sumará á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores.

Publicidade

Unidade didáctica

Ademais, grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia unha unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado do matemático e humanista pontevedrés.

Tamén no eido educativo, o Club de Ciencias do Colexio Compañía de María de Ferrol anunciou a súa intención de secundar a partir deste ano a celebración do Día da Ciencia en Galicia dedicándolle ao científico homenaxeado a súa Semana da Ciencia.

O evento, que este outono alcanza a súa décima edición, incluirá charlas e experimentos preparados polos alumnos e alumnas sobre Fontán. O acto académico do 8 de outubro contará coa presenza dun grupo deles, invitados pola Academia.

A homenaxe a Fontán tamén se estendeu nestes meses ao seu municipio natal, onde a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán celebrou o pasado mes de abril un acto de homenaxe. Ademais, o Concello de Redondela acolleu durante o mes de xullo unha exposición cartográfica dedicada a Fontán que itinerará polos centros escolares do municipio durante os vindeiros meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia