Pau á caza do lobo: os sete fitos dunha longa polémica que seguirá nos tribunais

Unha medida cautelar do Tribunal de Xustiza de Galicia abre un novo capítulo dunha disputa que cumpre catro anos de vaivéns

A protección do lobo ibérico é unha das polémicas medioambientais máis importantes en Galicia e en Europa. As plataformas ecolóxicas e, de forma destacada, a Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (Ascel), promoven a defensa das poboacións deste animal. Por outro lado, as asociacións de caza, patronais agrarias e a Xunta de Galicia buscan abater algúns destes exemplares, co argumento de que precisan evitar os ataques ao gando.

A polémica viviu onte unha nova fase, despois de que o TSXG suspendese de forma cautelar a decisión da administración autonómica de permitir a súa caza. Con todo, a loita vén de máis atrás. Estes son os seis fitos principais dunha disputa que seguirá nos tribunais.

Publicidade

Maio de 2021: ultimato ao Goberno

Catro comunidades autónomas, Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León dan un ultimato ao Goberno central, ao que esixen ter a posibilidade de controlar as poboacións de lobos. Estas administracións din que, de non ser así, recorrerán ao Tribunal Supremo. Buscan un marco legal diferente para estas rexións, xa que no norte do Duero se concentran o 95% dos exemplares de todo o país. A petición está baseada nos ataques ao gando, unha queixa recorrente da patronal. Semanas máis tarde, faise público un borrador da nova normativa, na que se inclúe a protección total do lobo. Con todo, conta cunha excepción importante que limita a principal utilidade da lei nos casos de necesitar protexer o gando. A medida non contentou a Ascel, que a considerou “papel mollado” e tampouco ás comunidades, que estiveron molestas pola prohibición.

Setembro de 2021: chega a prohibición

O Goberno decide inclinarse cara as reclamacións das asociacións e prohibe de forma máis estrita a caza do lobo. O animal incluíuse no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial, ante a indignación das catro comunidades do noroeste. Aínda que establece algunhas excepcións é, de facto, unha restrición total. A Xunta, ao mesmo tempo que outras tres comunidades, anunciou que recorrería a decisión nos tribunais.

Publicidade

Decembro de 2023: a Comisión Europea rebaixa o estatus

A Comisión Europea, a pesar das presións de Irlanda e España, propón cambiar o estatus deste animal de “estritamente protexido” a “protexido”. A decisión tomouse poucos meses antes das eleccións europeas e permitía flexibilizar o seu control nos estados membros, aínda que a nivel nacional, en España mantería a defensa da súa conservación.

Marzo de 2025: desprotección no norte do Duero

O Congreso dos Deputados elimina a protección especial do lobo no norte do Duero. Faino a través dunha emenda do PP á Lei de Desperdicio Alimenticio, e cos votos a favor dos populares, de Vox, de PNV e coa abstención de Junts. A decisión implica que se pode cazar este animal. Tamén abre a porta á súa desprotección en todo o país, dependendo doutras decisións a nivel europeo. A partir deste momento, a Xunta planea permitir a caza de lobos para controlar as poboacións.

Abril de 2025: A Xunta permite a súa caza

A administración autonómica publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a autorización para a caza selectiva de lobos nos casos de danos a animais dos gandeiros. Esta medida se toma, segundo a administración, para “compatibilizar a súa existencia coa da gandaría extensiva e coa viabilidade económica”. Excepto abril, maio e xuño, a Consellería poderá autorizar batidas contra estes.

Maio de 2025: pronúnciase o Parlamento Europeo

O Parlamento Europeo segue o mesmo paso que o lexislativo español. A medida tómase, segundo os seus defensores, porque as poboacións xa están crecendo e non se considera que haxa tanto risco na súa viabilidade. Para estes grupos, o aumento no número de lobos comeza a ter un impacto demasiado elevado na gandaría e precisa máis control.

Xuño de 2025: O TSXG paraliza a caza

Xuño de 2025: O TSXG decide paralizar de forma cautelar a caza do lobo en Galicia. A medida é un revés para a Xunta. Non só pola medida en si, senón porque o auto asegura que hai indicios consistentes de que permitir a morte destes animais pode afectar de forma negativa á súa viabilidade. A Xunta defendeu que o número de poboacións pasou de 84 a 93 e que xa está presente en máis do 90% do territorio galego. Pero, para o alto tribunal, as probas presentadas non son suficientes. Tampouco sobre os danos á gandaría, nos que destaca que non hai os datos cualitativos e cuantitativos precisos para poder determinar que sexa necesario o control desta especie. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, advirte de que terán que solicitar axudas para compensar os danos producidos por estes animais ao gando.

As asociacións denuncian distorsións metodolóxicas

A decisión supón un alivio temporal para as plataformas sociais. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), recalcan que as taxas de crecemento anuais rexistradas entre 2015 e 2022 son do 0,47%. Son cifras que, segundo a organización, indican o estancamento das poboacións. Ademais, denuncian distorsións metodolóxicas. “Durante os traballos de campo do ano 2021 contouse (…) con axentes de medio ambiente”, explican desde a asociación. Porén, para o último censo, só se avaliaron lugares onde previamente deran negativo. “Supón unha sobrerrepresentación da mostra”, explican.

Agora, a batalla pola defensa do lobo segue nos tribunais, pero tamén na Unión Europea. En Bruxelas planean agora modificar a directiva, o que reduciría a súa defensa. Iso si, de momento, o lobo segue protexido (temporalmente) pola xustiza en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros