Un orixinal da Carta Xeométrica de Galicia elaborada por Fontán sae a poxa en Madrid por 2.500 euros

O matemático consagrou 17 anos da súa vida para crear o primeiro mapa científico do Estado, que colocou o territorio galego na vangarda da cartografía

O mércores 11 de marzo ás 17 horas celebrarase unha poxa na casa madrileña Abalarte. Non sairá ao mercado unha peza calquera, senón un exemplar orixinal da Carta Xeométrica de Galicia. É dicir, o primeiro mapa científico do Estado que colocou o territorio galego á vangarda da cartografía. Foi elaborado polo matemático Domingo Fontán, que consagrou 17 anos de traballo intenso —entre 1817 e 1834— á súa obra magna. O orixinal, que está danado na parte superior, poxarase en Madrid por un prezo de saída de 2.500 euros.

Un científico pioneiro

Segundo explican dende a Abalarte, o exemplar que sairá o mércores ao mercado é un dos 550 da Carta Xeométrica de Galicia editados por Louis Bouffard en París entre 1838 e 1845. Son medio milleiro de gravados litográficos que mostran por completo o gran mapa topográfico de Galicia. Do total, a inmensa maioría foron entregados ao Goberno, mentres que 50 deles foron destinados a políticos galegos que residían en Madrid. En 1849, Fontán encargou unha nova tirada con outros 550 exemplares.

“O mapa elaborouse mediante unha rigorosa malla triangular baseada en medicións xeodésicas, tomando como punto de referencia a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago”, sinala a páxina de presentación do exemplar da sala Abalarte. Amais de ser o primeiro mapa científico de España, tamén foi un pioneiro no uso do sistema métrico. Tal foi a fazaña de Fontán que presentou a súa Carta Xeométrica ante a raíña María Cristina. “Esta obra tivo unha enorme importancia para o desenvolvemento de Galicia, ao servir de base para a organización do territorio e dos seus recursos”, indica a web.

Unha precisión sen precedentes

A precisión con que Domingo Fontán logrou cartografar Galicia a mediados do século XIX sorprende aínda hoxe, dado que levou a cabo este inxente traballo da man dun estreito número de colaboradores pero, sobre todo, do método científico. Tal foi a exactitude, que o matemático identificou o 98,9% das parroquias da época, segundo a tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso. De igual modo, recolleu 8.533 topónimos entre vilas, montes, cabos, muíños, aldeas… Fontán logrou un auténtico fito baseándose nos coñecementos que lle transmitira o seu mestre, o matemático Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O exemplar orixinal da Carta Xeométrica de Galicia véndese por 7.500 euros en Madrid

A identidade do comprador segue sen facerse pública tras a licitación da obra magna realizada por Domingo Fontán

Galicia lembra a xesta científica de Domingo Fontán

A Real Academia Galega de Ciencias acolleu o acto académico que homenaxeou ao autor da Carta Xeométrica de Galicia

Unha unidade didáctica para que a mocidade descubra a Fontán

O Consello da Cultura Galega presenta unha publicación na que recolle a vida e obra do xeógrafo cunha monografía e diversas actividades

A Academia de Ciencias lembrará o vindeiro luns a Domingo Fontán

A Real Academia Galega de Ciencias celebrará o vindeiro luns, 8...