O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denega á Xunta a autorización para realizar batidas de control do lobo nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol. A resolución conclúe que a administración non acreditou un cambio de circunstancias que xustifique modificar as medidas cautelares xa adoptadas. En particular, o tribunal considera que os argumentos sobre un suposto incremento de ataques de lobos non están apoiados por probas técnicas suficientes. Por este motivo, desestima a solicitude de contracautela presentada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A sección segunda da Sala do contencioso-administrativo do TSXG sinala que as batidas de control solicitadas pola Xunta terían “evidentes consecuencias letais para os exemplares da especie de cuxa conservación se trata (lobo)”, e reprocha que se omitise a análise previa que o propio Plan de Xestión do Lobo obriga a realizar. Ademais, indica que “non se achega ningunha referencia técnica contrastada dun incremento de densidade poboacional que determine un verdadeiro cambio de circunstancias respecto ao valorado no auto firme de suspensión cautelar”.

Publicidade

Na resolución, os maxistrados tamén subliñan que a extracción proposta implicaría “a morte de exemplares nun número indeterminado, que non se concreta”, polo que non se pode descartar “un grave dano ao ecosistema”. Ao mesmo tempo, lembran que non se opón a outras actuacións que non impliquen a eliminación de exemplares. Así, admite a posibilidade de aplicar medidas destinadas a protexer a gandería e a seguridade das persoas, sempre que se fagan compatibles coa conservación da especie ameazada e cun desenvolvemento sostible do ecosistema.

Con todo, o TSXG conclúe que a proposta presentada pola Xunta “non é aceptable”, xa que non se xustifica que as medidas solicitadas sexan compatibles coa conservación da especie nin se acredita que se esgotasen previamente todas as medidas preventivas necesarias para evitar ou reducir os danos e riscos alegados.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro