A loita medioambiental ten moita forza en Galicia. Acaden ou non os seus obxectivos, marcan algúns dos titulares máis importantes co paso dos anos. Por exemplo, a crise dos pellets, as protestas pola presenza de Ence na ría de Pontevedra ou o macroproxecto de Altri. Porén, a construción dunha mina de litio en Galicia pasou máis desapercibida e continúa os trámites coa expectación por parte das asociacións ecoloxistas. A extracción anual de 500.000 toneladas deste material estratéxico durante 42 anos deixará un investimento directo de máis de 125 millóns de euros e prevé crear 320 postos de traballo. A saída da información pública sobre a mina de Doade o pasado venres resolve algunhas das dúbidas dos grupos ecoloxistas, que aínda analizan os documentos presentados, de máis de 8.700 páxinas.
É unha infraestrutura de alto impacto económico e declarado estratéxico pola Unión Europea, pero como toda mina (e proxecto de calquera tipo), ten consecuencias medioambientais. Para comezar, na súa construción: só o movemento e as operacións da maquinaria xa provocarán a emisión de 6.700 quilogramos de nitróxeno de óxido.
O paso do lobo ibérico
A diferenza doutras, parte dunha vantaxe: que é subterránea. É algo especialmente importante para diminuír o seu impacto paisaxístico e na fauna. É o caso do lobo ibérico, que tamén afronta nos últimos meses un proceso de desprotección. Aínda que os informes recollen que non é zona de cría, si é un espazo de paso.
“En superficie hai pouca extensión e seguramente sexa máis efecto barreira a propia estrada que hai cerca ou o aeródromo”, explica Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A súa presenza foi confirmada con tres cámaras de fototrampeo que capturaron, ademais, a raposos, corzos, xabarís, lebres e o porco teixo.
Grande afección aos fluxos de auga
Con todo, a parte máis delicada para a SGHN é a do impacto ás augas. “Posiblemente sexa onde haxa máis conflito”, asegura González, que aínda analiza con calma toda a documentación. O informe de impacto ambiental recalca que afecta a varios fluxos de auga subterráneos. A afección máis importante durante a fase de obra é para o denominado CA-3, do cal se prevé a perda do 26% do caudal de seguir co proxecto como está planeado. O motivo sería a construción de plataformas, que provocaría a perda da infiltración da auga. “Un 26% empeza a ser unha cifra moi relevante”, valora González, que destaca a súa preocupación por este ámbito.
Na fase de desenvolvemento da actividade, a maior afectada sería a captación CA-5. Iso si, as medidas mitigadoras poden axudar en gran medida. Actualmente, co plan actual os informes estiman que o caudal de descarga reduciríase nun 48,6%. No caso do rego Ponto de Ana, sería dun 12%.
Medidas mitigadoras
Hai unha serie de accións mitigadoras que poden axudar a reducir o impacto destas condicións. Por exemplo, aumentar a profundidade do CA-3 en máis de 1,5 metros pode axudar a corrixir parte do problema. Tamén preocupa a baixada do nivel freático no CA-5, considerado de impacto moderado. A realización de inxeccións de impermeabilización nas galerías da mina deixaría a súa afección no 0,95%.
A mina de Doade podería non ser das máis prexudiciais de Galicia (se ben terá un impacto ecolóxico), pero para iso será importante que a empresa aplique as medidas propostas. Por exemplo, utilizar silenciadores nos ventiladores este e sueste, no posible construír cubertas vexetais, realizar filtracións durante o tratamento das augas e deshidratar os lodos.
Un proxecto máis equilibrado?
“Hai unha diferencia substancial con respecto aos outros proxectos que se teñen presentado recentemente”, destaca o ecoloxista. Fala da mina de ouro de Corcoesto ou a idea de volver a explotar a de Touro. Tamén aclara que é un proxecto no que non haberá entulleiras nin balsas de lodo en superficie. “Pero claro, calquera proxecto ten un impacto, e nalgúns casos poden ser unha barbaridade”, explica. “O Concello da Carballeda de Valdeorras ten a décima parte da súa superficie arrasada”, recorda. Por iso, segundo considera que en comparación con estes proxectos, a mina de Doade parece máis equilibrada. González, iso si, agarda a facer unha avaliación máis profunda do estado das augas para confirmar que o proxecto non é moi negativo.
Destaca que, para evitar abusos, xogan un papel crucial as administracións públicas. Considera que ante a empresa, que sempre vai buscar o máximo beneficio propio, debe haber un interese por parte das institucións de evitar un impacto importante. O ecoloxista tamén pon en valor o traballo da sociedade civil, imprescindible nunha democracia e para defender o medio ambiente.













