Un de cada catro lobos en Galicia presenta infección por vermes cardiopulmonares

Un estudo no que participou a USC detectou en cadáveres do noroeste peninsular un parasito que ocasiona doenzas respiratorias en carnívoros

O lobo está no centro do debate despois da súa inclusión na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. Foto: Pixabay.
Os parásitos detectados ocasionan infeccións en carnívoros domésticos e silvestres | Pixabay

Unha investigación realizada pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en lobos (Canis lupus) do catro provincias galegas determinou que o 25% dos individuos presentaba infección por vermes cardiopulmonares, parasitos responsables de infeccións respiratorias en cánidos de distinta consideración.

“Demostramos que, aínda que o raposo vermello (Vulpes vulpes) continúa sendo o principal reservorio silvestre de vermes cardiopulmonares na península ibérica, o lobo, debido á súa gran capacidade migratoria e de recolonización de espazos onde levaba moito tempo desaparecido, tamén podería xogar un papel importante no mantemento e transmisión destas parasitoses“, destaca Guadalupe Miró, catedrática do departamento de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da UCM.

Os vermes cardiopulmonares provocan no hospedador carnívoro signos clínicos que dependen da carga parasitaria e da idade principalmente. Se a carga parasitaria é baixa a infección adoita ser subclínica. As formas agudas, que aparecen sobre todo en animais novos, caracterízanse por tose seca, disnea e intolerancia ao exercicio.

O estudo, publicado en Animals, sinala que os parasitos máis prevalentes foron Angiostrongylus vasorum (19 %), Crenosoma vulpis (7 %) e Eucoleus aerophilus (4 %). Este último pódese considerar zoonótico, é dicir, os animais poden transmitilo aos humanos, polo que este achado pode ter impacto en saúde pública.

Entre as distintas especies de parasitos pulmonares atopáronse diferenzas: mentres que Angiostrongylus vasorum observouse en animais con peor condición corporal e por tanto con maior probabilidade de producir infeccións persistentes ou reinfecciones, Crenosoma vulpis foi o máis prevalente nos individuos novos.

“A prevalencia de vermes pulmonares máis elevada en lobos novos podería indicar que os hospedadores intermediarios forman parte da dieta lupina durante as primeiras etapas do seu desenvolvemento“, engade Miró.

Análise de mostras pulmonares de cinco anos

Para levar a cabo o estudo, analizáronse 57 aparellos cardiopulmonares de cadáveres de lobos recolleitos polas autoridades sanitarias de Galicia durante o período de 2016-2021. A causa da morte na maioría dos casos foi por atropelo ou morte natural, aínda que tamén houbo lazos ilegais. Foi a Universidade de Santiago quen liderou este traballo de campo: “É moi importante no estudo destas especies priorizar a calidade e non a cantidade. Hai que ser estrito e non se poden facer traballos en dous ou tres anos. Hai moi poucos exemplares e as mostras que recibimos non sempre son válidas”, reflexiona Ana López Beceiro, investigadora de Medicina e Cirurxía Clínica Veterinaria da USC.

Nesta longa investigación realizouse unha necropsia sistemática seguindo os procedementos habituais en todos os casos; coa disección anatómica dos aparellos cardiorrespiratorios recollendo as mostras biolóxicas que se almacenaron a -20ºC até o seu posterior procesado no laboratorio de Pet Parasite Lab da Facultade de Veterinaria da UCM.

Os vermes colleitáronse polo método de sedimentación en copa e identificáronse mediante claves morfológicas ao microscopio óptico. Cos resultados obtidos, avaliouse a prevalencia, intensidade de parasitación e diversidade de especies, e a correlación con diferentes variables epidemiolóxicas (idade, sexo, peso, condición corporal e provincia de captura, principalmente).

A perspectiva de futuro, explica López Beceiro, é seguir traballando para ampliar as mostras. “É un traballo de constancia. É interesante estudar a fondo o lobo, entre outras cousas, porque pode ser reservorio de enfermidades que son controladas en humanos e animais domésticos pero non así na fauna silvestre“, engade a investigadora da Facultade de Veterinaria de Lugo.

“Tamén estamos a traballar en toxicoloxía coa Universidade de Extremadura. Tratamos de exercer monitorización ambiental de contaminantes e, neste caso, a lonxevidade do lobo é moi interesante. Os animais que viven moito tempo e que están na parte alta da cadea trófica acumulan, por exemplo, pesticidas“, explica López Beceiro. Dende o seu equipo, tamén estudan a alimentación destes animais no estómago, non nas feces. “Sobre todo porque o lobo consome moita carroña e algo de gando. É interesante medir esa porcentaxe, que é unha fotografía moi puntual”.

A importancia do concepto de one health

López Beceiro fai fincapé en non caer na tentación de facer unha separación entre a saúde da fauna silvestre e a saúde das persoas: “Realmente é un ciclo no que todo está interconectado. Nós podemos desparasitar aos nosos cans, pero non así coa fauna silvestre“.

“Desde que en setembro de 2021 o lobo ibérico incluísese na Lista de Especies en Réxime de Protección Especial (LESPRE), establecéronse plans de conservación e mantemento da especie. Debido á súa elevada prevalencia e posibles efectos patogénicos, as parasitosis cardiopulmonares deberían terse en conta dentro deste marco”, conclúe a experta da UCM, Guadalupe Miró.


Referencia: Estévez-Sánchez, E., et al. A High Prevalence of Cardiopulmonary Worms Detected in the Iberian Wolf (Canis lupus): A Threat for Wild and Domestic Canids Animals (2022)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.