Xoves 25 Abril 2024

O censo do lobo estima 93 mandas reprodutoras en Galicia e confirma o avance da especie

Dende Patrimonio Natural confirman datos similares aos do seguimento anterior, manténdose a área de distribución territorial

A actualización do censo do lobo ibérico realizada pola Xunta entre 2021 e 2022 conclúe que existen en Galicia unhas 93 mandas reprodutoras, cifra similar ás 90 mandas estimadas no seguimento correspondente ao período 2013-2015 e que confirma a evolución positiva da especie no país.

Así o avanzou esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que aproveitou a súa visita a unha explotación gandeira en semiextensivo de Rois para dar a coñecer as principais conclusións dos traballos encargados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de dispoñer de datos actualizados sobre a presenza e distribución territorial desta especie silvestre.

Publicidade

En concreto, do Campo explicou que as estimas poboacionais que apuntan a un incremento do número de mandas reprodutoras —3 máis que no seguimento anterior— se obtiveron aplicando dúas metodoloxías distintas avaladas por publicacións científicas e que arroxaron conclusións moi similares. Esta coincidencia, asegurou, “confirma a robustez” dos datos obtidos e avala que o estado de conservación do lobo en Galicia “é favorable”.

Así mesmo e con relación á distribución territorial da especie, os traballos acometidos apuntan tamén a que o lobo ibérico ten unha presenza xeneralizada en Galicia, agás nas grandes cidades e no Baixo Miño, cunha área de reparto que ocuparía unha superficie de 26.098 quilómetros cadrados, o que supón o 91% do territorio galego.

Tras facer fincapé no “bo estado do lobo en Galicia”, do Campo salientou que a Consellería “seguirá ao carón do sector agrogandeiro mobilizando fondos propios para prever e paliar posibles ataques.

Así, anunciou que esta semana mesmo o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de axudas para compensar os danos ocasionados por estes animais silvestres en explotacións e no gando.

A maiores, tamén avanzou que a comezos de xaneiro se publicará unha nova convocatoria da liña de axudas para a adopción de medidas de prevención fronte ao lobo. Por último, cómpre subliñar que tamén se publica no DOG unha nova orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros para 2023 co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas.

Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie silvestre entre o 11 de outubro deste ano e o 10 de outubro do que vén e, como principal novidade, a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que este ano.

Os ecoloxistas enfrían as previsións da Xunta

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) cuestiona a satisfacción da Xunta ante o anuncio dos resultados do novo censo das poboacións de lobo en Galicia, parabenizándose a si mesma de ter aumentado en tres grupos máis con respeito ao anterior censo (2015).

Dado que se trata dunha especie protexida, incluída na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial ao amparo do RD 139/2011 de 4 de febreiro, “a validez dos datos deberá ser contrastada polo Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade e o propio Ministerio“, explican dende o colectivo. O seguemento da avaliación da especie debe facerse de modo coordinado co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aplicándose as mesmas metodoloxías.

En todo o proceso de elaboración do estudo, explican, “cabe destacar unha cuestionable falta de transparencia pois se ben foi contratado para realizarse durante o ano 2021, ampliouse a un segundo ano (2022), por ter deparado o primeiro censo de campo uns resultados moi negativos cun importante descenso da poboación, un secreto a voces difícil de ocultar”.

Con datos propios recollidos por Adega, nestes últimos anos a evolución das mandas por provincias “tería sido desigual”, o que pode provocar “unha distorsión interesada na información que se ofrece“. Hai territorios dos que se coñecía a presenza histórica, nos que se constatou a desaparición de varias mandas, casos concretos das provincias de Pontevedra e Coruña, afirman dende Adega. “Se ben nalgunha comarca de Lugo teríase rexistrado algunha mellora, o que axuda a matizar a cifra do censo global, os datos non agochan os problemas de conservación que afectan a esta especie”, rematan.

3 COMENTÁRIOS

  1. Son de aldea (concello de Negreira) e nunca vin un lobo. Xabaríns si, un mundo deles, o último o mes pasado na entrega mesmo da vila, en Logrosa (extraño que non teñan depredadores. Non sei onde estarán ese avance coas 93 manadas, paréceme unha valoración inflada e moi pouco fundamentada.

  2. Os lobos deben ter o seu ámbito pero a interferencia grave que se da co gando conleva unha problemática non resolta satisfactoriamente …

  3. Siempre que se mantenga la madre naturaleza es bueno ahorra esta muy claramente si no se hace trabajó de campo sr luego pasa lo que pasa,
    Bien a provecho este cran espacios para desearles a todos de corazón muy buenas fiestas ,desde mi tierra que me vio nacer condado paradanta Pontevedra Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo detecta gran variación nos niveis de endogamia do lobo ibérico

A investigación liderada polo CSIC suxire que a fragmentación na poboación é unha das causas da falta de fluxo xenético

“O lobo é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago”

O investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, cualifica de “mala noticia” a revisión do status de protección da UE

Un de cada catro lobos en Galicia presenta infección por vermes cardiopulmonares

Un estudo no que participou a USC detectou en cadáveres do noroeste peninsular un parasito que ocasiona doenzas respiratorias en carnívoros

Cerco ao lobo: un estudo revela o progresivo illamento da especie en Galicia

Un estudo proba que no século XIX estaba presente no 65% do territorio peninsular